Compresibilidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A compresibilidade é unha propiedade da materia á cal se debe que todos os corpos diminúan de volume ao sometelos a unha presión ou compresión determinada, mantendo constantes outros parámetros.

Compresibilidade en sólidos, líquidos e gases[editar | editar a fonte]

Os sólidos a nivel molecular son moi difíciles de comprimir, xa que as moléculas que teñen están moi empaquetadas e existe pouco espazo libre entre elas como para aproximalas sen que aparezan forzas de repulsión fortes. Esta situación contrasta coa dos gases, os cales teñen as súas moléculas moi separadas polo que, en xeral, son altamente compresíbeis baixo condicións de presión e temperatura normais. Os líquidos baixo condicións de temperatura e presión normais son tamén bastante difíciles de comprimir, aínda que presentan unha pequena compresibilidade maior que a dos sólidos.

Compresibilidade en termodinámica[editar | editar a fonte]

En termodinámica defínese a compresibilidade dun sistema hidrostático como o cambio relativo de volume fronte a unha variación da presión. En principio, a magnitude da compresibilidade depende das condicións baixo as cales se leva a cabo a compresión ou descompresión do sistema polo que, a menos que se especifique o modo en que se realiza esa operación, a compresibilidade terá un valor ou outro segundo as cantidades de calor intercambiadas co exterior. Debido a esa dependencia da compresibilidade das condicións, distínguese entre a compresibilidade isoterma e a compresibilidade adiabática.

Compresibilidade isoterma[editar | editar a fonte]

É unha medida da compresibilidade dun corpo ou sistema termodinámico cando se somete a unha transformación cuase-estática de presión mentres que a súa temperatura se mantén constante e uniforme, e vén dada por:

\beta_T=-\frac{1}{V}\left(\frac{\partial V}{\partial p}\right)_T

Nun proceso de variación de presión a temperatura constante, o corpo terá intercambiado unha certa cantidade de calor co exterior polo que a súa enerxía total, que pode obterse como suma do traballo realizado sobre o corpo e da calor intercambiada polo mesmo, non permanecerá constante.

Compresibilidade adiabática[editar | editar a fonte]

É unha medida da compresibilidade dun corpo ou sistema termodinámico cando se somete a unha transformación cuase-estática de presión en condicións de illamento térmico perfecto, e vén dada por:

\beta_S=-\frac{1}{V}\left(\frac{\partial V}{\partial p}\right)_S

Nun proceso adiabático de variación de presión, o corpo experimentará algún cambio de temperatura.