Coralismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guillaume-Louis Bocquillon, coñecido como Wilhem, creador dos orfeóns franceses.

O coralismo foi un movemento musical que se desenvolveu durante o século XIX en Europa. Caracterizouse polo nacemento dunha gran cantidade de orfeóns e corais de carácter social, cun repertorio baseado, aínda que non sempre exclusivamente, no folclore e na música nacional.

Historia[editar | editar a fonte]

O nacemento do coralismo viu dada por un conxunto de condicións previas:[1].

  • A existencia previa dun canto coral polifónico presente nos acontecementos relixiosos, que tendería ao profano baixo o amparo das ideas da Ilustración.
  • O espírito revolucionario da época, que non soubo empregar a música para espallar o seu ideario
  • O romanticismo e a súa reivindicación das ideas nacionalistas e da cultura popular.

A maior parte dos estudos sinalan o Liedertafel alemán como precursor do canto coral popular. Este coro foi fundado en Berlín en 1808 por Karl Fiedrich Zelter e contou entre os seus socios co rei Guillerme III ou o poeta Goethe.

Porén, o seu carácter popular e democrático tivo máis presenza nos coros do mesmo estilo nados en Suíza pouco despois. Hans Geor Nägeli fundou o Züricher Männer Chor, un coro masculino que serviría de modelo para outros moitos. Tras os primeiros pasos, o movemento desenvólvese tamén nos Países Baixos e Bélxica, para posteriormente difundirse no norte e leste de Europa.

O coralismo introdúcese en Francia da man do músico e filántropo Guillaume-Louis Bocquillon, quen fundou a Société de l’Orphéon en 1833, un coro obreiro que acadaría, tras a súa estrea nun concerto con 400 intérpretes, un grande éxito. Os orfeóns engadían ao concepto de coro un elemento de carácter moralizante e formativo, posto que consideraba a música como un elemento de educación.

Monumento a Josep Anselm Clavé en Manresa.

En España a expansión do movemento estivo vinculada a industrialización e o nacemento da clase obreira, a conciencia de identidade nacional ou rexional, a presenza dunha riqueza folclórica e unha valoración da mesma. Estas condicións déronse especialmente en Navarra, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Castela e León, Asturias, Galicia e Andalucía.[1]

Josep Anselm Clavé, baseándose nos modelos franceses, crearía as súas propias sociedades corais, que se distinguiron pola súa autoxestión, o seu carácter laico e por seren claramente interclasistas, nunha sociedade onde a división de clases era constante. En 1860 existían 85 corais impulsadas por Clavé. Tamén foi en Cataluña onde os irmáns Pere e Joan Tolosa formaron o seu Orfeón Barcelonès. Entre ambos xurdiu unha intensa disputa sobre a calidade de ambos os coros e a quen correspondía a primeira iniciativa coral en Barcelona. Nesta discusión tamén se atopaban as diferenzas entre o concepto de orfeón defendido por Clavé, e a filosofía defendida por Joan Tolosa na que, sen esquecer a dimensión social, a calidade tamén era importante, de aí que incluíse a ensinanza de solfexo e os ensaios fosen habituais.

A expansión do coralismo foi, en resumidas contas, espectacular. Só en Francia, a principios do século XX contabilizábanse máis de 2000 sociedades corais. No entanto, tamén foron obxecto de críticas pola calidade interpretativa, non sempre a altura dos coros profesionais, e polo artificioso dos seus arranxos na súa época final.[1]

Debido ao fenómeno da emigración tamén existían agrupacións en Montevideo, Buenos Aires e A Habana, creadas por cataláns. Xa en 1902 existía un orfeón español.

Características[editar | editar a fonte]

Orfeón Académico de Coímbra, fundado en 1880.

A importancia social do coralismo vén dada polo seu carácter popular. Durante o século XIX foi un importante elemento de difusión da cultura musical (a única para unha gran parte da sociedade) e da sociedade. Joan Tolosa falaba de difundir o ensino musical a todas as clases da sociedade. A participación das clases baixa e media non impediu totalmente que tamén a burguesía formase parte do movemento.

Deste xeito, a música dos coros e orfeóns estivo condicionada tanto polos seus intérpretes e o seu público como polas ideas sociais que as definían. O repertorio baseábase na melodía popular, ritmo folclórico e posuía unha harmonía chea e amable, con pequenas disonancias. En contraposición coa cultura operística, foxe de florituras vocais; só no final do século aparecerán elementos experimentais e virtuosísticos.

Coralismo e nacionalismo musical[editar | editar a fonte]

Como se comentou anteriormente, un dos motivos do auxe da música coral foi a súa reivindicación da cultura nacional. En España o movemento proliferou non só onde houbo unha gran masa obreira (Asturias, Castela León) senón tamén onde existía un movemento de identidade étnica ou nacional e unha riqueza folclórica ampla e arraigada (Galicia, País Vasco ou Cataluña).

No País Vasco, por exemplo, as importantes dimensións que acadou o movemento veñen explicadas pola estreita colaboración dos coros cos partidos políticos, especialmente co PNV.[2]

O carácter nacionalista na música coral non só se circunscribe a España: o movemento coral alemán, por exemplo, tamén estaba vinculado ás reivindicacións da unidade alemá. A vitoria sobre Napoleón celebrárase cunha interpretación por parte de todos as corais Zelter de Judas Macabeo. Ademais, a vinculación entre ao nacionalismo e música en ocasións era máis teórica que real.

O coralismo en Galicia[editar | editar a fonte]

O coralismo galego cristalizou en dúas formas: os coros galegos e os orfeóns, os primeiros de carácter máis enxebrista, e os segundos menos puristas, compostos de voces iguais e de repertorio de inspiración máis ampla. Esta distinción non sempre é clara, e varía no tempo, sendo habitual que unha agrupación mudase a súa tipoloxía sen modificar o seu nome. [3]

Perfecto Feijoo, fundador do coro Aires da Terra.

O movemento coralista tivo en Galicia pronta implantación; a Sociedade Coral Euterpe foi fundada en Lugo en 1863, e o seu nome fai referencia aos coros do mesmo nome fundados por Clavé en Cataluña. Tamén foi significativa a figura de Pascual Veiga, fundador de diversos orfeóns.[3]

Curiosamente, en Galicia, o florecemento dos coros galegos produciuse cando os grandes nomes do coralismo galego (Pascual Veiga, Xoán Montes, Chané) foron desaparecendo, transformándose en mitos e sementando os raizames da identidade galega da época.[4] Así "Ós coros compete, dentro do discurso do nacionalismo galeguista, un papel principal na tarefa de regaleguizar o país."[5]

O coro máis importante foi Aires da Terra, tanto polo seu éxito musical, como pola súa fórmula de estética e repertorio baseado na cultura tradicional (harmonizado segundo criterios cultos), definindo un modelo enxebrista que seguirán coros posteriores. Un modelo que tardou en ser aceptado sen burla. Por exemplo, era común que as representacións se fixesen con vestiario tradicional, algo que resultaba chocante ata para os propios integrantes do grupo [6]. As súas representacións incluían estampas galegas, dramatizacións e escenografías que tentaban reproducir o ambiente rural no que se producían as escenas.

E se no País Vasco os coros estaban presentes nos actos dos partidos nacionalistas, en Galicia os coros dos actos públicos dos galeguistas durante a II República entoaban sempre o Himno Galego. Significativamente a primeira interpretación do mesmo realizouna a Sociedade Artística de Pontevedra, nunha homenaxe a Rosalía de Castro, o 13 de xaneiro de 1913[7], e a primeira gravación realizouna o coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Nagore, María (1995). La música coral en España en el siglo XIX (en La música española en el siglo XIX). Oviedo: Universidad de Oviedo, Servicio de Publicaciones. ISBN 84-7468-880-9. 
  2. [Ibarretxe, Gotzon: Movimiento coral y nacionalismo vasco http://www.euskonews.com/0047zbk/gaia4704es.html] (visitado 30/05/2010)
  3. 3,0 3,1 Labajo, Joaquina: O coralismo: unha dinámica social de plural significado, en VV.AA. (1998). O Feito Diferencial Galego - A Música V.I. A editorial da Historia. ISBN 84-88908-08-3. 
  4. [Galicia Hoxe: Luis Costa analiza a vontade identitaria dos coros galegos http://www.galiciahoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=208962[Ligazón morta] ] (visitado 28/05/2010)
  5. Costa, Luis (1999). La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936 (tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. .
  6. Calle, Jose Luis: A música tradicional con nomes propios; en VV.AA. (1998). O Feito Diferencial Galego - A Música V.I. A editorial da Historia. ISBN 84-88908-08-3. 
  7. O himno galego, proposta didáctica, VVAA Arquivado 26 de maio de 2012 en Wayback Machine. (visitado 29/05/2010)
  8. Un selo sarriao descobre que o coro 'Cantigas e Aturuxos' de Lugo foi o primeiro en gravar o himno galego (visitado 05/02/2020)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Nagore, María (1995). La música coral en España en el siglo XIXI (en La música española en el siglo XIX). Oviedo: Universidad de Oviedo, Servicio de Publicaciones. ISBN 84-7468-880-9. 
  • Costa, Luis (1998). Coralismo, etnicidad y nacionalismo en Galicia (Cuadernos de Música Iberoamericana, nº. 6). Madrid : Sociedad General de Autores y Editores. 
  • Labajo, Joaquina (1998). O coralismo: unha dinámica social de plural significado en O Feito Diferencial Galego - A Música V.I. A editorial da Historia. ISBN 84-88908-08-3.