Conflito en Río de Xaneiro en novembro de 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A policía entre en Vila Cruzeiro
Autobús destruído durante a ocupación pola policía de Vila Cruzeiro
Policías entrando no Complexo do Alemão

O Conflito en Río de Xaneiro foron actos de violencia organizada que aconteceron na Rexión Metropolitana do Río de Xaneiro a partir da noite do sábado día 20 de novembro de 2010. Certos xornais e os medios internacionais denominaron a esta situación Guerra do Río de Xaneiro.[1]

Sucesos[editar | editar a fonte]

Nesa data bandas vencelladas ó tráfico de drogas tentaron promover un roubo colectivo a condutores, fenómeno coñecido na rexión como arrastão, na estrada Río-Magé (tramo da BR-116), en Duque de Caxias, causando a morte dun condutor[2]. Segundo as testemuñas, a tarde do domingo seis homes que portaban rifles abordaron tres automóbiles en Liña Vermella, á altura da estrada Washington Luís. O grupo prendeu lume a dous vehículos e envorcou outro. En fuga, disparáronlle a un coche oficial do Comando da Aeronáutica[3]. Desde entón foron incendiados polo menos 89 vehículos e 39 sospeitosos morreron nos enfrontamentos[4]. Dos 200 detidos, 70 foron á cadea[5].

Nunha entrevista co Jornal Nacional, da Rede Globo, o 24 de novembro, o gobernador do estado do Río de Xaneiro, Sérgio Cabral Filho, declarou que pediu o apoio loxístico da Mariña do Brasil, que o ministro de Defensa Nelson Jobim garantiu, nas operacións de represión da vaga de violencia[6]. Recorrer á Mariña para combater o tráfico e o crime nas favelas foi unha decisión inédita no país[7][8].

O día 25 de novembro realizouse a maior ofensiva da Policía Militar, co seu Batallón de Operacións Policiais Especiais, e da Policía Civil, en colaboración coa Unidade de Policía pacificadora e, sobre todo a Mariña. Esta facilitou seis blindados e un grupo de marines para amparar na loxística da operación, que resultou na toma de Vila Cruzeiro, ata entón en poder dos traficantes. Preto de 500 policías participaron na acción[9]. Co apoio da Mariña, a policía ocupou ese reduto dos criminais[10] e puxo cerco ao Complexo do Alemão, para onde fuxiran os bandidos[11]. Despois dun ultimato emitido pola policía rendéronse trinta e un traficantes[12]. Tras un intercambio de fogo, 2.600 policías e militares invadiron a área ás 08:00 do 28 de novembro[13], ocupándoa ás poucas horas sen apenas resistencia[14].


Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Conflito en Río de Xaneiro en novembro de 2010

Notas[editar | editar a fonte]