Condrocito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Condrocitos da cartilaxe hialina mostrando os seus orgánulos, as "lagoas" (onde se sitúan as células) e a matriz extracelular.
Condrocitos na cartilaxe hialina.
Condrocito, tinguido para o calcio, mostrando o núcleo (N) e mitocondrias (M).


Os condrocitos (do grego chondros, cartilaxe + kytos, célula) son as únicas células que se encontran nas cartilaxes. A súa misión é producir e manter a matriz do tecido cartilaxinoso, a cal consta principalmente de coláxeno e proteoglicanos. Aínda que o termo condroblasto aínda se usa bastante para describir a un condrocito inmaduro, o uso dese termo é desaconsellado por ser tecnicamente inexacto, xa que as células proxenitoras dos condrocitos (que son células nai mesenquimáticas) poden tamén diferenciarse en osteoblastos. A organización dos condrocitos na cartilaxe difire segundo o tipo de cartilaxe de que se trate e do lugar onde se localiza o tecido.

Características[editar | editar a fonte]

Os condrocitos atópanse en cavidades do tecido cartilaxinoso chamadas lagoas (lacunae). Case nunca teñen prolongacións, aínda que a súa superficie é bastante irregular vista ao microscopio electrónico. As células tenden a formar pequenos grupos, no que as células de cada grupo derivan da mitose dunha soa célula. O núcleo é redondo ou oval, o retículo endoplasmático e o aparato de Golgi están ben desenvolvidos, especialmente cando se está a formar a matriz da cartilaxe, momento no que o Golgi se fai extraordinariamente grande e solta vesículas cargadas de material da matriz, que se dirixen á membrana plasmática. Os condrocitos fabrican o coláxeno e os proteoglicanos da matriz no retículo endoplasmático e aparato de Golgi [1].

Diferenciación[editar | editar a fonte]

De menos diferenciadas a totalmente diferenciadas, a liñaxe dos condrocitos é a seguinte:

  1. Fibroblasto da unidade formadora de colonias (CFU-F)
  2. Célula nai mesenquimal / célula do estroma da medula ósea (MSC)
  3. Condrocito
  4. Condrocito hipertrófico.

Cando nos estamos a referir ao óso ou á cartilaxe, as células nai mesenquimais (MSC) son normalmente denominadas células osteocondroxénicas (ou osteoxénicas, condroxénicas, osteoproxenitoras, etc.), xa que unha célula nai mesenquimal ten a capacidade de diferenciarse en condrocitos ou osteoblastos, dependendo do medio onde está. In vivo a diferenciación dunha célula nai mesenquimal nunha área vascularizada (como o óso) orixina un osteoblasto, entanto que nunha área non vascularizada (como a cartilaxe) orixina un condrocito. Os condrocitos sofren unha deferenciación terminal cando se fan hipertróficos durante a osificación endocondral. Esta última fase está caracterizada por importantes cambios fenotípicos na célula [2] [3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. D.W. Fawcett. Tratado de Histología. Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición (1987). Páxinas 188-193. ISBN 84-7605-361-4
  2. Dominici M, Hofmann T, Horwitz E (2001). "Bone marrow mesenchymal cells: biological properties and clinical applications". J Biol Regul Homeost Agents 15 (1): 28–37. PMID 11388742. PMID 11388742
  3. Bianco P, Riminucci M, Gronthos S, Robey P (2001). "Bone marrow stromal stem cells: nature, biology, and potential applications". Stem Cells 19 (3): 180–92. DOI:10.1634/stemcells.19-3-180. PMID 11359943. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]