Conversa:Bacteria grampositiva

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Conversa:Bacteria Gram-positiva»)

Púxenlle á páxina o nome "Gram-positiva" porque é o que aparece na Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo. Pero a min o que me parece máis correcto é "Gram positiva". En inglés ten sentido ese guión ao dicir Gram-positive bacterium, pero non lle vexo o sentido en galego. Todos os nomes indicados na páxina téñense usado na literatura científica. Ultimamente vese unha preferencia por usar formas sen guión, separadas ou fusionadas, como Gram positiva ou grampositiva. A min grampositiva como adxectivo non me gusta porque seguindo esa liña habería que crear por analoxía os termos, escritos todo xunto, catalasepositiva, peroxidasepositiva, etc. e mesmo ácido-alcoholresistente e outras moitas similares. Gram é o apelido dun señor e por iso vai con maiúscula. En castelán é case o único idioma no que o escriben xunto ultimamente (antes non, e mesmo agora non moito).--Miguelferig (conversa) 11 de marzo de 2014 ás 21:19 (UTC)[responder]


"Na literatura o termo pode aparecer escrito das seguintes maneiras: Gram positiva, Gram-positiva, gram-positiva e grampositiva" Esta frase non queda moi clara ao mesturarse referencias para dúas linguas diferentes (galego e castelán).--HacheDous=0 (conversa) 25 de agosto de 2016 ás 12:38 (UTC)[responder]
Eu entendo que a non ser que se indique outra cousa (en inglés aparece.. en castelán...), o de "pode aparecer escrito" é para se referir á lingua na que está escrito o texto.--HacheDous=0 (conversa) 25 de agosto de 2016 ás 12:40 (UTC)[responder]
Estou de acordo contigo. Creo que o mellor sería retirar as referencias sobre a grafía doutras linguas. Eu penso, como aconsella o bUSCatermos, que a grafía xunta é a mellor opción. Simplemente é un termo que se formou por composición seguindo o esquema de substantivo + adxectivo, coma outras palabras que existen en galego: camposanto, augamariña ou pasodobre. Ademais, esta forma harmoniza coas grafías dalgunhas das nosas linguas irmás: grampositiu (en catalán) e grampositiva (en castelán). A grafía con guión paréceme innecesaria, xa que este emprégase na composición para asociacións ocasionais (así o di As normas ortográficas e morfolóxicas): dicionario alemán-galego ou condicións político-económicas, e na derivación mediante prefixación exclusivamente co prefixo non- (non-intervención ou non-proliferación), cos outros prefixos orixínanse palabras individuais: antinéboa, procomunista ou supermercado. A grafía separada non me parece aloucada, xa que si se emprega como forma de composición: garda civil, porco bravo ou sofá cama. --Isili0n (conversa) 25 de agosto de 2016 ás 13:24 (UTC)[responder]

Seguramente tedes razón, e xa lle vou cambiar a redacción e quitar algunhas referencias, pero simplemente indicar que eu o puxen orixinalmente con guión (Gram-positivo) porque foi a referencia que atopei daquela na enciclopedia de Ir Indo. A miña preferencia persoal era escribilo completamente separado (Gram positivo), por varias razóns: (1) é unha forma moi normal de falar en galego poñer os adxectivos ao lado do nome sen unilos; (2) non se trata dun prefixo (pre, anti, super); (3) non é un composto como camposanto que indica unha soa cousa (aquí simplemente di cal é o que resultado na tinguidura de Gram, que tamén pode dar negativa); (4) xa comentei antes que seguindo ese criterio habería que dicir bacteria catalasepositiva, peroxidasepositiva etc etc, xa que hai multitude de probas bioquímicas que se lle fan ás bacterias; (5) e falando de linguas achegadas, en portugués din gram-positivo (gram-positivo), e a fusión total da palabra é o menos frecuente nas linguas máis coñecidas (o alemán é un caso especial porque fusiona as palabras como regra común polas propias características desa lingua). Non será que o que fixeron foi imitar o castelán? En castelán houbo moita vacilación, como en toda a literatura internacional, pero ultimamente decidíronse por grampositivo, aínda que se segue vendo de todo. Cando estudei eu a carreira grampositivo era o que menos se usaba, e moita xente irá buscar o termo na galipedia poñendo Gram-positivo ou Gram positivo, polo que penso que non están demais as redireccións mentres non apareza no DRAG (eu puxera a referencia do tratado de microbioloxía de Brock do ano 2003, por tanto, recente, aínda que en castelán, e, por desgraza, non hai moita literatura científica en galego). Isto é só para explicar a miña posición, cordialmente, non para polemizar nada, pero, por suposto, hai que aterse ás referencias que hai e usar grampositivo. Estou de acordo con iso. Agora haberá que ir cambiando o termo en moitas páxinas. Por último, a definición que dan no buscatermos da USC di: "Bacteria que se decolora facilmente sometida ó metodo de tinción de Gram. Fonte: Vocabulario científico y técnico. Madrid, Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales - Ed. Espasa, 1996". Utiliza a palabra tinción en vez de tinguidura. Acabarán aceptando tinción tamén? --Miguelferig (conversa) 25 de agosto de 2016 ás 17:39 (UTC)[responder]