Concordia de Villafáfila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando o Católico, un dos asinantes da Concordia de Villafáfila.
Filipe I o Fermoso, o outro asinante da Concordia de Villafáfila.

A Concordia de Villafáfila é un acordo asinado o 27 de xuño de 1506 na localidade de Villafáfila por Fernando o Católico, e ao día seguinte en Benavente por Filipe o Fermoso, marido de Xoana I de Castela (coñecida co sobrenome de Xoana a Tola).[1]

Mediante este tratado recoñecíase a incapacidade da raíña Xoana para reinar debido ao seu alleamento mental. Filipe o Fermoso quedaba como único rei de Castela. Fernando o Católico, que ata entón viña exercendo como gobernador de Castela en virtude do indicado no testamento de Isabel a Católica (12 de outubro de 1504)[2] e do acordado con Xoana e Filipe na Concordia de Salamanca (24 de novembro de 1505), retirábase aos seus reinos de Aragón. A cambio, Fernando recibía as rendas das tres ordes militares castelás que foran patrimonializadas na década anterior (Calatrava, Santiago e Alcántara) e unha porcentaxe non especificada das rendas das Indias Occidentais (a metade, segundo algunhas fontes)[3].

A vixencia do acordo foi breve, como consecuencia do falecemento de Filipe o fermoso o 25 de setembro de 1506. Fernando o Católico volveu asumir o goberno de Castela como rexente da súa filla Xoana, dado que o fillo primoxénito de Xoana e Filipe (o futuro Carlos V) tiña cinco anos de idade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jerónimo Zurita: Historia del rey Don Fernando el Católico. De las empresas, y ligas de Italia Arquivado 09 de decembro de 2007 en Wayback Machine., libro VII, cap. VII.
  2. Luis Suárez Fernández, Análisis del testamento de Isabel la Católica. Testamento de la Señora Reyna Católica Doña Isabel, hecho en la villa de Medina del Campo, a doce de octubre del año 1504, texto en Wikisource.
  3. Belenguer, Ernest (2019). Los Trastámara. El primer linaje real de poder político en España (en castelán). Pasado & Presente. p. 469. ISBN 9788494970603. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]