Conversa:Lagostino

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Conversa:Cigala»)

Untitled[editar a fonte]

Hai un problema con esta cigala. Segundo o VOLGa e mailo DRAG, a forma recomendada é lagostino, sobre cigala (Nephrops, con pinzas e corpo máis ou menos cilíndrico) e sobre langostino (Paneaus kerathurus, sen pinzas e de corpo plano, como unha gamba grande). É dicir: un mesmo nome común, lagostino, para designar dous crustáceos visiblemente diferentes. Para min, e para moitos, un erro de vulto pero así vén na nosa referencia de léxico, o DRAG. A consecuencia é: 1) que o artigo debe denominarse lagostino (e cigala ser unha redirección); 2) que, se queremos ter un artigo para cada bicho hai que recorrer ó nome científico: lagostino (Nephrops norvegicus) e lagostino (Paneaus kerathurus). Queda, claro, outra solución que semella máis lóxica pero pouco seria: diferenciar nós entre cigala (para o Nephrops norvegicus) e lagostino (para o Paneaus kerathurus). ¿Que facemos? Pedro --Lameiro (conversa) 20:30, 7 de decembro de 2010 (UTC)

A cigala (Nephrops norvegicus) é, indubidablemente, un animal diferente do lagostino (Paneaus kerathurus). Tan diferentes que un, a cigala, atópase nas nosas augas, mentres que o outro, o lagostino, é doutras latitudes. O que é pouco serio é que tanto o VOLGa coma o DRAG cometan semellante erro. Nós non podemos reproducir erros tan clamorosos, por moita autoridade que teñan as fontes. Ademais, esa diferenciación non a facemos nós, senón toda a taxonomía de crustáceos que poidamos consultar. Debemos manter os dous artigos separados. Un saúdo. --Paradanta (Cóntame) 22:11, 7 de decembro de 2010 (UTC)
Estou de acordo contigo no fondo pero non nas formas. Cigala e langostino, en castelán, están claramente diferenciados, por iso calquera bibliografía reflicte esa diferenza, mesmo en textos en galego, que adoptaron as formas castelás. E así podemos velo en guías de marisco, nas webs, páxinas de gastronomía e canta fonte poidamos consultar. En segundo lugar, a solución adoptada polo VOLGa e o DRAG non é un erro senón que se trata dunha decisión plenamente consciente. Non sei cal será a súas razóns pero non se trata dun erro, por máis que nós creamos que se equivocan. Temos tamén a Resolución de 24.03.2010 que establece as denominaciones oficiais comerciales de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España: para o castelán langostino (Penaeus) dá o galego lagostino, pero para o castelán cigala (Nephrops) non dá nome galego ningún. Todo isto non impide que estea de acordo, no fondo, coa túa proposta de diferenciar nós cigala e lagostino. Cunha nota a rodapé explicando a postura oficial do DRAG poderiamos xustifica-la nosa opción. Pedro --Lameiro (conversa) 22:48, 7 de decembro de 2010 (UTC)
A min paréceme boa esta solución que dá Lameiro. En casos moi, moi puntuais, cando haxa referencias moi sólidas e consenso amplo non seguir o DRAG, eu creo que o que se expón enriba é un exemplo claro.--Cheluco 22:53, 7 de decembro de 2010 (UTC)
Sigo mantendo o que dixen, ou aínda peor se o fan conscientemente, pero non lle vou dar máis voltas porque no que é verdadeiramente de interese para a Galipedia estamos de acordo. Concordo perfectamente contigo en diferenciar os dous artigos e colocar a nota a rodapé. O resto sería iniciar un debate sobre a relación entre as academias de lingua e a ciencia, que non vén ao caso. Un saúdo e agardo que as miñas formas non te amolasen. --Paradanta (Cóntame) 22:58, 7 de decembro de 2010 (UTC)

Non sería axeitado referir á cigala coma lagostino galego contra lagostino de fora?


Puxen un parágrafo para comentar esta controversia entre cigala e lagostino. Espero que recolla as posturas e que explique por que teimamos con manter cigala como título. Pedro --Lameiro (conversa) 4 de marzo de 2013 ás 18:59 (UTC)[responder]

Xa non hai tanto problema: o dicionario da RAG xa admite cigala, aínda que recomenda lagostino Ver cigala. O problema da dupla denominación é que antigamente Nephrops norvergicus era a única especie coñecida en Galicia e, por ser de menor tamaño que a lagosta (e algo parecida) denominábase lagostino. Pero coa modernización dos transportes empezaron a aparecer nos nosos mercados e supermercados os primerios langostinos foráneos, procedentes primeiro de Huelva e despois doutros lugares máis afastados (recordemos ao Rodolfo Langostino de certa marca comercial –de momento– galega) e, pouco a pouco, foise impoñendo o nome langhostino para estes lagostinos de fóra, e introducíndose cigala (sighala, nas rías baixas), para Nephrops norvegicus para distinguir ambos os animais (sobre todo en bares e restaurantes, pero tamén nos mercados). Tiven eu unha alumna nativa de Muros que, nunha clase na que estabamos a falar dos crustáceos, lle preguntei como se chamaba en Muros a Nephrops norvegicus (mostreille unha foto para que non houbera dúbidas) e contestou que ás veses cighala e ás veses langhostino; ao repreguntar eu que cando se usaba cada unha das dúas denominacións repospondedu: seghundo acaia. Así que cigala ou lagostino... seghundo acaia. --XoioÉche o que hai 22 de outubro de 2013 ás 16:48 (UTC)[responder]
Como agora a RAG non rexeita a forma cigala, habería que eliminar/modificar unha parte do texto que tiña sentido como xustificante para adoptar unha forma que antes non admitía o DRAG pero que agora acepta.--HacheDous=0 (conversa) 24 de novembro de 2016 ás 13:21 (UTC)[responder]

Ligazóns externas modificadas (agosto 2018)[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 1 ligazóns externas en Lagostino. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre cómo correxir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 30 de agosto de 2018 ás 06:33 (UTC)[responder]

Problemas ó arquivar ligazóns no artigo (setembro 2019)[editar a fonte]

Ola. Durante o proceso de arquivado déronse erros para unha ou máis ligazóns enviadas para o seu arquivo. Abaixo inclúense as ligazóns que tiveron un problema coa seguinte mensaxe de erro.

Esta será a única notificación en relación a estas ligazóns e non se farán máis intentos de arquivar estas ligazóns.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 11 de setembro de 2019 ás 22:48 (UTC)[responder]