Czapka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Czapka utilizado polo 1º Rexemento de ulanos da Lexión Polaca durante a primeira guerra mundial

O czapka é un tipo de morrión empregado en orixe polas unidades de lanceiros da cabalería polaca e que se estendeu ao longo do século XIX polo conxunto de Europa. Consiste nun gorro alto cuadricorne coa insignia do rexemento na fronte.

Orixe[editar | editar a fonte]

Ulanos ao servizo do Gran Ducado de Varsovia levando o czapka

Desenvolveuse como unha variante do shako pero con picos, que empregaban os ulanos ao servizo do Imperio austríaco que establecera Xosé II en Galitsia a partir de 1784[1]. Durante as guerras napoleónicas empregárono as unidades polacas que loitaban no seo das forzas francesas e o seu uso espallouse entre as tropas francesas, dos países aliados e mesmo entre os seus inimigos. O Gran Ducado de Varsovia adoptouno tamén para unidades de infantaría e artillaría. Debido á efectividade dos lanceiros polacos durante as guerras napoleónicas, os exércitos de toda Europa crearon rexementos específicos de lanceiros, copiando o uso do czapka como parte do seu uniforme.

Século XIX[editar | editar a fonte]

Francia[editar | editar a fonte]

En Francia empregárono os rexementos de lanceiros e máis tarde a Garda Imperial de Napoleón III, logo tras a caída do Segundo Imperio desapareceron as unidades de lanceiros e con eles o czapka.

Reino Unido[editar | editar a fonte]

No imperio británico os rexementos de lanceiros levaron a peza nos uniformes de gala ata ben entrado o primeiro terzo do século XX como se recolle na Dress Regulations for the Army de 1934 e aínda no século XXI a Garda de Honra do Queen's Royal Lancers continúa co seu uso.

Alemaña e Austria-Hungría[editar | editar a fonte]

Czapka utilizado polo exército austro-húngaro

O czapka alemán e o austro-húngaro ("shapka") consistía nun corpo de coiro negro prensado equipado cun escudo frontal que deixaba a parte de atrás da cabeza sen protección; carecía de aba dianteira e no canto de pico tiña unha tapa de catro cantos, salientando tamén o uso dunha manga para a introdución dunha pluma durante os actos cerimoniais.

Portugal[editar | editar a fonte]

En Portugal existiron rexementos de lanceiros ata a caída da monarquía, en 1910, que utlizaban o czapka nos uniformes de gala.

España[editar | editar a fonte]

En España os lanceiros utilizaron a czapka ata 1868.

Séculos XX-XXI[editar | editar a fonte]

Primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]

Os lanceiros belgas, alemáns e austrohúngaros utlizaron o czapki no servizo activo durante as primeiras semanas da guerra, aínda que habitualmente utilizando un forro a xeito de camuflaxe.

Polonia[editar | editar a fonte]

En Polonia durante o século XX o czapka converteuse nun dos símbolos nacionais, despois da primeira guerra mundial, o novo exército polaco adoptou unha variedade cuadricorne como a súa gorra de prato, coñecido como rogatywa, aínda que logo a partir de 1952 subtituiuse por un modelo de fasquía soviética, manténdose a rogatywa como gorra de patrulla e a partir de 1982 utilizada pola garda de honra do Palacio Belvedere. A comezos do século XXI os oficiais do exército polaco utilízanas como gorra de parada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cavalry: The History of a Fighting Elite 650BC - AD1914 V. Vuksic e Z. Grbasic. Cassell, Londres, 1ª edición de peto 1999 páxina 184