Corrente de Humboldt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da corrente de Humboldt.

A corrente de Humboldt, ou corrente peruana,[1] é unha corrente mariña orixinada polo ascenso de augas profundas, e por tanto moi frías, que se produce nas costas occidentais de América do Sur. Foi descrita polo científico Alexander von Humboldt na súa famosa obra Viaxe ás rexións equinocciais do Novo Continente, escrita coa colaboración de Aimé Bonpland nos anos iniciais do século XIX.[2] Débese aos efectos combinados do movemento de rotación terrestre e da forza centrífuga das augas oceánicas na zona ecuatorial. Xunto coa corrente do Golfo, a corrente de Humboldt é unha das máis importantes do mundo.

Exerce influencia determinante sobre o clima da costa chileno-peruana con ceos cubertos de brétemas, ausencia de choivas e temperaturas tépedas durante o inverno. Pola latitude, o clima debería corresponder á zona intertropical; pero as augas frías arrefrían a atmosfera, o que causa un clima sumamente árido pola escasa evaporación das augas frías.

Corre desde a costa central de Chile cara ao norte, pero principalmente ao longo do litoral peruano provocando a anomalía térmica detectada por Humboldt, que consiste nunha temperatura media das augas inusualmente baixa para rexións de latitudes intertropicais e subtropicais.

Este inversión térmica ten efectos que caracterizan o clima das rexións litorais en contacto coa corrente: a alteración drástica do réxime subtropical de choivas, creando unha faixa de areais e desertos costeiros fríos, como o deserto de Atacama. Así mesmo, o xurdimento de augas frías e profundas traen á superficie unha enorme cantidade de plancto (que doutra maneira se afundiría no fondo oceánico), convertendo as augas afectadas pola corrente nun dos máis importantes caladoiros pesqueiros do planeta, nun dos principais recursos económicos de Chile e Perú. Igualmente, a riqueza ictiolóxica asociada a esta corrente provoca unha abundancia de aves mariñas no litoral, entre as que destacan as aves guaneiras, que tivo unha grande importancia estratéxica para a economía peruana do século XIX.

Os episodios periódicos da síndrome oscilatoria meteorolóxica de El Niño, debidos ao quecemento das augas superficiais do Pacífico, interfiren severamente no clima xerado por esta corrente, provocando diminucións na riqueza dos caladoiros e fortes inundacións nas costas, así como aluvións (ou huaycos) nos Andes peruanos. En xeral produce graves variacións meteorolóxicas.

A corrente xorde na costa suramericana do océano Pacífico, desprazándose desde Chile cara ao norte, paralelamente á liña do litoral suramericano, pasando por Paita (Piura, Perú), até o cabo Pasado (Manabí, Ecuador) desviándose logo en dirección oeste cara ás illas Galápagos en Ecuador. Nas illas, a súa fauna mariña e terrestre vese fortemente influenciada pola corrente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Oceanografía Ministerio de Ambiente del Perú
  2. Alexander von Humboldt. Viaje a las regiones equinocciales del Nuevo Continente. Caracas: Ministerio de Educación, Biblioteca Venezolana de Cultura, 1941-1942, 1956. Segunda edición de Monte Ávila, 1991, 5 tomos