Concilio de Clermont

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prédica do papa Urbano II no Concilio de Clermont. Ilustración de estilo gótico tardío, extraída do Livre des passages d'Outre-mer (cara ao 1490), conservado na BnF.
Para o anterior Concilio de Clermont vexa Concilio de Clermont (535).

O Concilio de Clermont foi un sínodo mixto, de eclesiásticos e laicos da Igrexa católica que tivo lugar en novembro de 1095 e que desencadeou a primeira cruzada.

En 1095, o emperador bizantino Aleixo I Comneno enviou legados a Occidente solicitando axuda militar contra os selxúcidas. A mensaxe foi recibida polo papa Urbano II; este encontrábase daquelas no Concilio de Piacenza, e en novembro daquel ano convocou o Concilio de Clermont para debater o asunto. Ao convocar o concilio, Urbano pediulle aos bispos e abades que trouxeran os señores locais de importancia.

O Concilio durou desde o 18 até o 28 de novembro de 1095 e asistiron uns 300 clérigos de toda Francia. Urbano tratou as reformas cluniacenses e confirmou a excomuñón do rei francés Filipe I polo seu segundo matrimonio. O xoves 27 de novembro, Urbano falou por primeira vez dos problemas no leste e declaroulle a guerra santa (bellum sacrum) aos musulmáns que ocupaban Terra Santa.

Segundo o cronista contemporáneo Fulquerio de Chartres, Urbano tamén falou de varios abusos da Igrexa como a simonía e do incumprimento da Tregua de Deus. Logo pediulle aos cristiáns occidentais, pobres e ricos, que acudisen en auxilio dos gregos no leste, pois Deus vult ('Deus quéreo'), exclamación coa que o papa terminou o seu discurso. Fulquerio recolle que Urbano prometeu a remisión dos pecados para aqueles que realizaran a viaxe a Terra Santa, aínda que probablemente non se refería ao que co tempo se chamarían indulxencias.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]