Correllengua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chama do Canigó, símbolo da lingua catalá, levada a Barcelona por Correllengua 2007.
Pancarta do Correllengua.

O Correllengua é unha iniciativa popular que se celebra anualmente nos territorios de fala catalá co obxectivo de amosar a vitalidade da lingua e fomenta-lo seu uso social. Consiste na celebración de actividades de carácter lúdico, festivo, pedagóxico e reivindicativo en diversas vilas, barrios e cidades, dando lugar a múltiples Correllengües que comparten, como elemento cohesionador, o nomeado "Pas de la flama" e a lectura dun manifesto, que cada ano é encargado a unha figura de prestixio que destaque polo seu apoio e defensa da lingua e da cultura. A coordinación dos actos lévaa a Coordinadora d'Associacions per la Llengua catalana (CAL), Acció Cultural del País Valencià (ACPV) e Joves de Mallorca per la llengua.

Historia[editar | editar a fonte]

O Correllengua inspírase na Korrika, unha carreira reivindicativa que recorre Euskal Herria a prol da lingua éuscara. No ano 1993, Joves de Mallorca per la Llengua organizou unha iniciativa similar en Mallorca en defensa do catalán, que deu no primeiro Correllengua. En 1995 comezouse a facer tamén no País Valenciano da man de Acció Cultural del País Valencià, e a partir de 1996, a CAL fíxose cargo da celebración no Principado de Cataluña, na Cataluña do Norte, Andorra, Menorca, Eivissa e a Franxa de Aragón.[1]

Edición tras edición, o Correllengua gañou apoios e implantación, pasando dunha ducia de poboacións implicadas nos primeiros anos, a máis de trescentas que participan actualmente en tódolos Países Cataláns.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CAL (ed.). "Dossier del Correllengua 2011" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de outubro de 2013. Consultado o 17 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]