Cova do Rei Cintolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°23′42″N 7°22′09″O / 43.395, -7.36916667

Cova do Rei Cintolo

Entrada da cova.

País: España España
Com. Autónoma: Galicia Galicia
Provincia: Lugo
Concello: Mondoñedo
Localidade: Argomoso
Coordenadas: n/d
Fuso horario: CET, UTC+1
Tipo de cova: Cova calcaria
Lonxitude: 7.500 m.
Altitude: n/d
Profundidade: n/d
Sitio web n/d
A cova do Rei Cintoulo segundo Villa-amil, 1873.

A cova do Rei Cintolo está situada na parroquia de Argomoso (Mondoñedo). É a cova calcaria máis grande de Galicia e no seu interior pódense observar estalactitas e estalagmitas. Está formada por tres andares de galerías, a inferior cunha vía de auga con circulación parcialmente sifonante, que forman un total de case 7.500 metros de lonxitude[1], o que fai que sexa a cova coñecida con maior percorrido horizontal de Galicia, polo que é bastante coñecida.

Situación[editar | editar a fonte]

A caverna atópase no lugar de Sopena, na parroquia de Argomoso, en Mondoñedo. O enclave atópase a escasos quilómetros do centro da vila.

Historia[editar | editar a fonte]

A cova foi explorada, do punto de vista arqueolóxico, por primeira vez por José Villa-amil y Castro na década de 1870, da que deixou constancia no seu libro Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia. En 1893 cítase no xornal La Voz de Luarca outra exploración e un ano máis tarde aparece citada na guía de Gabriel Puig y Larraz chamada Guía de cavernas de España. Daquela estimábase a dimensión da cova nuns 200 metros.

En 1954, a iniciativa do Club Montañeiros Celtas de Vigo, fíxose un campamento para a exploración e topografía da caverna. Descóbrense novas zonas na cavidade, así como o río subterráneo, ao que chamaron río Celtas. Máis tarde distintos grupos espeleolóxicos de toda España foron completando as investigacións e os traballos de topografía. A finais dos anos 1960 comezan os intentos de obter unha topografía xeral da cova, ao tempo que se descobre a galería Venus á dereita da sala do Río (tamén coñecida como salas Finais do Río).

En 1973 a cova gaña sona grazas a un documental de TVE, que supuxo a primeira filmación da cova. A partir daquela a caverna comezou a ser visitada por un gran número de persoas, que provocaron deterioracións no seu interior. En 1976 decidiuse colocar un enreixado, debido aos espolios que estaba a sufrir a caverna, que ameazaban coa destrución da cavidade.

Nas escavacións dirixidas no verán de 2002 pola arqueóloga Rosa Villar atopáronse materiais da Idade de Ferro, da cultura castrexa (cerámica e osos de vaca, porco e cervo) na súa entrada. En 2006 o concello de Mondoñedo puxo en marcha un sistema de visitas guiadas á caverna, poñendo fin a unha época de peche que semellaba definitiva.

En 2019 a cova foi recoñecida como o «mellor destino científico de Galicia» e en 2022 distinguida como a «mellor cova de Galicia».[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Páxina do Concello de Mondoñedo". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2009. Consultado o 16 de marzo de 2010. 
  2. "A cova do Rei Cintolo, distinguida como a “Mellor Cova de Galicia 2022”". GCiencia. 15 de xullo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]