Criptozooloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Críptido»)
Un 'home mariño', debuxo de 1531.

A criptozooloxía (do grego κρυπτός [cryptós] "oculto", ζῷον [zôov], "animal" e λόγος [lógos], "estudo"); literalmente: "O estudo dos animais ocultos") é a disciplina que realiza o estudo e a busca de hipotéticos animais actuais cuxa existencia é algo máis que sospeitosa, tales como o delfín do Senegal ou, máis coñecidos, o Yeti e o monstro do lago Ness, así como de animais considerados extintos ou descoñecidos para a ciencia, pero presentes na mitoloxía e mais no folclore. Estes animais, denominados críptidos polos criptozoólogos, estarían quedando, segundo eles, fóra dos catálogos da zooloxía contemporánea.

O neoloxismo criptozooloxía, cuxa mesma definición non está claramente establecida, é, segundo o GDT, unha

Ciencia que trata de estudar obxectivamente o caso dos animais só coñecidos por testemuñas, pezas anatómicas ou fotografías de valor cuestionábel.

A criptozooloxía recibiu moi pouca atención por parte da comunidade científica e os escépticos,[1][2] que a consideran como unha pseudociencia. E non existe ningunha formacíón universitaria de criptozooloxía e ningún instituto científico oficial da mesma.

Deste xeito, cada quen pode titularse criptozoólogo. Pero non debe considerarse como relativo á criptozooloxía mais que o que se relaciona co traballo dun zoólogo interesado pola criptozooloxía, so pena de verse nun catálogo de representantes da lenda urbana, da mitoloxía ou do sensacionalismo.

O traballo dos zoólogos interesados na criptozooloxía consiste esencialmente, por outra parte, en rexeitar ou desacreditar as ironías, segundo o zoólogo Bernard Heuvelmans, considerado o creador da criptozooloxía na súa obra de referencia Sobre a pegada das bestas ignoradas.

Se esta falta de organización xúlgase rexeitábel, o feito mesmo de estudar tamén as testemuñas (por definición subxectivas) suscita a crítica da gran maioría da comunidade científica.

Estudo[editar | editar a fonte]

As persoas que se dedican ao estudo e investigación da criptozoología fanse chamar criptozoólogos, mentres que as hipotéticas criaturas en cuestión son denominadas críptidos.

Na criptozooloxía presúmese a hipotética existencia real dos críptidos, xa que algunhas das características que presentarían estes animais fanlles crer (aos criptozoólogos) que existen posibilidades de que estas criaturas existan.

A criptozooloxía dedícase ao estudo destes presuntos animais descoñecidos, dos cales posúen unha gran lista de citas a través do tempo, e que nalgúns casos foron descritos por algunhas supostas testemuñas que informaron avistamentos ocasionais entregando unha descrición coincidente coas supostas características de animais extintos.

Aínda que popular e antigamente asociábase á criptozooloxía con todas as criaturas mitolóxicas presentes nos mitos ou lendas, os criptozoólogos modernos non se dedican a estudar todas estas criaturas fantásticas. Para que unha delas mereza ser estudada e catalogada como críptido debe presentar as características anteriormente mencionadas.

Igualmente, a criptozoología inclúe dentro do seu ámbito certos descubrimentos da zooloxía realizados por zoólogos por simple casualidade, que sr citan e se utilizan como xustificación da súa disciplina. Entre estes animais os máis coñecidos son a bolboreta esfinxe de Morgan (cuxa existencia foi predita por Charles Darwin), a lura xigante (da cal afirman que orixinou a lenda do kraken), o celacanto (que se cría extinto), ou o okapi (cuxo descubrimento a principios do século XX causou impacto mundial), entre outros.

Historia[editar | editar a fonte]

A invención do termo criptozooloxía adoita atribuírse ao zoólogo franco-belga Bernard Heuvelmans (1916-2001), quen definiu esta disciplina como

«o estudo dos animais sobre cuxa existencia só posuímos evidencia circunstancial e testemuñal, ou ben dos que as evidencias materiais se consideran insuficientes pola maioría».

O seu libro de 1955 “Sobre a pegada das bestas ignoradas” é a miúdo visto como a xénese desta disciplina, pero o mesmo Heuvelmans remontou ditas orixes a Anthonid Cornelis Oudemans e o seu estudo de 1892 “A gran serpe mariña”.

Posteriormente, Heuvelmans argumentou que a criptozooloxía debía practicarse con rigor científico, pero tamén cunha actitude aberta e interdisciplinar, dando a estes termos, por tanto, un sentido alleo ao do verdadeiro "rigor científico".

Ademais, segundo Heuvelmans, débese tamén prestar especial atención ás tradicións e crenzas populares sobre estas criaturas. Aínda que adoitan estar revestidas de elementos fantásticos e inverosímiles, as lendas populares poden conter algunha parte de verdade que puidera axudar a guiar a investigación sobre "animais inusuais".

En España existe unha obra temperá sobre o tema, do doutor José Luis Barceló, editada por Telstar en 1967 e titulada Animales desconocidos sobre la tierra.

O ocapi, que durante anos fora coñecido só polos relatos recompilados dos pigmeos, usouse como emblema da International Society of Cryptozoology, a pesar de non ter sido descuberto por criptozoólogos.

O ocapi, símbolo da defunta International Society of Cryptozoology.

A editorial Espasa Calpe, publicou en 1963 “El pez pulmonado, el dodo y el unicornio, de Willy Ley, traducido do inglés por José Banfi e Alfredo B. Besio e publicado orixinalmente baixo o título de “The Lungfish, the dodo, and the Unicorn” en 1941, 1945 e 1948 por The Viking Press Inc.

Entre os criptozoólogos con titulación universitaria en Zooloxía temos (ademais do fundador Bernard Heuvelmans) a Karl Shuker, Loren Coleman, Anthonie Cornelis Oudemans e outros.

Actualmente a criptozooloxía, como outras pseudociencias, está en auxe. Hai moitas páxinas de Internet de afeccionados aos misterios e de seguidores da criptozooloxía, e numerosas empresas privadas e organismos públicos promocionan e rendibilizan a criptozooloxia como un medio para vender os seus produtos ou atraer turistas.

Críticas[editar | editar a fonte]

Entre as críticas realizadas á criptozooloxía destacan:

  • Alégase que ás veces os criptozoólogos modifican radicalmente as características de seres mitolóxicos ou lendarios para facelas cadrar cos trazos de animais extintos e así darlles verosimilitude. É o caso do mapinguarí: os nativos das selvas do Brasil e Bolivia descríbeno como un monstro humanoide horripilante que dá fortes berros, ten os pés voltos do revés e amosa unha boca hedionda no abdome. Para os criptozoólogos, porén, é un tímido e asustadizo megaterio.
  • Os criptozoólogos nunca descubriron realmente un só críptido, nin acharon probas cientificamente convincentes da súa existencia. Os zoólogos, en cambio, encontran cada ano centos de especies novas. Por iso, a criptozoología pretende facer seus certos descubrimentos da zooloxía, e darlle as características dun críptido.
  • Segundo os criptozoólogos, esta afirmación denota, ou ben un absoluto descoñecemento da historia da zooloxía, ou ben simple mala fe. Segundo eles, o problema de fondo radica en que a criptozooloxía, pola súa propia definición, á a única disciplina cuxos éxitos diminúen o seu campo de aplicación: toda nova especie descrita sae automaticamente da criptozoología para entrar na zooloxía. Un caso que adoita citarse como descubrimento dun críptido é o do kraken, do que os seguidores da criptoloxía alegan que corresponde a varias especies de luras xigantes. A isto os críticos responden que a luras xigantes non son o kraken (véxase tamén A lura xigante na cultura popular).
  • A alegación de que a criptozooloxía fallaría de utilizar o método científico, xa que este require que as hipóteses sexan descartadas cando non se cumpran as súas predicións, non é tida en conta polos criptozoólogos, xa que a crenza nos críptidos sostense indefinidamente sen que os resultados negativos lles afecten.
  • Á falta de evidencias á hora de encontralos xustifícanse con explicacións ad hoc ("é un animal tímido", "agóchase en áreas pouco exploradas", "a súa poboación é moi escasa" etc.). Igualmente, de forma equivocada, hai críptidos orixinados no folclore aos que se lles asignan nomes zoolóxicos (violando as normas da nomenclatura zoolóxica), descríbense e identifícanse con animais fósiles etc; todo iso sen probas sólidas da súa existencia. Por estas razóns, os escépticos e os científicos consideran a criptozooloxía como unha pseudociencia.
  • Produto do mencionado anteriormente, en numerosas ocasións, sucede que varios dos criptozoólogos non aceptan os argumentos científicos que van en contra de moitas das presuntas probas que terían. Exemplo diso é o que ocorre coas supostas pegadas do Yeti, as mostras de pelo do Orang Pendek, ou os numerosos vídeos e fotografías das criaturas lacustres, as cales foron descartadas como probas científicas.
  • Ademais unha das grandes dificultades coas que conta a criptozooloxía é que resulta imposíbel, desde un punto de vista racional e científico, demostrar a existencia de certos animais singulares. A explicación é sinxela: aqueles que manteñen a existencia de seres folclóricos ou mitolóxicos como o monstro do lago Ness, Pé Grande etc., esquecen que a existencia dun único individuo dunha especie de forma indefinida na natureza é xenética e naturalmente imposíbel. É necesario que haxa unha poboación mínima de individuos dunha especie para conseguir a reprodución e asegurar a necesaria diversidade xenética que o faga subsistir no seu medio. Así, ao admitir a existencia de "Nessie", por exemplo, estaríase admitindo implicitamente a existencia non dun só individuo senón dunha poboación xeneticamente viábel destes supostos seres.
  • Ás veces dentro da criptozooloxía dan apoio ou están involucrados grupos con intereses relixiosos relacionados co creacionismo, os cales só realizan unha investigación con características subxectivas, só interesados en manter e difundir a crenza na existencia actual de animais extintos (principalmente dinosauros, ademais doutros animais dos —incorrectamente— chamados prehistóricos), para así negar a súa extinción e tratar de manter a crenza do diluvio universal, sostendo o argumento de que estes animais ou grupos de animais foron salvados pola Arca de Noé.
  • Para algúns a criptozoología non é unha disciplina científica porque parte de indicios de validez discutíbel, como testemuñas ou restos materiais dubidosos. Pero a finalidade da criptozooloxía é, precisamente, a obtención de probas definitivas da existencia (ou inexistencia) de novas especies a partir de ditos indicios.

Bestiario de criaturas criptozoolóxicas[editar | editar a fonte]

O Ya te veo, unha planta carnívora

Criaturas acuáticas[editar | editar a fonte]

Criaturas lacustres[editar | editar a fonte]

Monstro do lago Ness, pintura de Hugo Heikenwaelder

Criaturas mariñas[editar | editar a fonte]

Criaturas terrestres[editar | editar a fonte]

Celacanto, Latimeria chalumnae

Animais estraños[editar | editar a fonte]

Unha Lebre alada con cornos

Criaturas humanoides[editar | editar a fonte]

Chuman, tamén coñecido como Humanzee de Manpanzee

Outros[editar | editar a fonte]

Criaturas pseudocriptozoolóxicas[editar | editar a fonte]

Tamén existe outro grupo de criaturas ás que popularmente aínda se identifican como críptidos, pero que a maioría dos criptozoólogos modernos descartan que pertenzan á súa área de estudo, debido a que:

  • Estas criaturas non presentan todas as características necesarias para seren consideradas como críptidas, tales como que existan relatos constantes da súa presenza a través do tempo.
  • Estas criaturas considéranse máis forteanas ou apropiadas para o seu estudo por parte da parapsicoloxía.

Criaturas aladas[editar | editar a fonte]

Criaturas terrestres[editar | editar a fonte]

Criaturas criptozoolóxicas falsas[editar | editar a fonte]

Igualmente na criptozooloxía con frecuencia existen falsificacións de supostas criaturas que nalgún momento se consideraron como críptidos, pero despois dun tempo descubriuse a súa inexistencia. Exemplos delas son:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "EL YETI Y OTROS BICHOS ¡VAYA TIMO!". 
  2. Chordá, CARLOS. EL YETI Y OTROS BICHOS ¡VAYA TIMO!. Editorial Laetoli. p. 136. ISBN 9788493566128. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]