Condado de Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Condado de Ribadeo
Primeira creación
Primeiro titularPedro Le Vesque de Vilaines
ConcesiónHenrique II de Castela
20 de decembro de 1369
LiñaxesCasa de Vilaines
Segunda creación
Primeiro titularRuy López Dávalos
ConcesiónHenrique III de Castela
2 de maio de 1401
LiñaxesCasa de Ávalos
Terceira creación
Primeiro titularRodrigo de Villandrando
ConcesiónXoán II de Castela
22 de decembro de 1431
LiñaxesCasa de Villandrando
Casa de Sarmiento
Casa de Silva
Casa de Fitz-James Stuart
Martínez de Irujo
Actual titularAlfonso Martínez de Irujo y Fitz-James Stuart

O condado de Ribadeo é un título nobiliario galego, creado no século XIV polo rei Henrique II de Castela.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1369, logo da guerra polo trono entre Pedro I o Cruel e Henrique de Trastámara, a vila de Ribadeo, pasou de estar baixo protección real a ser un condado. O 20 de decembro de 1369, o francés Pedro Le Vesque de Vilaines (Pierre de Villaines, ou Pierre le Begue, segundo outras fontes, compañeiro de Bertrand du Guesclin) recibiu o condado de Ribadeo de mans de Henrique II como pago polos seus servizos.

Ao pouco tempo, vendeu o condado a Rui López Davalos, Condestable de Castela, que se converteu no II conde de Ribadeo e que caeu en desgraza ante o novo rei Xoán II, o cal se viu na obriga, a falta de descendencia por parte do conde, de dividi-lo condado (outra versión indica que sinxelamente, pola caída en desgraza, o condado reverteu na Coroa).

En 1431 Xoán II volveuno a conceder no seu conxunto a Rodrigo de Villandrando. O título levou posteriormente parello o comer co Rei o día de Epifanía e levar o traxe que puxese o Rei ese día, como consecuencia de que o conde librara ao Rei de caer en mans do Infante don Henrique.

A comezo da idade moderna, cara a 1500 Ribadeo aparece en definitiva baixo o dominio particular dos seus condes, no que atinxe ó seu goberno, e dende o punto de vista económico da vila encontrábase estreitamente vinculada á economía do océano Atlántico, grazas ás exportacións de madeira en dirección a Sevilla e Lisboa, a construción de naos e á emigración cara a Sevilla e as Indias.

Despois dunha sucesión de condes, o condado seguiu unificado ata que co casamento de Rodrigo de Silva e Sarmiento de Villandrando e a III dona da familia de Híjar, incorporouse, no canto o título o condado da Casa de Híjar até 1877, cando chega ó XXIV conde de Ribadeo e XVI duque de Híjar, Afonso de Silva y Fernández de Córdoba (Alfonso de Silva y Campbell). Trala súa morte en 1955, pasou á Casa de Alba. A herdeira foi a súa neta Cayetana Fitz-James Stuart, XXV condesa de Ribadeo, quen o cedeu en 2013 ó seu fillo Alfonso Martínez de Irujo, XXVI conde de Ribadeo[1].

Outros títulos nobiliarios relacionados con Ribadeo[editar | editar a fonte]

O 25 de xuño de 2002 o Rei Xoán Carlos I de España concedeulle o título de "Marqués de la Ría de Ribadeo con Grandeza de España" a Leopoldo Calvo-Sotelo.

Notas[editar | editar a fonte]