Constantino VIII

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Constantino VIII

Constantino VIII (en grego Konstantinos VIII, escrito Κωνσταντίνος Η') (960 - 15 de novembro de 1028), emperador bizantino (15 de decembro de 1025 - 15 de novembro de 1028) era fillo do emperador Romano II e irmán menor do gran Basilio II, que morreu sen fillos, deixando o goberno do Imperio bizantino en mans de Constantino.

En teoría, Constantino foi nomeado coemperador xunto ao seu irmán Basilio cando este asumiu o trono imperial en 976 con 18 anos de idade, pero durante os 49 anos de reinado de Basilio, Constantino apenas participou nos asuntos de estado, mesmo cando Basilio estaba moi a miúdo fóra de Constantinopla nas súas campañas militares. Segundo as fontes, Constantino pasou a maior parte da súa vida vivindo luxosamente e exercendo poucas responsabilidades.

Cando morreu Basilio en decembro de 1025, Constantino pasou a ser o único emperador, aínda que só reinou durante menos de tres anos, ata a súa morte o 15 de novembro de 1028.

Constantino era alto, delgado e de boa planta, por contraste con Basilio que era baixo e ancho. Era tamén un magnífico xinete. Pero cando chegou a ser emperador único, sufría de gota crónica e case non podía andar. O seu reinado foi desastroso pola súa falta de coraxe. Reaccionaba ante calquera desafío con crueldade: así, ordenou a execución ou mutilación de centos de homes inocentes. Constantino seguiu levando a vida que sempre levara: caza, festexos..., e apartouse dos asuntos do goberno todo o que puido. Nomeou oficiais e funcionarios incapaces. Aos poucos meses do comezo do seu reinado, as leis sobre a terra ditadas por Basilio foron derrogadas pola presión da aristocracia de Anatolia.

Do mesmo xeito que o seu irmán, Constantino morreu sen herdeiros homes. O Imperio pasou entón á súa filla Zoe e aos maridos e fillos desta, ningún dos cales se distinguiu especialmente.


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Miguel Psellos o Xove, Cronografía (ed. esp.: Miguel Pselo, Vidas de los emperadores de Bizancio, Madrid: Ed. Gredos, 2005).


Imperio Bizantino

Segue a:
Basilio II
Constantino VIII
Precede a:
Romano III
Dinastía Macedonia