Confederación Nacional do Traballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Confederación Nacional del Trabajo (CNT)
Sindicato de España
LíderEnrique Hoz
(Secretario Xeral)
Fundación1910
SedeBilbao
IdeoloxíaAnarcosindicalismo
Comunismo libertario
Filiación internacionalAsociación Internacional dos Traballadores
Afiliados10.000-50.000
Delegados sindicais(A CNT non participa en eleccións sindicais)
www.cnt.es www.cntgaliza.org

A Confederación Nacional do Traballo[1] (CNT; en castelán: Confederación Nacional del Trabajo) é unha unión confederal de sindicatos autónomos de ideoloxía anarcosindicalista de España, adherida á organización de carácter supranacional Asociación Internacional dos Traballadores (AIT). Por este motivo tamén é coñecida co nome de CNT-AIT. É unha organización que xogou un papel moi significativo dentro dos movementos sociais relacionados co anarquismo.

Fundada o 30 de outubro de 1910 en Barcelona a partir de grupos organizados en torno ó sindicato Solidariedade Obreira, recolleu a testemuña do espírito do movemento anarquista español que se traza desde a creación da Federación de Traballadores da Rexión Española, organización que sucedeu a sección española da Primeira Internacional.

Cun significativo legado histórico e cultural, a CNT continúa hoxe participando no movemento obreiro español baseándose nos principios da autoxestión, o federalismo e a axuda mutua.

Organización e funcionamento[editar | editar a fonte]

Afiliación[editar | editar a fonte]

Pode pertencer á CNT calquera persoa, coa excepción de policías, militares ou corpos armados. Non cómpre acreditar ningunha ideoloxía para afiliarse, sendo compatible incluso a dobre militancia nun partido político e o sindicato. Porén, as persoas que ocupan cargos en partidos políticos non poden facer o mesmo no sindicato. Esta medida tómase para evitar que algunha formación política poida dirixir ou instrumentalizar a CNT.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

Apoio da CNT a unha manifestación ecoloxista en contra do complexo de ENCE en Pontevedra.

Como organización sindical, segundo os seus estatutos, a CNT pretende:

a) Traballar por desenvolver entre os traballadores o espírito de asociación, facéndolles comprender que só por estes medios poderán elevar a súa condición moral e material na sociedade presente e preparar o camiño para a súa completa emancipación na futura, grazas á conquista dos medios de produción e consumo.

b) Practicar a axuda mutua entre as colectividades federais, sempre que sexa necesario e estas o reclamen, tanto en casos de folga como en calquera outro que puidera presentárselles.

c) Soster as relacións con todos aqueles organismos obreiros afíns, nacionais ou internacionais, para a común intelixencia que conduza á emancipación total dos traballadores.
Estatutos da CNT

Os obxectivos da CNT non se limitan á defensa dos intereses da clase obreira, senón que inclúen o desexo dunha transformación radical da sociedade a través do sindicalismo revolucionario:

O anarcosindicalismo é unha corrente de pensamento que aparece a finais do século XIX e principios do XX. Ten como características fundamentais:
  • A intención de agrupar o mundo do traballo para a defensa dos seus intereses inmediatos e obter melloras na súa calidade de vida. Para isto forma sindicatos.
  • A creación dunha estrutura na que non haxa dirixentes nin poder executivo.
  • O desexo de transformación radical da sociedade, transformación á que se chega por medio da revolución social. Sen finalidade transformadora non existe o anarcosindicalismo.
Outro nome que recibe o anarcosindicalismo é o de sindicalismo revolucionario.
Anarcosindicalismo básico

Para lograr a revolución social, a organización ten esbozado un sistema económico-social a través do concepto confederal do comunismo libertario, que consiste nunha serie de ideas xerais propostas para a organización dunha sociedade anarquista.

Como organización que se inspira nas ideas libertarias, identifícase tamén coas loitas dos diferentes movementos sociais. Desta maneira, a CNT defende causas alleas ó mundo laboral como a dignidade das persoas recluídas en prisións, as reivindicacións ecoloxistas, a loita contra a discriminación da muller, a oposición ó militarismo ou a "okupación".

A CNT é unha organización de carácter internacionalista, pero apoia o dereito á autodeterminación dos pobos e a súa soberanía respecto ós estados:

A anarcosindical é internacionalista; ve o mundo como un todo por riba de diferenzas raciais, idiomáticas, culturais etc. Neste sentido oponse á opresión que exercen os estados sobre os pobos. Estamos en contra de que o Estado español oprima o pobo vasco, a favor de que os pobos vasco, catalán, palestino, saharauí, tibetano, kurdo... sexan donos dos seus destinos, se asenten en territorios máis ou menos delimitados, participen da riqueza da sociedade en xeral, se federen como queiran, se independicen dos estados; pero igualmente nos oporíamos á creación dun estado vasco, palestino, saharauí, kurdo... coa súa policía, exército, moeda, goberno e aparato represivo.
Anarcosindicalismo básico

Estrutura[editar | editar a fonte]

Esquema da estrutura organizativa da CNT.

A estrutura organizativa da CNT está pensada para previr na medida do posible a burocracia e os liderados. Á dereita amósase un esquema básico da devandita estrutura, da que se desenvolven os seus elementos a continuación.

Sindicatos de ramo e de oficios varios[editar | editar a fonte]

A estrutura de base da CNT son os sindicatos de ramo, que agrupan os traballadores de distintos oficios dentro de cada ramo da produción. Cando non existen vinte e cinco persoas traballando nun mesmo ramo fórmase un sindicato de oficios varios (S.OO.VV.), que pode incluír traballadores de diferentes oficios e ramos da produción e que require un mínimo de cinco persoas para a súa constitución. Se non se chegase tampouco a esa cantidade, pódese crear un núcleo confederal.

O poder de decisión dos sindicatos de ramo e de oficios varios reside na asemblea. As decisións son tomadas por tódolos traballadores do sindicato en cuestión polo sistema da democracia directa e o consenso.

Seccións sindicais[editar | editar a fonte]

As seccións sindicais son as asembleas de traballadores do sindicato que se encontran traballando nun mesmo centro de traballo ou empresa. A asemblea da sección sindical elixe unha delegación da sección sindical, que adoita ser rotativa e que representará as opinións da sección sindical nas reunións con outros organismos, pero que non ten poder de decisión.

Comité e secretarías[editar | editar a fonte]

A asemblea escolle un comité que realiza tarefas rutineiras ou administrativas que non requiren a discusión de tódolos membros, pero non ten poder de decisión. Os comités poden organizarse a través de diferentes secretarías, como por exemplo:

  • Secretaría xeral.
  • Organización.
  • Tesourería e asuntos económicos.
  • Propaganda, cultura e arquivo.
  • Prensa e información.
  • Xurídica e propresos.
  • Acción sindical.
  • Acción social.

O número de secretarías pode ser variable, cun mínimo de tres (as tres primeiras). Forman parte do comité tamén as delegacións das seccións sindicais das empresas do ramo.

Federacións e confederacións[editar | editar a fonte]

A CNT organízase de forma anárquica, de abaixo a arriba, a través de diferentes niveis de confederacións, seguindo o principio federativo.

Faise así para evitar que os comités sexan homoxéneos. Noutras organizacións elíxense listas, candidaturas, equipos e programas, establécense alianzas para copar cargos e desde alí levar adiante a política da tendencia vencedora. O anarcosindicalismo considera que os seus comités non deben ter programas nin política. A elección directa por parte dos sindicatos garante a heteroxeneidade e variedade do comité. Calquera tipo de representación ten unha carga de poder executivo, pero na CNT procúrase que este poder en mans de persoas máis activas e informadas sexa mínimo.
Anarcosindicalismo básico
Federacións locais e comarcais[editar | editar a fonte]

Os distintos sindicatos de ramo ou de oficios varios dun mesmo concello constitúen a federación local de sindicatos[2] que se coordina por medio dun comité local, coas mesmas características e atribucións dos comités dos sindicatos. O comité local elíxese mediante un pleno local de sindicatos no que os distintos sindicatos de ramo ou de oficios varios envían delegacións con acordos por escrito tomados previamente en asemblea.

Á súa vez os sindicatos de concellos próximos poden agruparse nunha federación comarcal.

Confederacións rexionais[editar | editar a fonte]

As confederacións rexionais son a unión de varios sindicatos dun mesmo ámbito xeográfico de orde rexional. Novamente a estrutura se repite: elíxese un comité rexional co seu secretario xeral e resto de secretarías nun pleno rexional de sindicatos no que as diferentes federacións locais envían delegacións con acordos por escrito tomados previamente en asemblea.

A división rexional da CNT sufriu algúns cambios a través do tempo. A división contemporánea —non coincidente coa das comunidades autónomas oficiais de España— preséntase a continuación, xunto co actual mapa confederal da organización.

En Galiza a Confederación Rexional Galaica conta actualmente[cando?] con 7 sindicatos.

Mapa confederal da CNT
Andalucía

Almería
Cádiz
Córdoba
Granada
Huelva
Xaén
Málaga
Sevilla
Aragón - A Rioxa
Huesca
Teruel
Zaragoza
A Rioxa
Asturias - León
Asturias
León
Canarias
As Palmas
Santa Cruz de Tenerife

Cataluña - Baleares
Barcelona
Xirona
Lleida
Tarragona
Baleares
Centro
Ávila
Palencia
Salamanca
Segovia
Soria
Valladolid
Zamora
Madrid
Cidade Real
Cuenca
Guadalaxara
Toledo

Extremadura
Badaxoz
Cáceres
Galicia
A Coruña
Lugo
Ourense
Pontevedra
Levante
Albacete
Alacant
Castellón
Valencia
Murcia
Murcia

Norte
Cantabria
Burgos
Áraba
Guipúscoa
Biscaia
Navarra

A CNT tamén conta cunha rexional exterior con presenza en París, Tolosa e Montpellier (Francia).

Confederación nacional ou anarcosindical[editar | editar a fonte]
Secretarios xerais da CNT dende 1995
Nome Desde Ata
Luis Fernando Barba maio 1995 decembro 1995
José Luis Velasco decembro 1995 febreiro 1998
Luis Fuentes decembro 1998 outubro 2000
Ana Sigüenza outubro 2000 marzo 2003
Iñaki Gil abril 2003 xullo 2005
Rafael Corrales xullo 2005 agosto 2007
Fidel Manrique agosto 2007 decembro 2010
Alfonso Álvarez decembro 2010 marzo 2013
Pedro Senra marzo 2013 abril 2015
Martín Paradelo abril 2015 xullo 2017
Enrique Hoz xullo 2017 -

As confederacións rexionais envían delegacións nos mesmos termos que nos casos anteriores a un pleno nacional de rexionais, que actúa no ámbito xeográfico de España e que constitúe a confederación nacional, tamén coñecida como a anarcosindical. O pleno nacional de rexionais elixe un secretario xeral nacional e unha federación local como sede do comité nacional. A federación local é á que pertence a persoa elixida como secretario xeral. É por este motivo que a CNT non conta cunha sede central fixa, senón que vai cambiando dependendo de onde sexa o lugar de traballo do secretario xeral elixido en cada ocasión. Á esquerda amósase unha táboa cos últimos secretarios xerais da CNT. Para unha lista máis completa véxase Secretario Xeral da CNT.

O pleno local da federación local elixida como sede reúnese para designar o resto de secretarías. O secretario xeral elixido polo pleno nacional de rexionais e as secretarías escollidas polo pleno local da federación local que é sede, forman o Secretariado Permanente do Comité Nacional (SP-CN) da CNT. O resto do comité nacional fórmano as secretarías xerais de cada rexional. Como todos os comités da CNT, as súas atribucións son técnicas ou administrativas, e non pode tomar decisións.

Congreso da CNT[editar | editar a fonte]

Congreso Localidade Datas
Constitución Barcelona 30 de outubro - 1 de novembro de 1910
I Barcelona 8 - 11 de setembro de 1911
II Madrid 10 - 18 de decembro de 1919
III Madrid 11 - 16 de xuño de 1931
IV Zaragoza 1 - 10 de maio de 1936
V Madrid 8 - 16 de decembro de 1979
VI Barcelona 12 - 16 de xaneiro de 1983
VII Bilbao abril 1990
VIII Granada 6 - 10 de decembro de 1995
IX Perlora, Carreño 1 - 3 de novembro de 2002
X Córdoba 4 -8 de decembro de 2010
XI Zaragoza 4 -8 de decembro de 2015

Ó congreso da CNT acoden representacións directas dos sindicatos de ramo ou de oficios varios independentemente das escalas locais ou rexionais, con acordos tomados por escrito en asemblea previa. O congreso ten entre as súas atribucións decidir sobre a actividade xeral da CNT, e pode nomear un novo comité nacional. Desde a fundación da CNT en 1910 celebráronse nove congresos, ademais do congreso de constitución da organización, como se amosa na táboa da dereita.

O congreso convoca o comité nacional cun ano de antelación cando hai unha necesidade imperiosa ou existen novas situacións que haxa que valorar. Tras ratificarse nun pleno nacional de rexionais, preséntanse os temas de discusión e comeza o debate en cada sindicato membro da CNT sete meses antes da data do inicio do congreso.

Plenos[editar | editar a fonte]

Outra forma de tomar decisións é a través dos plenos locais, rexionais e congresos, nos que os sindicatos de ramo ou de oficios varios participan directamente enviando delegacións con acordos tomados previamente por escrito en asemblea. O pleno nacional de rexionais non segue esta regra, pois neste caso acoden distintas delegacións das confederacións rexionais con acordos tomados previamente por escrito nos seus respectivos plenos rexionais de sindicatos.

Plenarias[editar | editar a fonte]

As reunións dos diferentes comités (locais, rexionais e nacionais) reciben o nome de plenarias. Nas plenarias non se poden tomar decisións, senón só levar a cabo cuestións técnicas e administrativas.

Estruturas paralelas[editar | editar a fonte]

Conferencias[editar | editar a fonte]

As conferencias son reunións abertas nas que se discuten asuntos e se expoñen temas, e serven para pescudar a opinión xeral da organización nun determinado momento. As discusións pasan logo ós sindicatos de base para o seu estudo. Poden acudir a elas persoas representándose a si mesmas ou a outro organismo ou sindicato, pero non se poden tomar acordos.

Federacións de industria[editar | editar a fonte]

As federacións de industria coordínanse segundo similitude de ramo e non xeográfica. A totalidade dos sindicatos da CNT dun ramo da produción forman a federación nacional de industria dese ramo, diferindo da estrutura de sindicatos de ramo coordinados por federacións e confederacións locais e rexionais. Tamén existen federacións de industria de nivel rexional. As federacións de industria posúen autonomía para actuar naqueles asuntos que son da súa incumbencia. Nomean representantes que están presentes nas confederacións nacionais e rexionais con voz pero sen voto. Algunhas das federacións de industria da CNT son:

  • Correos, de Asturias.
  • Ensino, de Andalucía.
  • Ensino, de Castela e León.
  • Ensino, de Cataluña.
  • Estatal de Ensino.
  • Federal de Correos e Telégrafos.
  • Sindicato Federal de Telefónica.
  • Estatal de Servizos Públicos.
  • Estatal da Construción.
  • Estatal de Artes Gráficas.

Outros organismos[editar | editar a fonte]

Medios de expresión[editar | editar a fonte]

A CNT conta cun periódico coñecido como o CNT que funciona de forma autónoma. Elíxese a súa dirección e a localidade de residencia nun congreso ou pleno nacional. A dirección ocúpase da distribución, impresión, venda, administración das subscricións e recepción de artigos para o periódico. O director elixido para o periódico acode ás reunións do comité nacional da CNT con voz pero sen voto. O secretario xeral da CNT é a persoa encargada de redactar a editorial do periódico. O CNT ten unha periodicidade mensual, edítase cunha licenza Creative Commons de carácter copyleft e ademais de en papel pódese ler en Internet.[3]

Os sindicatos e organismos que forman parte da CNT poden ter tamén os seus propios medios de expresión. Solidaritat Obrera é o periódico da Confederación Rexional de Traballo de Cataluña e é o órgano de expresión dos sindicatos federados á anarcosindical máis antigo, datando a súa fundación do ano 1907. Outros medios son La tira de papel, o boletín da Coordinadora Nacional de Artes Gráficas, Comunicación e Espectáculos, Cenit, o periódico da rexional exterior, ou Bicel, o boletín editado pola Fundación Anselmo Lorenzo.

A Confederación Rexional Galaica edita o Solidariedade Obreira.

Fundación Anselmo Lorenzo[editar | editar a fonte]

Unha das prioridades da CNT expostas nos acordos do VIII congreso de Granada é a de recuperar a memoria histórica do anarquismo español. A principal forma da CNT de traballar nese campo é o desenvolvemento de proxectos a través da Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo, tamén coñecida como Fundación Anselmo Lorenzo ou simplemente a FAL.

A FAL funciona de forma autónoma. O seu director é elixido nun pleno nacional de rexionais ou nun congreso. Algunhas das súas actividades son:

  • Mantemento, catalogación e ofrecemento ó público dos fondos históricos da CNT.
  • Edición de libros e materiais noutros formatos.
  • Preparación de eventos culturais en congresos da CNT ou da AIT, charlas, coloquios, conferencias, videoforums, presentacións de libros etc.
  • Edición dun boletín interno chamado Bicel (Boletín Interno de Centros de Estudios Libertarios).
  • Coordinación con outros proxectos similares vinculados á FAL.

Relación coa AIT[editar | editar a fonte]

A Asociación Internacional dos Traballadores ou AIT é unha organización transnacional á que acoden delegacións das anarcosindicais dos distintos países. As anarcosindicais nacionais son coñecidas como seccións da AIT, podendo existir unicamente unha en cada país. A CNT é a sección española de dita organización.

A AIT ten un secretariado internacional elixido polas diferentes seccións, e pode estruturarse por continentes a través do sistema de federacións de industria.

Votacións[editar | editar a fonte]

Sempre que hai unha votación, hai que saber que do que se discute é do problema do poder, e na anarcosindical por tanto hai que procurar votar o mínimo posible, e acadar acordos por consenso. Tódalas nosas votacións son abertas, e a man alzada. Nunca secretas.
Anarcosindicalismo básico

Polo xeral na CNT evítanse na medida do posible as votacións, preferindo a fórmula da decisión por consenso. Mentres este sistema é plausible nos sindicatos de base, nas escalas máis altas faise máis difícil evitar por completo as votacións:

O problema xorde cando as decisións teñen que ser tomadas en plenos locais, rexionais ou congresos. Xa se explicou que a estrutura básica da CNT son os sindicatos de ramo e se non existen, os de oficios varios. Pois ben, non hai forma xusta pola que as decisións poidan ser tomadas en votación.
  • Se cada sindicato dispón dun voto, un sindicato de 1000 afiliados disporía da mesma capacidade de decisión dun de 50. Dous sindicatos de 25 (2 votos) poderían impor a súa opinión ó de 1000 (1 voto).
  • Se se vota por número de afiliados, un sindicato de 2000 afiliados tería 2000 votos, e 100 sindicatos de 20 afiliados disporían da mesma capacidade de decisión dun só sindicato. A distribución xeográfica de 100 é moito máis ampla que a de 1, e un acordo obriga a todos por igual, de forma que os sindicatos pequenos teñen a mesma responsabilidade que os grandes, pero moitas máis dificultades.
  • Encóntrase ademais o problema das minorías. Un sindicato que en asemblea decidise ir á folga por 400 votos contra 350, defendería a postura da folga, que é o que decidiu a súa asemblea. O sindicato B da federación local di que non á folga por cen contra 25. O sindicato C da federación local di que si por unanimidade de 15 votos. Son dous sindicatos a favor da folga e un en contra, e polo tanto a folga sería convocada se fose un voto por sindicato, pero sumando os votos negativos á folga sairían 450 votos en contra e 440 a favor.
Anarcosindicalismo básico
Votacións
Desde Ata Votos
1 50 1
51 100 2
101 300 3
301 600 4
601 1.000 5
1.001 1.500 6
1.501 2.500 7
2.500 en adiante 8

Para minimizar no posible estes problemas utilízase un sistema de votación proporcional baseado no número de afiliados ou cotizantes de cada sindicato da anarcosindical, segundo se amosa na táboa da esquerda.

Porén, o sistema non é infalible e pode propiciar situacións discriminatorias para cos sindicatos con maior número de afiliacións:

Este sistema beneficia as minorías, pero segue sendo moi discutible. Por exemplo, dez sindicatos con 25 cotizantes, que sumarían 250 cotas teñen 10 votos. Máis que un de 2500, que con 10 veces máis cotas só ten dereito a 7 votos.
Anarcosindicalismo básico

Na CNT considérase que isto non é excesivamente grave, pois normalmente os acordos se consensúan tras longas discusións, aínda que se admite que o sistema podería ser mellorado:

O porqué de que non se busque outro sistema é porque hoxe en día non é necesario. Os acordos consensúanse tras discusións que poden parecer absurdas ós que empezan na anarcosindical, pero que son sumamente importantes para o sindicato ou rexional que as defende. De todas formas non estaría de máis que alguén pensase algo ó respecto.
Anarcosindicalismo básico

Métodos[editar | editar a fonte]

A CNT baséase en tres principios básicos, a autoxestión, o federalismo e a axuda mutua, e considera que os conflitos laborais deben solucionarse entre patróns e traballador, sen o concurso de intermediarios como organismos oficiais do Estado ou sindicalistas profesionais. Por esta razón o sindicato é crítico coas eleccións sindicais e comités de empresa, e é partidario no seu lugar das asembleas de traballadores, seccións sindicais e a acción directa, tendendo tamén a evitar na medida do posible as causas xudiciais. Os cargos administrativos no sindicato son rotatorios e non remunerados.[4] Considéranse máis positivas as subidas de soldo lineais que as porcentuais xa que as primeiras tenden a favorecer a igualdade de salarios.

As medidas sindicais ás que adoita recorrer a CNT son a exhibición de pancartas diante das sedes de empresas coas que o sindicato mantén algún conflito e a apelación aos consumidores a boicotear os seus produtos e á solidariedade[5] cos traballadores que se atopan en problemas. Durante as folgas, poden crearse caixas de resistencia para apoiar economicamente os folguistas e as súas familias.

A CNT organízase ao redor de sindicatos de ramo. Esta táctica adoptouse cara ao ano 1918, nos tempos das grandes loitas sociais do reinado de Afonso XIII:

Aumentan as detencións en ambos os ramos, de maneira que o dos fideeiros, que englobaría a catrocentos oficiais, quedou imposibilitado para actuar por falta de xente. Pero entón todo o ramo de alimentación solidarízase: os forneiros, pasteleiros, muiñeiros, cobren as baixas dos seus compañeiros detidos. E os carpinteiros, torneiros, vernizadores, o ramo da madeira en pleno envórcanse a relevar os sabotadores. A folga dos ebanistas durou dezasete semanas. Ata que os patróns afrouxaron... Foi un triunfo irresistible. E a lección de solidariedade foi, en rigor, a que impulsou a creación do Sindicato Único da Madeira -o que foi famoso-, e o da Alimentación, apiñando todos os sindicatos sectoriais.
Joan Ferrer, na revolta permanente de Baltasar Porcel

Aínda que houbo casos de pistoleirismo na década de 1920, a CNT non promove a violencia nin o ataque a persoas.

Historia[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Anarquismo en España.

Os primeiros anos[editar | editar a fonte]

Un local da CNT en Barcelona

O movemento anarquista español carecía dunha organización nacional estable nos seus primeiros anos. O anarquista Juan Gómez Casas discutiu a evolución da organización anarquista antes da creación da CNT:

Logo dun período de dispersión, a Federación de Traballadores da Rexión Española desapareceu, para ser substituída pola Organización Anarquista da Rexión Española... Esta organización entón cambiou, en 1890, ao Pacto de Axuda e Solidariedade, o cal foi en por si disolto en 1896 debido á represiva lexislación en contra do anarquismo separándose en varios núcleos e sociedades de traballadores autónomas... Os restos que quedaron do FRE deron orixe á Solidariedade Obreira en 1907, a antecesora directa da CNT.
Juan Gómez Casas

Existiu un consenso xeral entre os anarquistas a principios do século XX de que se necesitaba unha nova organización laboral nacional para traer coherencia e forza ao movemento. Esta situación enmarcábase dentro do proceso natural da revolución industrial. Durante a restauración borbónica, aos partidos tradicionais e dinásticos representados por Cánovas del Castillo e Práxedes Mateo Sagasta, o movemento obreiro emerxente uniuse ao redor do PSOE como forza política e da UXT como sindicato obreiro. Non faltaban tampouco os movementos republicanos e con máis acento demócrata que parte da nova burguesía apoiaba.

O peso do sindicalismo revolucionario dos primeiros anos procedía das teses dos redactores de Solidaridad Obrera José Prat e Ricardo Mella, procedentes do anarcosindicalismo, pero que crían nos preceptos básicos da loita sindicalista revolucionaria.

Así, a CNT naceu en 1910 en Barcelona nun congreso do sindicato catalán Solidaritat Obrera co obxectivo de constituír unha forza relevante opositora ao sindicato maioritario por entón, a socialista UXT e "apresurar a emancipación económica da clase traballadora a través da expropiación revolucionaria da burguesía...". A CNT comezou sendo pequena, con ao redor de 30.000 membros a través de varios sindicatos e outras confederacións.

O primeiro nome foi Confederación Rexional do Traballo de Cataluña, que se mudou en setembro do ano seguinte non congreso celebrado en Barcelona. En 1911, con ocasión do seu primeiro congreso, convocouse unha folga xeral que provocou que o sindicato fose ilegalizado ata 1914. Nese mesmo ano de 1911, o sindicato recibiu oficialmente o seu nome.

A partir de 1916 a CNT cambiou de estratexia con respecto á UXT establecendo relacións con este sindicato, o que fixo que ambas as organizacións convocasen conxuntamente a folga xeral de 1917. No segundo congreso da CNT en 1919 estudouse a posibilidade da fusión das organizacións para contribuír a unha maior unidade do movemento obreiro español. No mesmo congreso aprobouse a vinculación provisional da CNT á Terceira Internacional, pero trala visita de Ángel Pestaña á URSS e por consello deste, a CNT apartarase dela definitivamente en 1922.

Auxe da CNT[editar | editar a fonte]

Evolución do número de afiliados á CNT entre 1911 e 1937

A organización interna baseouse nun principio en sindicatos de oficios, pero en 1918 optouse por constituír sindicatos únicos que agrupaban os sindicatos de empresa e de industria.

A partir de 1918 a CNT fortaleceuse por unha crise na industria catalá, o que levou a moitos obreiros a afiliarse ao sindicato. O sindicato tivo un papel destacado no desenvolvemento da folga de A Canadense. Entón empezou a render o pánico entre os patróns, sendo a orixe do pistoleirismo que propiciou un auxe da violencia e afectou significativamente ao sindicato.

En 1922 fórmase en Berlín a Asociación Internacional dos Traballadores, organización á que se adhire a CNT. En 1923, coa ditadura de Miguel Primo de Rivera, o sindicato é ilegalizado.

Bandeira da CNT-FAI.

En 1927 e ante o posicionamento "moderado" dalgúns cenetistas, créase en Valencia a Federación Anarquista Ibérica (FAI), unha asociación de grupos de afinidade anarquistas, que desempeñará un papel importante nos seguintes anos a través da denominada trabazón coa CNT, é dicir a presenza de elementos faístas na anarcosindical. A intención era que o sindicato non se afastase dos postulados ácratas.

A Segunda República[editar | editar a fonte]

A proclamación da Segunda República española permitiulle unha actividade máis pública.

Tras a caída do antigo réxime hai un inicial apoio á Segunda República que irá diminuíndo durante o período do 1931-1933 polos constantes enfrontamentos coas autoridades republicanas nas sucesivas folgas sectoriais e xerais, ao final do cal ata levarán a cabo as chamadas revolucións de Xaneiro e de Decembro, ambas rapidamente controladas polo Estado, e ós sucesos de Casas Viejas. Naquel entón, o núcleo principal da CNT estaba en Cataluña, pero noutras rexións gañaba importancia como en Aragón (onde era maioritario fronte a UXT) ou Andalucía.

As tensións entre a "parte moderada" (non faístas) e a "parte radical" (faístas) son constantes e complexas de analizar dado o carácter descentralizado e sectorial da organización. Finalmente en 1931 un grupo de non faístas publica o Manifesto dos Trinta que dará lugar ao trintismo e en 1932 Ángel Pestaña crea o Partido Sindicalista.
Neste mesmo ano, a súa posición de abstencionismo electoral facilitou o triunfo da dereita.

O bienio radical-cedista supuxo unha etapa de clandestinidade que atacou profundamente as bases do anarcosindicalismo a nivel nacional, durante o que a CNT participaría nun plano secundario fronte á iniciativa socialista na chamada Revolución de Outubro de 1934. En Asturias, con todo, a Confederación Rexional do Traballo de Asturias, León e Palencia da CNT participará activamente na revolución como consecuencia da súa postura máis proclive á alianza obreira formalizada a través da UHP co pacto coa UXT e a FSA. Deste xeito, en La Felguera, e no barrio do Chairo de Xixón chegáronse a dar breves experiencias de comunismo libertario:

Na barriada do Chairo procedeuse a regularizar a vida de acordo cos postulados da CNT: socialización da riqueza, abolición da autoridade e o capitalismo. Foi unha breve experiencia chea de interese, xa que os revolucionarios non dominaron a cidade. [...] Seguiuse un procedemento parecido ao da Felguera. Para a organización do consumo creouse un Comité de Abastos, con delegados por rúas, establecidos nas tendas de comestibles, que controlaban o número de veciños de cada rúa e procedían á distribución dos alimentos. Este control por rúa permitía establecer con facilidade a cantidade de pan e doutros produtos que se necesitaban. O Comité de Abastos levaba o control xeral das existencias dispoñibles, particularmente da fariña.
Manuel Villar. O anarquismo na insurrección de Asturias: a CNT e a FAI en outubro de 1934

Considérase que houbo ata 30 000 encarcerados durante este período. A exitosa folga de transportes en Zaragoza, continuada por folga xeral, que durou máis de dúas semanas, convocouse en unidade coa UXT en 1935. Con todo, a colaboración non callou en seguintes accións.

As eleccións de 1936 tras o derrubamento do goberno de Lerroux colocaron a CNT nunha complexa tesitura. As opinións dentro da organización repartíanse entre o tradicional abstencionismo, o deixar vía libre aos obreiros para votar, ou directamente a pedir o voto para a Fronte Popular. Este tiña entre as súas promesas electorais a amnistía para os presos. Renunciou ao abstencionismo en febreiro de 1936, considerándose que unha parte do crecemento da Fronte Popular sobreveu precisamente polo voto libertario.

A guerra civil[editar | editar a fonte]

Placa conmemorativa a mortos da CNT na guerra civil española.

En 1936 a CNT sería finalmente legalizada, tras períodos de clandestinidade seguidos doutros máis curtos de legalización, ata o seu esmagamento ó final da guerra civil.

Durante a guerra civil abandonou o seu antiestatismo e apoliticismo tradicionais e participou en varios gobernos da República e da Generalitat, se ben autonomamente continuou con iniciativas revolucionarias baseadas nas colectivizacións.

En Barcelona os anarquistas fixéronse co control, colectivizando gran parte das actividades, feito do que foi testemuña George Orwell:

Por primeira vez na miña vida, atopábame nunha cidade onde a clase traballadora levaba as rendas. Case tódolos edificios, calquera que fose o seu tamaño, estaban en mans dos traballadores e cubertos con bandeiras vermellas ou coa bandeira vermella e negra dos anarquistas; as paredes ostentaban a fouce e o martelo e as iniciais dos partidos revolucionarios; case tódolos templos foran destruídos e as súas imaxes, queimadas. Por todas partes, cuadrillas de obreiros adicábanse sistematicamente a demoler igrexas. En toda tenda e en todo café víanse letreiros que proclamaban a súa nova condición de servizos socializados; ata os limpabotas foran colectivizados e as súas caixas estaban pintadas de vermello e negro. Camareiros e dependentes miraban o cliente cara a cara e o trataban como a un igual. As formas servís e incluso cerimoniosas da linguaxe desapareceran. Ninguén dicía "señor", ou "don", e tampouco "vostede"; todos se trataban de «camarada» e «ti», e dicían ¡saúde! en lugar de bos días.
George Orwell, Homenaxe a Cataluña

En agosto de 1936, cando a fronte en Aragón comezou a estabilizarse, dous quintos da rexión estaban baixo control dos rebeldes, aínda que comprendendo á metade da poboación, xa que controlaban as tres capitais de provincia e Calatayud. Malia a importancia da CNT nesta rexión non foi capaz de responder e a represión axiña foi acabando coa organización nas zonas controladas polo bando nacional.

Na outra parte do Aragón dividido, o Estado republicano quedou igualmente anulado. As milicias da CNT que ocuparon o Baixo Teruel e Huesca, estableceron comités de defensa que substituían os antigos Concellos. Nas zonas con maior presenza anarquista previa á guerra comezou con forza o proceso de colectivización da terra. Estas primeiras colectivizacións eran voluntarias e se establecían a partir das terras propiedade dos membros e as requisadas ós fuxidos ou desaparecidos. Aqueles que quixeran manter a propiedade da terra non podían contratar terceiras persoas que non fosen da súa familia, e as terras non labradas pasaban a control da colectividade.

George Orwell comentou acerca das características da nova sociedade que se creou nas colectividades:

Eu estaba integrando, máis ou menos por azar, a única comunidade de Europa occidental onde a conciencia revolucionaria e o rexeitamento do capitalismo eran máis normais que o seu contrario. En Aragón estábase entre decenas de miles de persoas de orixe proletaria na súa maioría, todas elas vivían e se trataban en términos de igualdade. En teoría, era unha igualdade perfecta, e na práctica non estaba moi lonxe de selo. Nalgúns aspectos, experimentábase un pregusto de socialismo, polo que entendo que a actitude mental prevalecente fora de índole socialista. Moitas das motivacións correntes na vida civilizada —ostentación, afán de lucro, temor ós patróns etcétera— simplemente deixaran de existir. A división de clases desapareceu ata un punto que resulta case inconcibible na atmosfera mercantil de Inglaterra; alí só estabamos os campesiños e nós, e ninguén era amo de ninguén.
George Orwell, Homenaxe a Cataluña
Local do sindicato no barrio compostelán de Conxo.

Algunhas das colectividades máis importantes foron as de Alcañiz, Calanda, Alcorisa, Valderrobres, Fraga ou Alcampel. Non só se colectivizaron as terras, senón que se emprenderon labores colectivos como a residencia de anciáns de Fraga ou a recuperación de hospitais (como en Barbastro ou Binéfar, A Casa de Saúde Durruti); así como a fundación de escolas, entre elas a Escola de Militantes Libertarios. Estas obras serían destruídas durante a guerra polas tropas nacionais.

Para protexer as novas organizacións rurais o comité organiza un pleno rexional extraordinario de representantes sindicais das vilas e aldeas, respaldado por Buenaventura Durruti. En contra da opinión do comité nacional da CNT, fundamentalmente catalán, créase o Consello Rexional de Defensa de Aragón.

O 23 de decembro de 1936, tras recibir en Madrid unha comitiva formada por Joaquín Ascaso, Miguel Chueca e tres líderes republicanos e independentes, o Goberno de Largo Caballero no que se integraran como ministros catro anarquistas (Joan García Oliver, Juan López, Federica Montseny e Joan Peiró) recoñece a formación do Comité de Defensa Nacional, órgano revolucionario no que estaban representados tanto anarquistas como socialistas e republicanos.

A mediados de febreiro de 1937 celébrase un congreso en Caspe co propósito de crear unha federación de colectividades rexional, ó que asisten 500 delegados que representan 80.000 colectivistas do Aragón libertario.

Nun pleno da CNT de marzo de 1937 o comité nacional pedía un voto de censura para a supresión do Consello Rexional. A ameaza de dimisión de todo o comité rexional aragonés impediuno. As Xornadas de Maio en Barcelona e a caída do Goberno de Largo Caballero seguida do Goberno de Juan Negrín precipitaron o derrubamento da experiencia libertaria.

A principios de xullo as organizacións aragonesas da Fronte Popular apoiaron publicamente o Consello e o seu presidente, Francisco Ascaso. Catro semanas despois a 11ª División de Enrique Líster entrou na rexión. O 10 de agosto de 1937 o Goberno republicano establecido en Valencia disolvía o Consello Rexional de Defensa de Aragón. A división de Líster dispúñase a unha ofensiva na fronte de Aragón, pero tamén foron utilizadas para someter á organización anarquista e desmontar as estruturas colectivas creadas nos doce meses anteriores.

Outras figuras clave da época son Fernando Ascaso e Miguel García Vivancos.

Existiu tamén un espírito de revolución sexual. A organización Mulleres Libres estableceu liberatorios para a prostitución onde se daba unha alternativa ás mulleres que querían deixar esa actividade. A muller adquiriu un papel que nunca tivera na sociedade española ata entón, combatendo na fronte e traballando nas faenas, en lugares que ata entón lles foran vedados. O amor libre popularizouse, aínda que as suspicacias dalgúns pais fixeron que se creasen os casamentos revolucionarios, cerimonias informais nas que se facía constar os emparellamentos, e que podían ser anulados se as partes afectadas non querían continuar a relación.

A CNT baixo a ditadura franquista[editar | editar a fonte]

Na posguerra participou moi activamente na loita de guerrilla contra o franquismo e sufriu perdas moi importantes. No exilio enfrontáronse os moderados e os radicais, o que provocou a escisión.

En 1939 a Lei de responsabilidades políticas ilegalizaba a organización, expropiándose os seus bens: inmobles, material, vehículos, contas bancarias, empresas colectivizadas e documentación. Por aquel entón a CNT contaba cun millón de afiliados e a infraestrutura que a soportaba era moi ampla.

A CNT funcionou de forma clandestina dentro de España durante o franquismo e déronse tamén actividades de cenetistas no exilio, e seguiu a loita contra o réxime de Francisco Franco ata 1948 a través dalgúns maquis. A partir de entón, posturas diverxentes propiciaron un debilitamento da organización que fixo que esta perdera influencia entre a poboación. En 1961 revitalizouse consolidándose ó longo das décadas de 1960 e 1970 grazas á penetración do ideario anarcosindicalista en organizacións obreiras católicas antifranquistas como Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) ou Xuventude Obreira Católica (JOC).

Durante a Transición[editar | editar a fonte]

Legalizada trala morte de Francisco Franco, en novembro de 1975 e o comezo da transición, a CNT celebra o seu primeiro congreso desde 1936, así como diversos mitins multitudinarios, o máis destacado en Montjuic. Das súas conclusións xurdirán algunhas das liñas de actuación que marcan a súa actividade nos centros de traballo. Non participación nas eleccións sindicais, non recoñeceron os comités de empresa, non aceptaron subvencións estatais nin empresariais, e apoiaron a formación de seccións sindicais.

Neste primeiro congreso, celebrado en 1979 en Madrid, un sector minoritario, partidario das eleccións sindicais, escíndese e pasa a chamarse CNT Congreso de Valencia (en referencia ó Congreso alternativo realizado nesa cidade) e posteriormente, perdidas xudicialmente as siglas en abril de 1989, Confederación Xeral do Traballo (CXT). Un ano despois un grupo de afiliados da CXT marcha deste sindicato por recibir subvencións, e funda Solidaridad Obrera (SO).

A CNT viuse afectada un ano antes, en 1978, polo Caso Scala, un incendio provocado nunha sala de festas barcelonesa. Os cenetistas mantiveron que se buscou criminalizar a organización:[6]

Resultaba evidente que a policía non buscaba nada nin a ninguén —xa tiñan os culpables— tratábase simplemente de amedrentar os cenetistas e de facer marchar da organización miles de traballadores afiliados que, se ben se identificaban coa liña sindical dos anarconsindicalistas, non estaban dispostos a chegar demasiado lonxe na súa adhesión, nin moito menos a desafiar unha represión policial daquela envergadura. A cousa non era de chanza, as noticias de novas detencións crearon un ambiente de inseguridade en gran parte da afiliación. Por outra parte, a certeza da implicación da CNT no atentado foi afianzándose na opinión pública, o que provocou unha seria deterioración na imaxe da organización e dos anarquistas por extensión. Se a isto se engaden as noticias de agresións e asaltos por parte de grupos fascistas, que naqueles días se incrementaron de forma moi considerable, pódese facer unha imaxe aproximada da situación. Ser libertario naqueles momentos converteuse en algo bastante desagradable. Os medios de comunicación fixéronno impopular, a policía e os grupos de ultradereita fixéronno perigoso.
Revista Polémica: O Caso Scala. Un proceso contra o anarcosindicalismo

A partir da súa legalización, iníciase un movemento para a reparación das expropiacións de 1939, que se concretará na lei 4/1986 que obrigaba á devolución dos bens incautados e o dereito á cesión e uso de inmobles por parte dos sindicatos. Desde entón, a CNT vén reclamando a devolución de bens por parte do Estado.

Na década de 1990 procedeuse á ocupación das instalacións do Consello Económico e Social, con sede en Madrid, organismo encargado da repartición do Patrimonio Sindical Acumulado. En 2004 chegouse a un acordo entre a fiscalía e a CNT, polo que o centenar de procesados por dita ocupación quedaban libres con cargos.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Manifestación do 1º de maio en Pontevedra.

A CNT oponse ó modelo das eleccións sindicais e comités de empresa,[7] e é crítica cos sindicatos maioritarios UXT e CCOO e as reformas laborais,[8] á vez que mantén unha plataforma reivindicativa.[9]

En 2005 o Goberno de España continuou a devolución do patrimonio sindical incautado durante e trala guerra civil ós sindicatos UXT e CNT. Desde algúns colectivos sociais e medios de comunicación, calificouse esta devolución como unha mostra de favoritismo cara a UXT, pois en 1936 a afiliación na central anarcosindicalista era superior á do outro sindicato e o Goberno devolveu ese ano á CNT catro millóns de euros mentres que á UXT lle devolvía unha cantidade moito maior. A CNT segue reclamando a día de hoxe a devolución do seu patrimonio histórico incautado.[10]

En xullo de 2006 celebrouse o 70 aniversario da Revolución Española de 1936, motivo polo que a CNT e a FAI organizaron unhas xornadas conmemorativas con distintos eventos como relatorios, debates, proxeccións, exposicións e actuacións musicais.[11]

En 2010 celebrouse o X Congreso Confederal, data que se fixo coincidir co Centenario da Organización.

Símbolos e cultura[editar | editar a fonte]

A CNT, como parte do seu interese por unha transformación radical da sociedade, pretende que a cultura e o libre coñecemento sexan accesibles á clase obreira, labor que levou a cabo a través do apoio ós ateneos libertarios. A Escola de Militantes Libertarios foi unha institución que mediante a pedagoxía libertaria pretendía que os "grupos de adolescentes puidesen adquirir os coñecementos e a responsabilidade persoal imprescindibles para servilas ás colectividades como animadores e contables". A través da Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo a CNT xestiona o seu patrimono cultural, edita libros e organiza charlas e coloquios. Tamén desde algunhas seccións da CNT se apoiou e promoveu o esperanto.

A bandeira da CNT é a tradicional do anarcosindicalismo que une en diagonal, como negación do nacionalismo e reafirmación do internacionalismo, a cor vermella do movemento obreiro e a negra do anarquismo.

O himno da CNT é a célebre canción coñecida como A las barricadas, composta polo poeta polaco Wacław Święcicki en 1883 co nome de Warschawjanka, coa letra adaptada ó idioma castelán por Valeriano Orobón Fernández, publicándose xunto a unhas instrumentacións para coro mixto de Ángel Miret en 1933.

Entrada dun cine xestionado pola CNT

Os afeccionados á filatelia e á numismática poden gozar de selos e moedas[12] con motivos da CNT que se emitiron durante a guerra civil española. Tamén existe unha ampla variedade de carteis[13] deste período, entradas de cine e outros obxectos de coleccionista relacionados coas empresas que foron colectivizadas durante a Revolución Española de 1936.

George Orwell, que loitou na guerra civil española nas milicias do POUM —un partido marxista revolucionario, sendo os seus militantes aliados da CNT durante a revolución, e ó que pertencía o que fora antigo secretario xeral do sindicato Andreu Nin— describiu no seu libro Homenaxe a Cataluña os días da Barcelona volcada coa CNT e o anarquismo. No capítulo noveno de mencionado libro comenta que "De acordo coas miñas preferencias puramente persoais, gustaríame unirme ós anarquistas".

Robert Capa retratou a morte do miliciano Federico Borrell García durante a guerra civil española na instantánea titulada Morte dun miliciano,[14] fotografía que deu a volta ó mundo e se converteu nunha imaxe mítica que amosa a fatalidade da guerra.

En 1936 colectivizouse a industria cinematográfica[15][16], producíndose curtametraxes como En la brecha[17] (1937). A CNT viuse reflectida no cine español recente a través da película Libertarias[18] (1996) de Vicente Aranda, onde se amosa nun grupo de milicianas na fronte de Aragón durante a guerra civil española.

Militantes destacados[editar | editar a fonte]

Estes son algúns dos máis destacados militantes da CNT na súa historia.

                   

Sucesos históricos[editar | editar a fonte]

Estes son algúns dos sucesos históricos máis destacados nos que tomou parte ou se viu involucrada a CNT.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Historia. CNT-Galaica". www.cnt.gal. Consultado o 2019-01-08. 
  2. Para coñecer os enderezos das sedes locais véxase http://www.cnt.es/Director/ Arquivado 13 de decembro de 2007 en Wayback Machine.
  3. "Confederación Nacional del Trabajo. Apoyo mutuo, acción directa e internacionalismo". cnt.es. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-08. 
  4. Para coñecer os métodos sindicais da CNT véxase http://www.cnt.es/Documentos/DocOtra.htmarquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2013.
  5. Para saber sobre conflitos sindicais da CNT e as apelacións á solidariedade cos traballadores véxase http://www.cnt.es/Solidaridad/ Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  6. Poden verse uns artigos sobre o Caso Scala desde un punto de vista cenetista en El caso Scala(I)en Polémica arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012 ; El caso Scala (II) arquivado dende o orixinal Arquivado 29 de xuño de 2012 en Archive.is o 9 de setembro de 2012, ; El caso Scala (III) arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2012
  7. As razóns desta oposición por parte da CNT coméntanse en http://www.cnt.es/Documentos/panf_elecc_sind.htm Arquivado 09 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  8. O que di a CNT respecto das reformas laborais: http://www.cnt.es/Documentos/Reforma/reforma.htm Arquivado 26 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  9. Pode consultarse a plataforma reivindicativa da CNT en http://www.cnt.es/Documentos/plataforma/plataforma.htm Arquivado 29 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
  10. Para coñecer as últimas declaracións da CNT véxase http://www.cnt.es/patrimonio/ Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  11. Pode consultarse o programa das xornadas conmemorativas en http://www.cnt.es/sovmadrid/1936.htm Arquivado 08 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
  12. Poden verse imaxes de distintos selos emitidos pola CNT en http://www.increvablesanarchistes.org/album_photo/timbres/3639_timbrcntfai.htm Arquivado 12 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
  13. "Les affiches Anarchistes (classées chronologiquement)". increvables anarchistes (en francés). Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2019. Consultado o 13 de xullo de 2018. 
  14. Véxase Morte dun miliciano, a famosa fotografía na que Robert Capa retratou a caída en combate de Federico Borrell García o 5 de setembro de 1936 en Cerro Muriano (Córdoba) en Capa, Death of a Loyalist Soldier.
  15. Pode consultarse información sobre a colectivización da industria cinematográfica en http://www.cnt.es/Documentos/cineyanarquismo/ Arquivado 01 de maio de 2007 en Wayback Machine. arquivado dende o orixinal Arquivado 01 de maio de 2007 en Wayback Machine.o 1 de maio de 2007.
  16. "Cine y Anarquismo 1936: colectivización de la industria cinematográfica". CNT (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2007. 
  17. Véxase a ficha da base de datos de películas en Internet en http://spanish.imdb.com/title/tt0028832/.
  18. Véxase a ficha da base de datos de películas en Internet en http://spanish.imdb.com/title/tt0113649/.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • El movimiento libertario español (VV.AA., 1974); París: El Ruedo Ibérico
  • La CNT en la revolución española (José Peirats, 1971) París: El Ruedo Ibérico
  • Anarcosindicalismo básico (VV.AA., 2001); Sevilla: Federación Local de Sindicatos de Sevilla da CNT-AIT
  • La revuelta permanente (Baltasar Porcel, 1978); Barcelona: Editorial Planeta
  • El anarquismo en la insurrección de Asturias: la CNT y la FAI en octubre de 1934 (Manuel Villar, 1994); Madrid: Fundación Anselmo Lorenzo
  • Homage to Catalonia, (George Orwell, 1938)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]