Cráter Galilaei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galilaei

Galilaei é un cráter de impacto lunar situado ao oeste do Oceanus Procellarum. A certa distancia cara ao sueste está o cráter Reiner, mentres que ao sur-suroeste está o Cavalerius. Ao nordeste do cráter hai unha rima sinuosa (depresión con forma de canal) chamada Rima Galilaei. Cara ao sueste atópase a infrecuente formación Reiner Gama, unha sucesión de remuíños de material claro disposto radialmente. Ten un diámetro de 15,5 km e unha profundidade de 1,4 km.

Galilaei é un cráter bastante ordinario, co seu bordo ben definido e cun albedo máis intenso que o dos mares circundantes. As súas paredes interiores descenden até un anel de material fragmentario no bordo exterior da superficie interior. Hai unha pequena elevación preto do centro.

A uns 40 km ao sur está o lugar de aluaxe da sonda robótica Luna 9, o primeiro vehículo da súa clase en realizar un descenso controlado na superficie lunar.

A pesar de que Galileo Galilei foi o primeiro en publicar observacións astronómicas da Lúa realizadas con telescopio, o único accidente lunar bautizado no seu honor foi esta humilde formación.

Inicialmente, o nome de Galilaeus deullo Giovanni Battista Riccioli, un xesuíta italiano que realizou un dos primeiros mapas detallados da Lúa en 1651, a unha formación grande e brillante con intenso albedo situada preto do cráter, e que agora é coñecida como Reiner Gama. O nome foi transferido ao cráter da súa actual localización por Johann Heinrich Mädler no seu influente Mappa Selenographica, publicado en colaboración con Wilhelm Beer en catro partes entre 1834 e 1836. O motivo de Mädler para este cambio foi que o seu mapa non incluía nomes de formacións de albedo intenso, forzándoo a cambiar o nome de Galileo para ese insignificante cráter ao seu carón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]