Crise de Agadir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A crise de Agadir ou Segunda Crise Marroquí, acontecida en 1911, estivo a piques de desencadear unha guerra entre Francia e Alemaña, que podería ter ocasionado a Primeira Guerra Mundial tres anos antes.

Conflito[editar | editar a fonte]

O incidente comezou polo envío dun buque canoneiro alemán ao porto atlántico marroquí de Agadir, un enclave estratéxico de importancia tanto polas súas características intrínsecas, considérase o mellor peirao da zona entre Xibraltar e Canarias; e tamén conta moito a situación do protectorado colonial francés en Marrocos. Era un novo desafío a Francia, tras a Primeira Crise Marroquí, pois en 1905 Guillerme II, aproveitando unha visita a Tánxer, dixera que Alemaña non permitiría que Marrocos pasase a ser dominado por unha única potencia (Francia). Aquela ameaza foi despexada pola Conferencia Internacional de Alxeciras (1906), á que foron convocadas tódalas potencias europeas e que confiou a España a parte norte do protectorado.

No caso de Agadir, a activación da diplomacia europea tamén conseguiu a resolución da crise, que concluíu coa sinatura dun acordo franco-alemán polo que Alemaña daba mans libres a Francia en Marrocos a cambio dunha parte importante do Congo francés.

Mentres a tensión internacional se agudizaba, a alianza franco-británica coñecida como Entente Cordiale, recentemente incluída no que se coñeceu como Triplo Entente canda a Rusia, saíu fortalecida ao apoiar Londres resoltamente ao goberno de París. As boas relación entre os dous países viñan, polo menos, da resolución da crise de Fachoda en 1898, polo seu común recelo ao crecente poder alemán.