Cova de Chauvet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grupo de cabalos, na gruta de Chauvet

A cova de Chauvet é un dos máis importantes e notábeis sitios prehistóricos europeos, rico en testemuñas, simbólicas e estéticas, do Paleolítico superior (Auriñaciense).

Localización[editar | editar a fonte]

A gruta de Chauvet está situada en Francia, no concello de Vallon-Pont d'Arc, en Ardèche (rexión de Ródano-Alpes). Foi descuberta casualmente o 18 de decembro de 1994, polo espeleólogo afeccionado Jean-Marie Chauvet, que ía acompañado por dous amigos, Éliette Brunel e Christian Hillaire. En honra do descubridor a caverna foi denominada Chauvet (o nome anterior do sitio era Combe d'Arc).

Descrición[editar | editar a fonte]

A caverna intérnase uns 500 metros na montaña. Foi creada durante séculos polo río Ardèche. De grandísima beleza, posúe longas paredes translúcidas de cristal e cúpulas iridescentes.

Tornouse famosa pola descuberta, no 1994, de numerosas pinturas rupestres, datábeis na época do home de Cro-Magnon, no Paleolítico superior. O noso devanceiro habitaba na época esta zona que ofrecía unha paisaxe semellante ao da tundra, desolada e fría.

A cova presenta pinturas e incisións rupestres de diversos animais, como bisontes, mamuts, bufos, rinocerontes, leóns, osos, cérvidos, cabalos, hienas, renos e enormes félidos escuros. Realizados nas cores fornecidas por elementos naturais, os animali representados suman máis de 500 obras, datábeis arredor de hai uns 32.000 ou 31.000 anos, o que converte estas figuras nunhas das máis antigas do mundo. Podemos teorizar que o lugar foi un importante santuario da época.

Particularidades[editar | editar a fonte]

Con as cavernas de Lascaux (1940), Cosquer (1991) e Cussac (2000), a cova de Chauvet é unha das grutas principais descubertas en Francia pola calidade estética das súas obras.

Presenta ademais un moi grande interese científico, tanto desde un punto de vista arqueolóxico como desde o artístico rupestre. É unha das máis antigas cavernas ornamentadas do mundo, con mostras do período Auriñaciense (arredor de 31.000 anos atrás). Os descubridores e o equipo que, logo do descubrimento, levaron o peso das investigacións so a dirección de J. Clottes, tomaron o máximo de cautelas indispensábeis para preservar non só as paredes, senón calquera posíbel pegada de de actividade humana no chan ou noutros lugares.

A gruta é notábel porque foi ocupada por seres humanos en dúas fases moi antigas, no Auriñaciense (31.000 a 25.000 aprox.) e no Gravetiense (25.000 a 18.000 a.n.e), consonte os resultados obtidos por J. Clottes. As representacións parietais foron realizadas só na primeira das etapas.

As datacións polo método do carbono 14, foron postas en dúbida en 2003 polos arqueólogos Christian Züchner, Paul Pettitt, Paul Bahn e máis outros, que coidan que estas pinturas son máis recentes, baseándose en criterios principalmente estilísticos. A cova de Chauvet porén goza dun elevado número de datacións directas, hoxe aceitadas pola maioría dos prehistoriadores. As investigacións efectuadas sobre o estilo artístico, mostran o caso dalgúns gravados probabelmente gravetienses, que recobren certas pinturas negras auriñacienses e testemuñan así a súa grande antigüidade (cf. E. Guy).

Estas pinturas testemuñan a mestría no uso de técnicas moi diversas (preparación das paredes, gravados, trazos de dedos, mans en positivo, pinturas, estampados, etc.). Os temas abordados son esencialmente animalescos, como é o caso máis corrente da arte paleolítica. Porén, os animais, que se dín perigosos, son aquí excepcionalmente frecuentes (leóns, rinocerontes, hienas, mamuts), en detrimento de animais máis clásicos, como cabalos e bisontes, que tamén figuran. A destacar unha figura híbrida, semihumana, semianimal.

Visita[editar | editar a fonte]

Desde un principio decidiuse non abrir nunca a caverna ao gran público. Só expertos en prehistoria e arte, e algunha rara personalidade poderán acceder ao seu interior. Unha exposición sobre a cova de Chauvet exhíbese na localidade de Vallon-Pont-d’Arc.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Jean Clottes (dir.), La Grotte Chauvet - l'art des origines, Éd. du Seuil, (2001), ISBN 2-02-048648-2.
  • Jean-Marie Chauvet, Eliette Brunel Deschamps, Christian Hillaire, La grotte Chauvet à Vallon-Pont-d'Arc, Éd. du Seuil, ISBN 2-02-025530-8.
  • Jean-Michel Geneste (dir.), Recherches pluridisciplinaires dans la grotte Chauvet, Société Préhistorique Française et Karstologia, (2005), ISBN 2-913745-21-0.
  • Paul Pettitt, « L'ancienneté de la grotte Chauvet n'est pas démontrée », in La Recherche, n° 364, mai 2003, p. 21.
  • Emmanuel Guy, "La grotte Chauvet : un art totalement homogène ?", paleoesthetique.com, février 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]