Coronelía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A coronelía é unha formación militar ideada polo "Gran Capitán" Gonzalo Fernández de Córdoba e utilizada con grande efectividade durante as Guerras Italianas de 1494 - 1559.

Representaba a evolución natural das vellas compañías de milicia, efectivas en escaramuzas e combates en frontes reducidas, pero pouco apropiadas para unha campaña a grande escala.

Así, as compañías foron integradas nunha unidade maior: a coronelía, que constaba de catro daquelas. Isto permitía unha potencia de combate maior sen renunciar á manobrabilidade das compañías.

A medida que os exércitos europeos evolucionaban, aumentaban os terreos por defender, e as coronelías foron á súa vez integradas nunha unidade maior: os terzos, creados tras a reforma do exército realizada por Carlos I en 1534.