Consello Federal suízo
O Consello federal (en idioma alemán Der Bundesrat, en francés Le Conseil Fédéral, en italiano Il Consiglio Federale, e en romanche Il Cussegl Federal) é o órgano executivo de Suíza. Está formado por sete membros chamados conselleiros federais que son elixidos separadamente por un período de 4 anos con posibilidade de reelección. Tradicionalmente, un conselleiro federal é facilmente reelixido ata a súa dimisión. Os casos de non reelección son extremadamente raros (4). Ás veces estes prefiren renunciar se non están seguros de ser reelixidos. O Consello federal reúnese no parlamento suízo na capital do país en Berna
O Consello federal funciona co sistema de colexialidade, o que significa que todos os seus membros están « obrigados » a defender as opinións do Consello federal, ou sexa as decisións tomadas pola maioría no caso de desacordo. O presidente da Confederación ten a función de representante do país, porén, este non ten máis poder ca os demais membros do consello; O presidente mailo seu sucesor, o vicepresidente, son escollidos pola Asemblea federal por un mandato dun ano, a tradición pide que os partidos se turnen e que os conselleiros máis antigos teñan a prioridade, é dicir que un conselleiro elixido este ano non pode ser presidente ata que os máis antigos do consello pasen polo menos unha vez pola presidencia.
De 1959 a 2003, a composición dos partidos no seo do consello federal non chegou a mudar nin unha soa vez, o que foi chamado a fórmula máxica. O 10 de decembro de 2003, a fórmula máxica foi modificada posto que a paisaxe política do país pedíao. O PDC debía ceder un posto á UDC. Foi entón cando a conselleira federal saínte Ruth Metzler-Arnold non foi reelexida; un mes antes de comezar o seu mandato presidencial, o que a colocaría como a segunda muller en subir á presidencia e a persoa máis nova en alcanzar a presidencia suíza (40 anos).
A chánceler da Confederación é a miúdo chamada: O oitavo conselleiro federal e aparece na foto de familia do Consello de cada ano. A actual chánceler é Corina Casanova, atópase no cargo desde o 1 de xaneiro de 2008, sendo a segunda muller no cargo. As súas funcións equivalen ás dun secretario xeral dun goberno.
Actualmente atopamos no consello federal:
- dous membros do Partido Socialista Suízo (PSS),
- dous membros do Partido Radical Democrático (PRD),
- un membro da Unión Democrática do Centro (UDC),
- un membro do Partido Democráta Cristián (PDC) e
- un membro do Partido Burgués Democrático (PBD, antigamente representando á UDC).
Composición actual e partidos políticos, por orde de antiguidade (2012):
- Johann Schneider-Ammann, PRD,
- Didier Burkhalter, PRD,
- Simonetta Sommaruga, PSS,
- Alain Berset, PSS,
- Doris Leuthard, PDC,
- Eveline Widmer-Schlumpf, PBD, presidente da Confederación en 2012,
- Ueli Maurer, UDC, vicepresident da Confederación en 2012.