Conoidasida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Conoidasida
Ooquistes de Eimeria maxima
Ooquistes de Eimeria maxima
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Chromalveolata
Superfilo: Alveolata
Filo: Apicomplexa
Clase: Conoidasida
Subclases

Conoidasida é un grupo de protistas clasificados como unha clase do filo dos Apicomplexos. A clase foi definida en 1988 por Levine[1] e contén dúas subclases: os coccidios e as gregarinas. Todos os membros desta clase teñen un orgánulo chamado conoide truncado, oco e completo. As gregarinas adoitan ser parasitas de invertebrados e con gamontes maduros extracelulares; os coccidios na súa maioría infectan a vertebrados e teñen gamontes intracelulares.

Características[editar | editar a fonte]

A maioría das especies presentan un conoide, que forma un cono completo pero truncado. A outra clase de Apicomplexos, os Aconoidasida, teñen un conoide só durante o estadio de oocineto e carecen del no resto do seu ciclo vital, pero os Conoidasida téñeno xeralmente durante todo o seu ciclo vital.

No ciclo vital de todas as especies hai reprodución sexual e asexual. Normalmente, cada cigoto forma unha parede de ooquiste dentro da cal realiza a meiose. Despois disto, algunhas veces prodúcese mitose. Este proceso de esporogonia produce esporozoítos infecciosos vermiformes móbiles.

Tamén se producen múltiples divisións mitóticas (esquizogonia) durante a merogonia dos estadios nos que se alimenta (trofozoítos) e durante a gametogonia.

Motilidade[editar | editar a fonte]

Os microgametos dalgunhas especies son flaxelados. A locomoción que presentan outros gametos e outros estadios motís é por escorregamento ou flexión da célula. Algunhas especies posúen pseudópodos, pero utilízanos para a fagocitose soamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Levine, N.D. (1988). The protozoan phylum Apicomplexa. The Protozoan Phylum Apicomplexa. CRC Press. ISBN 978-0-8493-4653-8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • ITIS id=553100 Conoidasida data de acceso: 19 de outubro de 2013 [1]