Dámaso Berenguer y Fusté

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Damaso Berenguer.JPG

Dámaso Berenguer y Fusté, nado en San Juan de los Remedios (Cuba) o 4 de agosto de 1873 e finado en Madrid o 19 de maio de 1953, foi un militar e político español. Primeiro Conde de Chauen [1920-1953].

Participou nas campañas da guerra de Marrocos en 1909, converténdose nunha figura prestixiosa dentro do exército, sendo ascendido a xeneral. En 1918, no goberno presidido por García Prieto foi Ministro da Guerra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Cuba de pais españois, Dámaso Berenguer abrazou a carreira militar, ingresando na Academia Xeral Militar, graduándose pola arma de Cabalaría en 1892, como alférez. Poucos anos despois, Berenguer participou na Guerra de Independencia de Cuba. Pasou a ocupar diversos destinos no Protectorado español de Marrocos, e tomando parte na guerra de Marrocos, a partir de 1909, ascendendo por méritos de guerra até o xeneralato. En 1916, foi promovido a gobernador militar da provincia de Málaga.

Alto Comisario en Marrocos[editar | editar a fonte]

Logo de ser nomeado Alto Comisario español en Marrocos, deseñou un ambicioso plano de pacificación e ocupación definitiva do territorio do protectorado. Pese a obter algúns éxitos nos comezos, como foi a toma de Xauen en 1920, toda a operación fracasou ante o desastre de Annual (1921), propiciado pola actuación neglixente do xeneral Fernández Silvestre, comandante xeneral da zona de Melilla e subordinado seu. Silvestre, ao que parece, animado polo rei Afonso XIII, no seu avance sobre Annual fixo sen fortificar axeitadamente a súa retagarda. Esta actuación temeraria produciu a derrota perante as harkas rifeñas, dirixidas por Abd el Krim

Procesado e separado do servizo polas súa responsabilidade, foi amnistiado logo do golpe de estado de Primo de Rivera en 1923. En 1924 foi nomeado xefe da Casa Militar do rei. O 27 de marzo de 1925 foi nomeado Capitán Xeneral de Galicia, cargo que ostentou até o 31 de agosto de 1926. Primo de Rivera propuxo o seu nomeamento como conde de Xauen en 1927.

A Ditabranda[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1930, Primo de Rivera demite, ao serlle retirado o apoio do Exército, situación na que o rei Afonso XIII encomendou a Berenguer a formación do goberno e a normalización da situación política alterada por sete anos de ditadura. O 30 de xaneiro fórmase o novo goberno, no cal Berenguer, ademais da presidencia, asume tamén a carteira de Guerra.

As esperanzas postas neste goberno, en pos da ansiada volta á normalidade constitucional, goberno que popularmente sería coñecido como a «Ditabranda», esboroan entre os partidarios da república, e incluso entre os grupos monárquicos, que foran marxinados pola ditadura de Primo de Rivera. Estes pretendían unha ampla revisión da lexislación emanada na ditadura, así como a reposición nos seus antigos cargos de deputados, concelleiros e catedráticos, dos que foran cesados pola mesma.

Con obxecto de tranquilizaren ánimos, Berenguer afirmou que o novo goberno quería a pacificación do país e máis a volta á normalidade constitucional, prometendo, entre outras cosas, a convocatoria de eleizóns xerais, feito ao que se opuñan os partidos tradicionais, desarborados polo paréntese ditatorial.

O movemento obreiro, liberado despois de anos de amordazamento, acrecentou as súas protestas, producíndose un incremento da desorde pública.

Os partidos republicanos uníronse provocar a caída da Monarquía, asinando, en agosto de 1930, o denominado Pacto de San Sebastián. En decembro dese mesmo ano, un levantamento militar tentou en Jaca a proclamación da República, sendo fusilados os seus dirixentes, os capitáns Galán e García Hernández, tras fracasaren no seu intento.

Perante tantas dificultades, Berenguer renunciou o 14 de febreiro de 1931. Entón Alfonso XIII ofreceu o goberno a Santiago Alba, que o rexeitaría, sendo substituído polo almirante Aznar. Dous meses despois caería a Monarquía, á vista dos resultados favorábeis á República das eleccións municipais do 12 de abril de 1931.

Memorias[editar | editar a fonte]

Berenguer escribiu un libro sobre a súa etapa á fronte da xefatura do goberno, titulado De la Dictadura a la República. Madrid. Tebas, 1975 - ISBN 84-7273-063-8

Predecesor:
Miguel Primo de Rivera
Presidente do Goberno de España
1930 - 1931
Sucesor:
Juan Bautista Aznar-Cabañas


Véxase tamén[editar | editar a fonte]