Compoñente secretor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Molécula do anticorpo dímero IgA co compoñente secretor en amarelo.
1: cadea pesada.
2: cadea lixeira.
3: cadea J.
4: compoñente secretor.

O compoñente secretor é un compoñente polipeptídico do anticorpo IgA, que é necesario para que a a IgA se poida secetar polas mucosas. Está formado por unha porción do receptor polimérico das inmunoglobuinas, que permanece unido á IgA. Ademais do compoñente secretor unido a IgA, nas secrecións unha fracción do compoñente secretor atópase libre (separado da IgA).[1]

O IgA producido polos linfocitos B é o principal anticorpo nas secrecións corporais, como as vertidas no intestino, bágoas, saliva, etc. O IgA vértese ao sangue e despois debe atravesar as células epiteliais dos órganos para ser segregada. As células dos epitelios mucosos a través dos cales se segrega a IgA teñen un receptor para a IgA chamado receptor polimérico das inmunoglobulinas. A IgA únese a este receptor na superficie basolateral da célula epitelial formando un complexo, que é endocitado e penetra na célula, e seguidamente atravesa a célula pasando por diversos compartimentos celulares (transcitose) ata chegar á superficie luminal (que dá ao lume do intestino ou da glándula), onde o complexo receptor-IgA será liberado por exocitose. Durante a transcitose o complexo sofre proteólise na zona do receptor, de maneira que a IgA se libera, pero queda unido a ela un fragmento do receptor (o resto do receptor queda separado), e ese fragmento é o compoñente secretor. Unha vez libre a IgA (co seu compoñente receptor unido) difunde no lume.[2]

Ademais do seu papel na secreción, os carbohidratos que contén o compoñente secretor aseguran a unión da IgA ao revestimento mucoso do intestino e tracto respiratorio, o que facilitará a eliminación de bacterias, polo que é crucial para que haxa unha eficaz protección contra os microbios no epitelio intestinal, mantendo a barreira de "exclusión inmune". Experimentos con compoñente secretor recombinante humano demostraron que o compoñente secretor está implicado en establecer interaccións locais co mucus que facilitarán a localización da IgA no revestimento intestinal.[3] O compoñente secretor humano leva seis cadeas laterais de carbohidratos[4], que melloran a estabilidade da IgA, pero tamén son os que serven para a súa interacción co mucus no revestimento intestinal, xa que os compoñentes secretores desglicosilados non poden facilitar a unión da IgA ao mucus.

Outras propiedades do compoñente secretor son a protección das IgA da degradación proteolítica no tracto gastrointestinal e cavidade oral, e na neutralización de toxinas bacterianas ou da adhesión bacteriana por medio dunha unión non específica directa.[5] Informouse tamén que o compoñente secretor ten a capacidade de estimular aos eosinófilos[6]

En contra do que se pensaba inicialmente, parece que o compoñente secretor non se une igual ás dúas formas de IgA secretoras. Na IgA1 humana, a unión do compoñente secretor é covalente polo establecemento na parte final da transcitose dunha ponte disulfuro entre a Cys467 do dominio 5 do compoñente secretor e a Cys311 do dominio CH2 da cadea α1 da IgA[7]. Polo contrario, na IgA2, máis difícil de purificar e menos estudada, parece que o compoñente secretor se une non covalentemente.[8]

A estrutura do compoñente secretor foi determinada por raios X, dispersión de neutróns, ultracentrifugación e modelaxe. O compoñente secretor libre ten cinco dominios glicosilados de tipo variable (V) (D1-D5) e unha estrutura moi compacta con forma de J na cal os dominios D4 e D5están dobrados para atrás contra os dominios D2 e D3 e as cadeas de carbohidratos están todas a un lado da molécula.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Almogren A, Bonner A, Perkins SJ, Kerr MA. Functional and structural characterisation of human colostrum free secretory component. Mol Immunol. 2009 Apr;46(7):1534-41. doi: 10.1016/j.molimm.2008.12.022. Epub 2009 Feb 23. PMID 19230975. [1]
  2. CS Kaetzel, JK Robinson, KR Chintalacharuvu, JP Vaerman, and ME Lamm (1991). "The polymeric immunoglobulin receptor (secretory component) mediates transport of immune complexes across epithelial cells: a local defense function for IgA". Proc Natl Acad Sci USA 88 (19): 8796–8800. DOI:10.1073/pnas.88.19.8796. PMC 52597. PMID 1924341. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=52597.
  3. Armelle Phalipon, Ana Cardona, Jean-Pierre Kraehenbuhl3, Léna Edelman, Philippe J. Sansonetti1 and Blaise Corthésy. Secretory Component. Immunity, Volume 17, Issue 1, 107-115, 1 July 2002. [2]
  4. G.J. Hughes, A.J. Reason, L. Savoy, J. Jaton, S. Frutiger-Hughes Carbohydrate moieties in human secretory component. Biochim. Biophys. Acta, 1434 (1999), pp. 86–93. PMID 10556562. [3]
  5. Armelle Phalipon, Blaise Corthésy. Novel functions of the polymeric Ig receptor: well beyond transport of immunoglobulins. Trend in Immunology. Volume 24, Issue 2, February 2003, Pages 55–58. [4]
  6. Youichi Motegi and Hirohito Kita. Interaction with Secretory Component Stimulates Effector Functions of Human Eosinophils But Not of Neutrophils. The Journal of Immunology October 15, 1998 vol. 161 no. 8 4340-4346. [5]
  7. Fallgreen-Gebauer E, Gebauer W, Bastian A, Kratzin HD, Eiffert H, Zimmermann B, Karas M, Hilschmann N. The covalent linkage of secretory component to IgA. Structure of sIgA. Biol Chem Hoppe Seyler. 1993 Nov;374(11):1023-8. PMID:8292260. [6]
  8. Adel Almogren, Bernard W Senior, and Michael A Kerr. Comparison of the binding of secretory component to immunoglobulin A (IgA) in human colostral S-IgA1 and S-IgA2. Immunology. 2007 February; 120(2): 273–280. doi: 10.1111/j.1365-2567.2006.02498.xPMCID: PMC2265853A. [7]
  9. Bonner, A and Perrier, C and Corthesy, B and Perkins, SJ (2007). Solution structure of human secretory component and implications for biological function. J BIOL CHEM , 282 (23) 16969 - 16980. 10.1074/jbc.M701281200. [8]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • MeshName - Secretory+component [9]