Cornelius Castoriadis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cornelius Castoriadis

Cornelius Castoriadis, nado en Estambul o 11 de marzo de 1922 e falecido en París o 26 de decembro de 1997, foi un filósofo e psicanalista francés de orixe grega, defensor do concepto de autonomía política. Fundou nos anos 40 o grupo-revista Socialismo ou barbarie, de tendencias próximas ao comunismo de consellos e ao luxemburguismo.

Biografía[editar | editar a fonte]

Castoriadis naceu en Estambul e mudouse coa súa familia a Atenas. Desenvolveu o seu interese pola política logo de entrar en contacto co pensamento e filosofía marxistas aos 13 anos. A súa primeira participación activa na política ocorreu durante a ditadura de Metaxas (1937), ano no que se uniu á Xuventude Ateniense Comunista. En 1941 uniuse ao Partido Comunista Grego (KKE). Un ano máis tarde abandonouno para incorporarse ao trostkismo. Isto último foi causa da súa persecución tanto polos fascistas como polos comunistas. En 1944 escribiu os seus primeiros ensaios sobre a ciencia social e sobre Max Weber, e publicounos nunha revista chamada "Arquivo da Socioloxía e a Ética ". Despois de licenciarse en ciencias políticas, economía e dereito pola universidade de Atenas, viaxou ata París en barco, onde se instalou permanentemente para seguir os seus estudos grazas a unha bolsa ofrecida polo Instituto Francés.

Actividade en París[editar | editar a fonte]

Unha vez en París, Castoriadis uniuse ao trostkismo local e a grupos comunistas, abandonando este último en 1948. Entón uniuse a Claude Lefort para fundar o grupo-revista Socialismo ou Barbarie (Socialisme ou Barbarie), no que se incluíron Jean-François Lyotard, Edgar Morin e Guy Debord, que foron membros durante pouco tempo. A pesar da súa curta duración (autodisolveuse en 1965), este grupo-revista tivo unha importante influencia sobre a esquerda intelectual francesa.

Ao mesmo tempo, traballou como economista na Organización para a Cooperación Económica e o Desenvolvemento (OCED) ata 1970, o mesmo ano no que obtivo a cidadanía francesa. Ata ese momento, os seus escritos foron publicados baixo os pseudónimos de Pierre Chaulieu e Paul Cardan. O seu traballo na OCDE axudou considerablemente ás súas análises. Nos últimos anos de Socialismo ou Barbarie, Castoriadis rexeitou as teorías marxistas da economía e da historia.

Psicanálise[editar | editar a fonte]

Aínda que estivo activo nos movementos políticos dos anos 1960, os seus intereses cambiaron da acción política directa e a revolución cara á busca de entender a relación do individuo humano coas formacións sociais. Isto conduciuno aos acordos máis filosóficos e psicanalíticos de vida humana social e política. O seu traballo fundamental publicado en 1975, “A institución imaxinaria da sociedade” (L'institution imaginaire de la société), Castoriadis realizou unha redefinición das fins da psicanálise, e apoiouse nela para producir os seus desenvolvementos relativos á imaxinación radical, e á indisociabilidade da psique e a sociedade. Tamén postulou a estratificación da psique como modo da súa constitución, dándolle nesta un lugar primordial á mónada psíquica, cuestión que articulará co seu pensamento filosófico e social. En 1980, fundou a facultade École des Hautes Études en Sciences Sociales

Pensamento[editar | editar a fonte]

A imaxinación, tal e como foi repensada por Castoriadis, é unha noción clave no seu pensamento, que xira arredor dela: é a orixe de todo o que se representa e é pensado, do racional, sendo a característica fundamental do suxeito humano a súa imaxinación defuncionalizada e liberada.

Fronte á lóxica formal, chamada por el conxuntista identitaria, propón a lóxica dos magmas, baseada na indeterminidade. A noción de magma aplícase tanto ao inconsciente, como un dos lugares de expresión da imaxinación radical, á sociedade, en tanto que hai un magma de significacións imaxinarias sociais. En relación á ciencia, propón a elucidación da mesma desde unha perspectiva histórico-social e filosófica. Debe estar dirixida sempre ao desafío de crear un pensamento complexo que sexa quen de facer pensar, de creación, de ruptura e xurdimento. A ciencia ten a incerteza no seu centro: todo coñecemento é parcial, en oposición á certeza, coagulación de todo saber posíbel, que responde a unha das características da psique e da sociedade. Así, dirá que o real non ten unha lóxica, ao mesmo tempo que non deixa de tela. Propón romper definitivamente coa separación entre ciencia e filosofía, e rematar coa ilusión de que a subxectividade pode quedar por fóra de todo saber.

Segundo Castoriadis, as sociedades móvense entre a heteronomía (alienación) e a autonomía. Esta última para ser alcanzada precisa da implementación dun réxime democrático, no que a idea de mortalidade ocupa un lugar privilexiado. Este tipo de sociedade é capaz de reflexionar sobre as súas significacións, e instituír de modo lúcido novas. Pero a tendencia, tanto na sociedade do suxeito, é ao peche do sentido, da emerxencia do magmático. Outra cuestión a resaltar é que Castoriadis propugna un cambio profundo da relación dos integrantes da sociedade co coñecemento, o que implica unha diferente relación coa autoridade.

Finalmente, a cuestión do poder ocupa un lugar destacado na reflexión de Castoriadis: é anterior a todo poder explícito, e é o poder da institución da sociedade que exerce o colectivo anónimo. O poder, desta maneira, non é de ninguén. A ideoloxía que o acompaña non é máis que o aspecto racional das significacións imaxinarias sociais. As preguntas sobre o poder, sobre a igualdade, a xustiza, a liberdade, carecen dunha resposta última.

Obras[editar | editar a fonte]

  • La Société bureaucratique (A sociedade burocrática), 1973.
  • L'Expérience du mouvement ouvrier (A experiencia do movemento obreiro), 1974.
  • L'institution imaginaire de la société (A institución imaxinaria da sociedade), 1975.
  • Les Carrefours du labyrinthe (As encrucilladas do labirinto), 1978 a 1999 (obra en sete volumes completada postumamente).
  • O contido do socialismo, 1979.
  • Capitalismo moderno e revolución 1979.
  • Devant la guerre (Ante a guerra), 1981 e 1983 (2 vols.).
  • Suxeito e verdade no modelo sociohistórico, 2002.
  • Ce qui fait la Grèce (A construción de Grecia), 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Socialismo ou barbarie.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]