Competencias básicas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As competencias básicas fan referencia á capacidade de poñer en práctica de forma integrada o conxunto de coñecementos, actitudes e habilidades adquiridos durante o proceso de aprendizaxe.

En España, aparecen por primeira vez mencionadas na Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE, 2002). Porén, a súa aplicación non xorde ata a Lei Orgánica de Educación de maio de 2006, e son concretadas en Galiza no currículo que establece a ordenación da educación primaria, aprobado polo Parlamento de Galicia o 28 de xuño de 2007. Tales competencias son modificadas pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE),[1] que se concretan no Real Decreto 126/2014.[2] Estas competencias son a concreción das competencias xerais ditadas pola Unión Europea como obxectivo para que toda a súa cidadanía teña unha serie de habilidades no futuro.

Orixe das competencias básicas[editar | editar a fonte]

A orixe deste concepto remóntase ao ano 1996, cando se publica o Informe Delors[3] da UNESCO, tamén coñecido coma “a educación encerra un tesouro”. Neste informe establecíanse catro piares que debía fomentar a educación, para poder desenvolvelos ao longo da vida. Neste informe, non se lle concedía tanta importancia ás competencias teóricas actuais, senón que se centra nas competencias sociais, coma “aprender a facer”, “aprender a coñecer”, “aprender a ser” ou “aprender a vivir xuntos”.

O concepto de Competencias Básicas tal como e o coñecemos hoxe, data do ano 2000, cando se celebra o Consello Europeo de Lisboa, onde por primeira vez se fai unha alusión á necesidade do alumnado de adquirir novas competencias, co que conseguir mellores oportunidades de aprendizaxe para todos os alumnos de todas as idades e niveis educativos.

En 2002 a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a través do Proyecto DeSeCo (Definición y Selección de Competencias) realizou unha análise e proposta das competencias consideradas fundamentais ou claves.

A finais de 2004 a Comisión Europea aprobou o documento “Competencias clave, un marco de referencia europeo”, baixo o consenso dos estados membros da Unión Europea. Tras ese consenso, a normativa diríxese ao Estado Español en maio de 2006, coa incorporación das competencias básicas á Lei Orgánica de Educación (LOE) e, polo tanto, ao currículo escolar. A definición que fai a Comisión Europea das Competencias Básicas é a seguinte:

Un conjunto de conocimientos, destrezas y actitudes que todos los individuos necesitan para su realización y desarrollo personal, inclusión y empleo, debiendo ser desarrolladas para el final de la enseñanza obligatoria y que deberían actuar como la base para un posterior aprendizaje a lo largo de la vida.[4]

Ademais, este mesmo ano, a Comisión Europea estableceu un marco de referencia europeo con oito competencias clave: comunicación en lingua materna; comunicación en linguas estranxeiras; competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía; competencia dixital; aprender a aprender; competencias interpersoais, interculturais e sociais, e competencia cívica; espírito emprendedor; e expresión cultural. Jiménez (2006), sobre a orixe das competencias afirma:

Dende los años 90, la Unión Europea y la OCDE, entre otros organismos internacionales, han venido promoviendo proyectos y estudios sobre el aprendizaje basado en competencias que han ido dando luz a trabajos y publicaciones relevantes (…) hoy día el debate sobre las competencias básicas y los criterios para su selección y evaluación centran la atención de los pedagogos y educadores, además de la de los responsables de política educativa.[5]

Características[editar | editar a fonte]

Competencia é a capacidade dunha persoa de desenvolver os propios coñecementos e habilidades en contextos e situacións cotiáns, nos que son precisos coñecementos vinculados a diferentes saberes, e por tanto transversais. Ser competente implica comprender as situacións, reflexionar sobre o que está a pasar e discernir sobre a mellor acción a desenvolver de acordo coa dimensión social de cada situación.

O termo competencia inclúe tanto os saberes (coñecementos teóricos) como as habilidades (coñecementos prácticos ou aplicativos) e as actitudes (compromisos persoais). O termo vai máis alá do saber e do saber facer, porque inclúe tamén o saber ser ou estar e o saber aprender. Trátase de aprender a ser e actuar de modo autónomo, aprender a pensar e comunicar, aprender a descubrir e ter iniciativa e aprender a convivir e habitar no mundo.

Diversos autores conceptualizan así o termo Competencias Básicas:

Facultad de movilizar un conjunto de recursos (saberes, capacidades, informaciones, etc.) para solucionar con eficacia una serie de situaciones cotidianas” (Perrenoud, 2003)[6]

Posibilidad que posee un individuo de movilizar de manera interiorizada un conjunto integrado de recursos –de conocimientos, de saberes, de esquemas, de automatismos, de capacidades, de «saber-hacer» de diferentes tipos...– con objeto de resolver una familia de situaciones- problema” (Luengo, Luzón y Torres, 2008, 5)[7]

Un saber actuar complejo que se apoya sobre la movilización y la utilización eficaz de una variedad de recursos. Un saber actuar muy flexible y adaptable a diversos contextos y problemáticas” (Tardif, 2008,3)[8]

A Lei de Educación establece as competencias consideradas básicas para toda persoa que remata a educación primaria e que obtén o título de graduado en educación secundaria.

Para adquirir as competencias básicas, cada área ou materia contribúe de acordo co disposto no currículo, sendo amais a súa finalidade última. Pero non só se considera importante o traballo na aula, senón que tamén se ten moi en conta a propia organización dos centros escolares, as relacións persoais que se establecen, a propia comunicación entre todos os membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias e persoal non docente) e a relación co contorno. Todo xunto, co día a día nos centros escolares, contribúe a que o alumnado poida adquirir as denominadas competencias básicas.

Hai dous grandes grupos: as competencias transversais, que abranguen todo o currículo (as comunicativas, que permiten comprender e expresar a realidade; as metodolóxicas, que permiten activar a aprendizaxe; e as que se relacionan co desenvolvemento persoal) e mais as competencias específicas, relacionadas coa cultura e a visión do mundo que teñen como obxectivo favorecer que os rapaces e rapazas sexan cada vez persoas máis reflexivas, críticas e adecuadas.

Competencias Básicas LOE[editar | editar a fonte]

Unha vez aprobada a LOE, o goberno elaborou e aprobou reais decretos que regulan as ensinanzas mínimas para a Educación Primaria e a ESO (Real Decreto 1513/2006, de 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da Educación Primaria[9], Real Decreto 1631/2006, de 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á Educación Secundaria Obrigatoria).[10] Ambos inclúen un anexo no que se especifican as Competencias Básicas que se desenvolverán ao longo da educación básica. As competencias básicas a desenvolver dentro da LOE son as seguintes:

Competencia en comunicación lingüística[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese ao emprego da linguaxe como medio de comunicación tanto oral como escrita para a comprensión e interpretación da realidade. Os coñecementos ou destrezas que se adquiren con esta competencia permiten a expresión de pensamentos, emocións ou vivencias, así como tamén favorecen o diálogo, o xuízo crítico, adoptar decisións, dar coherencia ao discurso, entre outras, fomentando así a autoestima e a confianza nun mesmo. A comunicación e a conversa son dous elementos que favorecen as relacións de igualdade cos demais, eliminando estereotipos ou expresións sexistas, ou propiciando así a achegamento a outras culturas. Ler e escribir reforzan as habilidades que favorecen a busca, recompilación e procesamento de información, así como a habilidade ou destreza de saber utilizar e compoñer os textos segundo sexan as intencións comunicativas. A comprensión mais o saber comunicar son saberes prácticos que se apoian no coñecemento reflexivo, tanto do funcionamento da linguaxe como das normas do seu emprego.

Competencia matemática[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á capacidade de interpretar todo aquilo que teña que ver con informacións e expresións matemáticas así como á capacidade para relacionalos. A competencia matemática implica o coñecemento e emprego de elementos básicos matemáticos en diversas situacións da vida cotiá, favorecendo os procesos de razoamento e lóxica para a resolución de problemas ou obtención de información. Coa mesma, adquírense as habilidades necesarias para realizar ou aplicar determinados procesos de pensamento ou lóxica, levando a identificar a validez dos razoamentos máis o grado de certeza que se deriva dos mesmos.

Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á interacción de cada un co mundo físico, tanto nos seus aspectos naturais como nos que son xerados pola acción do home. Noutras palabras, favorece a adquisición de habilidades para desenvolverse de xeito adecuado, de forma autónoma e cunha certa iniciativa persoal nos diversos contextos ou ámbitos da vida cotiá (saúde, consumo, ciencia, actividade produtiva, procesos tecnolóxicos etc.), así como a interpretación do mundo, no que se esixe o emprego dos diversos principios básicos que propician a análise dos fenómenos que ocorren no campo do coñecemento científico. Polo tanto, nesta competencia entrarían a formar parte os seguintes puntos:
    • Adecuada percepción do espazo físico no que se desenvolven tanto a vida como a actividade humana, a grande escala ou nun contorno próximo.
    • Interacción co espazo circundante, é dicir, moverse nel e resolver os problemas que se poidan producir no mesmo. Mediante a adquisición desta competencia vólvese posible a opción de identificar posibles preguntas e obter conclusións das mesmas a partir de probas, coa finalidade de tomar decisións sobre os diferentes aspectos ou accións que conforman a vida cotiá, é dicir, saúde, calidade de vida das persoas, os efectos que a actividade do home produce no medio ambiente etc.
    • Ademais, esta competencia propón a asunción de destrezas e planificación no manexo de solucións técnicas, a partir de criterios económicos e de eficiencia, coa finalidade de satisfacer as necesidades da sociedade no seu conxunto.

Tratamento da información e competencia dixital[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á disposición de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar informacións, e para transformalas, posteriormente, en coñecemento. Como principal elemento para obter información, aprender ou comunicarse farase uso das tecnoloxías da información, as cales permiten dende o acceso á información ata a súa transmisión a través de distintos soportes. Dita información atópase asociada coa busca, selección, rexistro e análise desta, a través do emprego de diversas técnicas ou estratexias segundo o soporte que se empregue (oral, impreso, audiovisual, dixital ou multimedia). É imprescindible o dominio de linguaxes básicas, tales como a textual, numérica, icónica, gráfica ou sonora, así como saber descodificalas e aplicalas nos diferentes contextos de coñecemento, ademais das súas fontes ou localizacións. Polo tanto, requírese que a comunicación dos coñecementos e da información que se adquiran se faga a través do emprego de diversos recursos, nos que se integren linguaxes, técnicas e as posibilidades que se derivan das tecnoloxías da información e da comunicación, tanto na función de transmisión, como na de xeradoras de información e coñecemento. A competencia dixital leva consigo o emprego de recursos tecnolóxicos dispoñibles para solucionar problemas da vida real da mellor maneira posible.  

Competencia social e cidadá[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á comprensión do mundo social e cidadán do que formamos parte. Dita competencia fai posible que se poida comprender a realidade social, comprendendo factores que concirnen á cooperación, á convivencia e a exercer o dereito á cidadanía na sociedade actual, podendo contribuír así á súa mellora a través de habilidades relacionadas coa participación, a toma de decisións, mellora dos comportamentos sociais e sentimento de responsabilidade á hora de tomar decisións. Supón a utilización do coñecemento sobre a evolución e a organización das sociedades, coñecendo e exercendo os dereitos e deberes dos cidadáns e empregando xuízos de moral para a toma de decisións. A través desta competencia, os cidadáns asumen diferentes habilidades sociais que lles permiten identificar a relación dos conflitos e valores coa convivencia, de maneira que poidan resolvelos adoptando unha actitude construtivista e tomando decisións fundamentadas. Por iso, entre as habilidades que se van adquirir nesta competencia cabe destacar:
    • Autocoñecemento e autovaloración.
    • Capacidade para comunicarse en diversos contextos.
    • Capacidade para expresar as propias ideas e escoitar as alleas.
    • Empatía.
    • Toma de decisións, tanto individuais como sociais.
    • Recoñecemento da igualdade de dereitos entre os diferentes colectivos.
    • Exercicio, por parte da cidadanía, activo e integrador.
    • Reflexión crítica acerca dos conceptos de democracia, liberdade, igualdade, solidariedade, corresponsabilidade, participación e cidadanía.

Competencia cultural e artística[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese ao coñecemento para a posterior valoración, crítica e aprecio de manifestacións culturais e artísticas para que nos sirva de enriquecemento e aprendizaxe. Con esta competencia estase a desenvolver tanto o pensamento diverxente como converxente, xa que comporta a reelaboración de ideas e sentimentos, tanto propios como alleos, encontrar fontes e formas de comprensión e expresión e planificar e avaliar os procesos que se necesitan para chegar aos resultados, tanto académicos como persoais. Polo tanto, a presente competencia é un medio para mellorar a expresión e a comunicación coa finalidade de comprender as diferentes realidades e producións do mundo artístico e cultural. Deste xeito, requírese o desenvolvemento da imaxinación e da creatividade, ademais de sentimentos de cooperación para contribuír ao logro dos obxectivos propostos inicialmente. Así mesmo, estarase incorporando o coñecemento básico das principais técnicas e recursos das diferentes linguaxes artísticas así como información básica das obras máis importantes do patrimonio cultural. Isto comporta asumir o coñecemento relativo á evolución das correntes estéticas, modas, gustos, así como a influencia de ditos factores estéticos na vida cotiá nas persoas e nas sociedades.

Competencia para aprender a aprender[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á capacidade de recibir aprendizaxe para posteriormente aprender dunha maneira autónoma e eficaz. Con esta competencia pódense diferenciar dúas vías ou dimensións:
    • A primeira correspóndese coa adquisición das propias capacidades (intelectuais, emocionais e físicas), do proceso, mais as estratexias que se necesitan para o seu desenvolvemento.
    • A segunda relaciónase coa disposición dun sentimento de competencia persoal, é dicir, ser consciente do que se sabe e do que é necesario aprender, o xeito no que se aprende así como a optimización e a orientación do proceso de dita aprendizaxe. Polo tanto, resulta importante a asunción de factores relacionados coa aprendizaxe, tales como a atención, a concentración, a memoria, a comprensión e mais a expresión lingüística, para obter o máximo rendemento das mesmas a través de diversas técnicas de estudo, observación e rexistro de feitos e relacións, de traballo cooperativo, de resolución de problemas, de planificación e organización de actividades e tempos da mellor maneira ou o coñecemento sobre os diversos recursos e fontes para a recollida, selección e tratamento da información.

Autonomía e iniciativa persoal[editar | editar a fonte]

  • Esta competencia refírese á adquisición de conciencia e aplicación de valores e á aprendizaxe a partir dos nosos propios erros así como á capacidade de tomar decisións con criterio propio. Polo tanto, esíxese que o individuo teña unha visión estratéxica dos retos ou oportunidades que lle axuden a cumprir os obxectivos así como para manter a motivación para lograr cumprir con éxito a encomenda das tarefas. Tamén comporta ter unha actitude positiva en relación aos cambios ou innovacións que se poidan producir, tendo, por outra banda, unha actitude flexible á hora de afrontar problemas e saber resolvelos. En ocasións, a autonomía e iniciativa persoal involucran a outras persoas, polo que se precisa que o individuo posúa unha serie de habilidades sociais para relacionarse cos demais, cooperar e traballar en equipo. Tamén é importante as habilidades que se relacionan con liderado de proxectos.  

Competencias Básicas LOMCE[editar | editar a fonte]

Coa LOMCE modificáronse as competencias da LOE e establecéronse as seguintes; denominadas coma competencias clave:

– 1ª. Comunicación lingüística (CCL).

– 2ª. Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT).

– 3ª. Competencia dixital (CD).

– 4ª. Aprender a aprender (CAA).

– 5ª. Competencias sociais e cívicas (CSC).

– 6ª. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).

– 7ª. Conciencia e expresións culturais (CCEC).

Competencia en comunicación lingüística (CCL)[editar | editar a fonte]

  • A (CCL) é o resultado da acción comunicativa dentro de prácticas sociais determinadas, nas cales o individuo actúa con outros interlocutores e a través de textos en múltiples modalidades, formatos e soportes. Precisa da interacción de distintas destrezas, xa que se produce en múltiples modalidades de comunicación e en diferentes soportes. Desde a oralidade e a escritura ata as formas máis sofisticadas de comunicación audiovisual ou mediada pola tecnoloxía, o individuo participa dunha complexa armazón de posibilidades comunicativas grazas ás cales expande a súa competencia e a súa capacidade de interacción con outros individuos. Instrumento fundamental para a socialización e o aproveitamento da experiencia educativa, por ser unha vía privilexiada de acceso ao coñecemento dentro e fóra da escola. Na competencia en comunicación lingüística podemos destacar a interacción dos seguintes compoñentes:
    • O compoñente lingüístico comprende diversas dimensións: a léxica, a gramatical, a semántica, a fonolóxica, a ortográfica e a ortoépica, entendida esta como a articulación correcta do son a partir da representación gráfica da lingua.
    • O compoñente pragmático-discursivo contempla tres dimensións: a sociolingüística (vinculada coa adecuada produción e recepción de mensaxes en diferentes contextos sociais); a pragmática (que inclúe as microfuncións comunicativas e os esquemas de interacción); e a discursiva (que inclúe as macrofuncións textuais e as cuestións relacionadas cos xéneros discursivos).
    • O compoñente socio-cultural inclúe dúas dimensións: a que se refire ao coñecemento do mundo e a dimensión intercultural.
    • O compoñente estratéxico permite ao individuo superar as dificultades e resolver os problemas que xorden no acto comunicativo. Inclúe tanto destrezas e estratexias comunicativas para a lectura, a escritura, a fala, a escoita e a conversación, como destrezas vinculadas co tratamento da información, a lectura multimodal e a produción de textos electrónicos en diferentes formatos; así mesmo, tamén forman parte deste compoñente as estratexias xerais de carácter cognitivo, metacognitivo e socio-afectivas que o individuo utiliza para comunicarse eficazmente, aspectos fundamentais na aprendizaxe das linguas estranxeiras.
    • Por último, a competencia en comunicación lingüística inclúe un compoñente persoal que intervén na interacción comunicativa en tres dimensións: a actitude, a motivación e os trazos de personalidade.

Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT)[editar | editar a fonte]

Nunha sociedade onde o impacto das matemáticas, as ciencias e as tecnoloxías é determinante, a consecución e sostibilidade do benestar social esixe condutas e toma de decisións persoais estreitamente vinculadas á capacidade crítica e a visión razoada e razoable das persoas.

  • A competencia matemática implica a capacidade de aplicar o razoamento matemático e as súas ferramentas para describir, interpretar e predicir distintos fenómenos no seu contexto. A competencia matemática require de coñecementos sobre os números, as medidas e as estruturas, así como das operacións e as representacións matemáticas, e a comprensión dos termos e conceptos matemáticos (operacións, números, medidas, cantidade, espazos, formas, datos etc.). O uso de ferramentas matemáticas implica unha serie de destrezas que requiren a aplicación dos principios e procesos matemáticos en distintos contextos, xa sexan persoais, sociais, profesionais ou científicos, así como para emitir xuízos fundados e seguir cadeas argumentais na realización de cálculos, a análise de gráficos e representacións matemáticas e a manipulación de expresións alxebraicas, incorporando os medios dixitais cando sexa oportuno. Forma parte desta destreza a creación de descricións e explicacións matemáticas que levan implícitas a interpretación de resultados matemáticos e a reflexión sobre a súa adecuación ao contexto, do mesmo xeito que a determinación de se as solucións son adecuadas e teñen sentido na situación en que se presentan. A competencia matemática inclúe unha serie de actitudes e valores que se basean no rigor, o respecto aos datos e a veracidade.
  • As competencias básicas en ciencia e tecnoloxía son aquelas que proporcionan un achegamento ao mundo físico e á interacción responsable con el desde accións, tanto individuais como colectivas, orientadas á conservación e mellora do medio natural, decisivas para a protección e mantemento da calidade de vida e o progreso dos pobos. Estas competencias contribúen ao desenvolvemento do pensamento científico, pois inclúen a aplicación dos métodos propios da racionalidade científica e as destrezas tecnolóxicas, que conducen á adquisición de coñecementos, o contraste de ideas e a aplicación dos descubrimentos ao benestar social. Capacitan a cidadáns responsables e respectuosos que desenvolven xuízos críticos sobre os feitos científicos e tecnolóxicos que se suceden ao longo dos tempos, pasados e actuais. Para o adecuado desenvolvemento das competencias en ciencia e tecnoloxía resulta necesario abordar os saberes ou coñecementos científicos relativos á física, a química, a bioloxía, a xeoloxía, as matemáticas e a tecnoloxía, os cales se derivan de conceptos, procesos e situacións interconectadas. Requírese igualmente o fomento de destrezas que permitan utilizar e manipular ferramentas e máquinas tecnolóxicas, así como utilizar datos e procesos científicos para alcanzar un obxectivo; é dicir, identificar preguntas, resolver problemas, chegar a unha conclusión ou tomar decisións baseadas en probas e argumentos. Así mesmo, estas competencias inclúen actitudes e valores relacionados coa asunción de criterios éticos asociados á ciencia e á tecnoloxía, o interese pola ciencia, o apoio á investigación científica e a valoración do coñecemento científico; así como o sentido da responsabilidade en relación á conservación dos recursos naturais e ás cuestións ambientais e á adopción dunha actitude adecuada para lograr unha vida física e mental saudable nunha contorna natural e social.

Competencia dixital (CD)[editar | editar a fonte]

A (CD) é aquela que implica o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías da información e a comunicación para alcanzar os obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o uso do tempo libre, a inclusión e participación na sociedade. Require de coñecementos relacionados coa linguaxe específica básica: textual, numérica, icónica, visual, gráfica e sonora, así como as súas pautas de decodificación e transferencia. Isto leva ao coñecemento das principais aplicacións informáticas. Supón tamén o acceso ás fontes e o procesamiento da información; e o coñecemento dos dereitos e as liberdades que asisten ás persoas no mundo dixital. Igualmente precisa do desenvolvemento de diversas destrezas relacionadas co acceso á información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas, tanto en contextos formais como non formais e informais. A persoa ha de ser capaz de facer un uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles co fin de resolver os problemas reais dun modo eficiente, así como avaliar e seleccionar novas fontes de información e innovacións tecnolóxicas, a medida que van aparecendo, en función da súa utilidade para acometer tarefas ou obxectivos específicos. A adquisición desta competencia require ademais actitudes e valores que permitan ao usuario adaptarse ás novas necesidades establecidas polas tecnoloxías, a súa apropiación e adaptación aos propios fins e a capacidade de interaccionar socialmente ao redor delas. Trátase de desenvolver unha actitude activa, crítica e realista cara ás tecnoloxías e os medios tecnolóxicos, valorando as súas fortalezas e debilidades e respectando principios éticos no seu uso. Por outra banda, a competencia dixital implica a participación e o traballo colaborativo, así como a motivación e a curiosidade pola aprendizaxe e a mellora no uso das tecnoloxías. Para o adecuado desenvolvemento da competencia dixital resulta necesario abordar:

  • A información.
  • A comunicación.
  • A creación de contidos.
  • A seguridade.
  • A resolución de problemas.

Competencia para aprender a aprender (CPAA)[editar | editar a fonte]

Fundamental para a aprendizaxe permanente que se produce ao longo da vida e que ten lugar en distintos contextos formais, non formais e informais. Supón a habilidade para iniciar, organizar e persistir na aprendizaxe. En canto á organización e xestión da aprendizaxe, a competencia para aprender a aprender (CPAA) require coñecer e controlar os propios procesos de aprendizaxe para axustalos aos tempos e as demandas das tarefas e actividades que conducen á aprendizaxe. A competencia de aprender a aprender desemboca nunha aprendizaxe cada vez máis eficaz e autónoma. Esta competencia inclúe unha serie de destrezas que requiren a reflexión e a toma de conciencia dos propios procesos de aprendizaxe. Así, os procesos de coñecemento convértense en obxecto do coñecemento e, ademais, hai que aprender a executalos adecuadamente. Aprender a aprender inclúe coñecementos sobre os procesos mentais implicados na aprendizaxe (como se aprende). Ademais, esta competencia incorpora o coñecemento que posúe o estudante sobre o seu propio proceso de aprendizaxe que se desenvolve en tres dimensións:

  • O coñecemento que ten acerca do que sabe e descoñece, do que é capaz de aprender, do que lle interesa, etcétera.
  • O coñecemento da disciplina na que se localiza a tarefa de aprendizaxe e o coñecemento do contido concreto e das demandas da tarefa mesma.
  • O coñecemento sobre as distintas estratexias posibles para afrontar a tarefa. Respecto das actitudes e valores, a motivación e a confianza son cruciais para a adquisición desta competencia. Ambas se potencian desde a formulación de metas realistas a curto, medio e longo prazo. Ao alcanzarse as metas aumenta a percepción de autoeficacia e a confianza, e con iso elévanse os obxectivos de aprendizaxe de forma progresiva. As persoas deben ser capaces de apoiarse en experiencias vitais e de aprendizaxe previas co fin de utilizar e aplicar os novos coñecementos e capacidades noutros contextos, como os da vida privada e profesional, a educación e a formación.

Competencias sociais e cívicas (CSC)[editar | editar a fonte]

Levan a habilidade e capacidade para utilizar os coñecementos e actitudes sobre a sociedade, entendida desde as diferentes perspectivas, na súa concepción dinámica, cambiante e complexa, para interpretar fenómenos e problemas sociais.

  • A competencia social relaciónase co benestar persoal e colectivo. Esixe entender o modo en que as persoas poden procurarse un estado de saúde física e mental óptimo, tanto para elas mesmas como para as súas familias e para a súa contorna social próxima, e saber como un estilo de vida saudable pode contribuír a iso. Implica coñecementos que permitan comprender e analizar de maneira crítica os códigos de conduta e os usos xeralmente aceptados nas distintas sociedades e contornas, así como as súas tensións e procesos de cambio. A mesma importancia ten coñecer os conceptos básicos relativos ao individuo, ao grupo, á organización do traballo, a igualdade e a non discriminación entre homes e mulleres e entre diferentes grupos étnicos ou culturais, a sociedade e a cultura. Así mesmo, é esencial comprender as dimensións intercultural e socioeconómica das sociedades europeas e percibir as identidades culturais e nacionais como un proceso sociocultural dinámico e cambiante en interacción coa europea, nun contexto de crecente globalización. Tamén se requiren destrezas como a capacidade de comunicarse dunha maneira construtiva en distintas contornas sociais e culturais, mostrar tolerancia, expresar e comprender puntos de vista diferentes, negociar sabendo inspirar confianza e sentir empatía. As persoas deben ser quen de xestionaren un comportamento de respecto ás diferenzas expresado de maneira construtiva. E por último relaciónase con actitudes e valores como unha forma de colaboración, a seguridade nun mesmo e a integridade e honestidade. As persoas deben interesarse polo desenvolvemento socioeconómico e pola súa contribución a un maior benestar social de toda a poboación, así como a comunicación intercultural, a diversidade de valores e o respecto ás diferenzas, ademais de estar dispostas a superar os prexuízos e a comprometerse neste sentido.
  • A competencia cívica baséase no coñecemento crítico dos conceptos de democracia, xustiza, igualdade, cidadanía e dereitos humanos e civís, así como da súa formulación na Constitución española, a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e en declaracións internacionais, e da súa aplicación por parte de diversas institucións a escala local, rexional, nacional, europea e internacional. Isto inclúe o coñecemento dos acontecementos contemporáneos, así como dos acontecementos máis destacados e das principais tendencias nas historias nacional, europea e mundial, así como a comprensión dos procesos sociais e culturais de carácter migratorio que implican a existencia de sociedades multiculturais no mundo globalizado. As destrezas desta competencia están relacionadas coa habilidade para interactuar eficazmente no ámbito público e para manifestar solidariedade e interese por resolver os problemas que afecten á contorna escolar e á comunidade, xa sexa local ou máis ampla. Leva á reflexión crítica e creativa e á participación construtiva nas actividades da comunidade ou do ámbito mediato e inmediato, así como a toma de decisións nos contextos local, nacional ou europeo e, en particular, mediante o exercicio do voto e da actividade social e cívica. As actitudes e valores inherentes a esta competencia son aqueles que se dirixen ao pleno respecto dos dereitos humanos e á vontade de participar na toma de decisións democráticas a todos os niveis, sexa cal for o sistema de valores adoptado. Tamén inclúe manifestar o sentido da responsabilidade e mostrar comprensión e respecto dos valores compartidos que son necesarios para garantir a cohesión da comunidade, baseándose no respecto dos principios democráticos. A participación construtiva inclúe tamén as actividades cívicas e o apoio á diversidade e a cohesión sociais e ao desenvolvemento sustentable, así como a vontade de respectar os valores e a intimidade dos demais e a recepción reflexiva e crítica da información procedente dos medios de comunicación. Adquirir estas competencias supón ser capaz de poñerse no lugar do outro, aceptar as diferenzas, ser tolerante e respectar os valores, as crenzas, as culturas e a historia persoal e colectiva dos outros.

Sentido da iniciativa e espírito emprendedor (SIE)[editar | editar a fonte]

A (SIE) para transformar as ideas en actos. Entre os coñecementos que require esta competencia  inclúese a capacidade de recoñecer as oportunidades existentes para as actividades persoais, profesionais e comerciais. Tamén inclúe aspectos de maior amplitude que proporcionan o contexto no que as persoas viven e traballan, tales como a comprensión das liñas xerais que rexen o funcionamento das sociedades e as organizacións sindicais e empresariais, así como as económicas e financeiras; a organización e os procesos empresariais; o deseño e a implementación dun plan (a xestión de recursos humanos e/ou financeiros); así como a postura ética das organizacións e o coñecemento de como estas poden ser un impulso positivo. Así mesmo, esta competencia require das seguintes destrezas ou habilidades esenciais: capacidade de análise; capacidades de planificación, organización, xestión e toma de decisións; capacidade de adaptación ao cambio e resolución de problemas; comunicación, presentación, representación e negociación efectivas; habilidade para traballar, tanto individualmente como dentro dun equipo; participación, capacidade de liderado e delegación; pensamento crítico e sentido da responsabilidade; autoconfianza, avaliación e auto-avaliación, xa que é esencial determinar os puntos fortes e débiles dun mesmo e dun proxecto, así como avaliar e asumir riscos cando estea xustificado (manexo da incerteza e asunción e xestión do risco). Finalmente, require o desenvolvemento de actitudes e valores como: a predisposición para actuar dunha forma creadora e imaxinativa; o autocoñecemento e a autoestima; a autonomía ou independencia, o interese e esforzo e o espírito emprendedor. Caracterízase pola iniciativa, a prol-actividade e a innovación, tanto na vida privada e social como na profesional. Tamén está relacionada coa motivación e a determinación á hora de cumprir os obxectivos, xa sexan persoais ou establecidos en común con outros, incluído o ámbito laboral.

Conciencia e expresións culturais (CEC)[editar | editar a fonte]

A (CEC) implica coñecer, comprender, apreciar e valorar con espírito crítico, cunha actitude aberta e respectuosa, as diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizalas como fonte de enriquecemento e goce persoal e consideralas como parte da riqueza e patrimonio dos pobos. Esta competencia incorpora tamén un compoñente expresivo referido á propia capacidade estética e creadora e ao dominio daquelas capacidades relacionadas cos diferentes códigos artísticos e culturais, para poder utilizalas como medio de comunicación e expresión persoal. Implica igualmente manifestar interese pola participación na vida cultural e por contribuír á conservación do patrimonio cultural e artístico, tanto da propia comunidade como doutras comunidades. Así pois, a competencia para a conciencia e expresión cultural require de coñecementos que permitan acceder ás distintas manifestacións sobre a herdanza cultural (patrimonio cultural, histórico-artístico, literario, filosófico, tecnolóxico, ambiental, etcétera) a escala local, nacional e europea e o seu lugar no mundo. Comprende a concreción da cultura en diferentes autores e obras, así como en diferentes xéneros e estilos, tanto das belas artes (música, pintura, escultura, arquitectura, cinema, literatura, fotografía, teatro e danza) como doutras manifestacións artístico-culturais da vida cotiá (vivenda, vestido, gastronomía, artes aplicadas, folclore, festas...). Incorpora así mesmo o coñecemento básico das principais técnicas, recursos e convencións das diferentes linguaxes artísticas e a identificación das relacións existentes entre esas manifestacións e a sociedade, o cal supón tamén ter conciencia da evolución do pensamento, as correntes estéticas, as modas e os gustos, así como da importancia representativa, expresiva e comunicativa dos factores estéticos na vida cotiá. Devanditos coñecementos son necesarios para poñer en funcionamento destrezas como a aplicación de diferentes habilidades de pensamento, perceptivas, comunicativas, de sensibilidade e sentido estético para poder comprendelas, valoralas, emocionarse e gozalas. A expresión cultural e artística esixe tamén desenvolver a iniciativa, a imaxinación e a creatividade expresadas a través de códigos artísticos, así como a capacidade de empregar distintos materiais e técnicas no deseño de proxectos. O desenvolvemento desta competencia supón actitudes e valores persoais de interese, recoñecemento e respecto polas diferentes manifestacións artísticas e culturais, e pola conservación do patrimonio.

Competencias básicas no currículo[editar | editar a fonte]

A incorporación de competencias básicas no currículo permite salientar as aprendizaxes consideradas imprescindibles para lograr que o alumnadp acade a súa realización persoal e poida incorporarse á vida adulta e cidadá de xeito satisfactorio, desenvolvendo a súa capacidade de aprendizaxe permanente ao longo da vida.

As competencias básicas permiten integrar as aprendizaxes das distintas materias, a través da relación de contidos, habilidades e actitudes, potenciando a aplicación práctica nas distintas áreas de coñecemento.

A metodoloxía didáctica que se recomenda empregar para que o alumnado desenvolva as Competencias Básicas debe ser comunicativa, inclusiva e debe estar baseada en traballar de maneira global e interdisciplinar, levando a cabo dinámicas de traballo en grupo, e fomentando unha aprendizaxe activa e participativa, desenvolvendo actividades complementarias e extraescolares ben planificadas e estruturadas. Tamén é importante a coordinación e traballo en equipo entre o profesorado, así como a coordinación e colaboración coa Administración local, as familias e outras institucións educativas.

As metodoloxías deben permitir a integración de todos os elementos do currículo a través do desenvolvemento de actividades relacionadas coa resolución de problemas en contextos da vida real. As tarefas deben contextualizar as aprendizaxes e permitir o desenvolvemento de varias competencias simultaneamente.

Como exemplo destas indicacións para a metodoloxía é o denominado Traballo por Proxectos. Os responsables do deseño destas situacións de aprendizaxe son o centro e o profesorado, os cales deben ter en conta as características e os ritmos de aprendizaxe do alumnado para poderen elixir unha metodoloxía adecuada.

Ademais da metodoloxía, para traballar as competencias básicas adecuadamente cómpre ter en conta os principios pedagóxicos que nelas recaen. Segundo Moreno (2012)[11] estes principios son os seguintes:

  • O propósito central do sistema escolar por competencias non é transmitir coñecementos, senón provocar o desenvolvemento destas habilidades específicas.
  • O obxectivo non consiste en aprender simplemente os coñecementos disciplinares, posto que como finalidade débese buscar a reconstrución dos modelos mentais vulgares e os esquemas de pensamento dos alumnos/as.
  • Que a aprendizaxe sexa relevante require centrarse en situacións reais e propoñer actividades útiles para a adquisición destas competencias.
  • A organización do espazo e do tempo debe de ser flexible e creativa.
  • As estratexias didácticas máis empregadas para a consecución destas habilidades son a cooperación entre iguais e a preparación de contornos de aprendizaxe, por despertar ambas as actitudes que desexamos.
  • A aprendizaxe relevante require estimular a metacognición, é dicir, a capacidade para comprender e gobernar o propio proceso de aprendizaxe.
  • É fundamental brindar un contorno seguro e cálido no que o estudante se sinta libre e confiado para que poida experimentar, enganarse e volver a intentar. Deste xeito, pódese sinalar que aprender en situacións de incerteza e cambio permanente é unha condición para o desenvolvememento das competencias.
  • A avaliación debe de ser necesariamente de carácter formativo e a función do docente de titoría, o cal significa non só cualificar, senón tamén planificar, acompañar, avaliar e reconducir os procesos de aprendizaxe.

Retos na inclusión das competencias[editar | editar a fonte]

Tal e como se pode deducir, coa inserción de competencias básicas nos currículos escolares perséguense unha serie de finalidades: a incorporación de determinadas aprendizaxes no proceso de ensinanza, un afrontamento exitoso do estudantado de cara aos conflitos da vida cotiá e o coñecemento dos contidos e criterios de avaliación que se terán en conta no proceso de ensinanza e aprendizaxe.

Braslavski (2001) creou unha lista cos retos que traería consigo esta introdución de competencias: que o profesor traballe en equipo; que se redefina o concepto de currículo; que se reorganicen os tempos e os espazos; que se desenvolva un compromiso educativo no centro, que inclúa a familia e o contorno, facilitando a integración do currículo formal, informal e non formal; que proporcione novas visións de planificación; que permita a organización flexible; que apoie a posta en práctica de novas metodoloxías de ensinanza; que favorezan a educación integral na súa dimensión máis afectiva.[12]

 Neste mesmo sentido, tal e como se indica dende o Proyecto Atlántida (2007)[13], que as competencias sexan incorporadas aos centros podería repercutir de dous modos: con consecuencias no currículo e con consecuencias organizativas. As primeiras (no currículo), traerían consigo unha maior comprensión do currículo e unha selección en función do grao de importancia de cara á consecución das competencias básicas, chegando a unha proposta máis comprensiva e realista de poucos pero moi ben cementados contidos e dende unha opción clara pola comprensión e a aprendizaxe profunda. Ademais, modificaríanse as tarefas vixentes ata o momento e forxaríase unha mellor integración no currículo formal, non formal e informal. Por outro lado, en canto as consecuencias organizativas, exponse que se conseguiría unha maior flexibilidade nos agrupamentos, facilitando o desenvolvemento de proxectos e itinerarios personalizados, xunto cunha maior apertura do centro ao contorno e especialmente á colaboración coas familias e organizacións locais. Ademais, conseguiríase unha eficaz utilización das posibilidades que ofrecen as contornas visuais de aprendizaxe. 

Avaliación por competencias[editar | editar a fonte]

Para a avaliación das Competencias Básicas estipuladas polas diferentes leis nacionais e europeas, faise necesario que esta se incorpore aos procesos de ensinanza e aprendizaxe, polo que a avaliación comeza dende o inicio do traballo na aula, permitindo adaptar dito proceso á realidade do alumnado e proporcionando información sobre o desenvolvemento progresivo que vai experimentando, xa que é sabido que: a adquisición de competencias lévase a cabo de forma progresiva dende o comezo da escolaridade.[14]

As competencias supoñen un cambio na avaliación, xa que se debe considerar a súa consecución, isto é, ter uns indicadores de progreso que analicen o proceso global máis que os resultados, e que combinen os instrumentos e datos das diferentes áreas curriculares, dado que todas contribúen a traballar as competencias. Provocan unha maior variedade de métodos de avaliación, xa que o exame non serve para valorar algunhas das adquisicións no campo competencial, e por tanto afectan á metodoloxía didáctica.

Por iso, pódense diferenciar distintos tipos de avaliación: segundo o momento de levala a cabo (inicial, continua e final), e dependendo dos axentes que interveñen no proceso de avaliación (autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación). 

Evaluar las competencias supone aprender a evaluar todo tipo de aprendizajes, a diagnosticar el papel de todos los factores que lo hacen posible y sobre todo a generar mucha información para que los especialistas, docentes, tutores, orientadores y educadores en general, la utilicen para diseñar de forma óptima su intervención y asesoramiento.[15]

Algunhas das ferramentas para avaliar por Competencias son:

- A Rúbrica: É unha ferramenta que sintetiza o desempeño dunha forma xeral e son moi útiles para establecer os logros nas competencias. Este instrumento de avaliación é relativamente novo no noso nivel educativo.

- O Portafolios: É unha colección dos traballos que os estudantes realizaron durante un período da súa vida académica, polo que este instrumento permítenos obter unha idea máis completa das competencias, os logros, os coñecementos e as actitudes do estudante.

- Os Diarios de Aula e do Profesor: Son recursos metodolóxicos onde o docente realiza observacións ou entrevistas, e describe o que ocorre nas aulas, os materiais que utiliza etc. Polo tanto estes diarios axudan a coñecer os puntos fortes e débiles da práctica do docente, e por medio deles, reflexionar sobre a práctica, ser crítico, desenvolver competencias e mellorar a súa práctica.

No noso sistema educativo actual, existe unha avaliación externa levada a cabo pola Administración Educativa; como por exemplo, as realizadas polo Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes, o Informe PISA, o cal se basea na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos, a alumnado de 15 anos de idade, e ten como fin o de describir a situación da educación escolar entre distintos países. PISA argumenta que levar a cabo análises comparativas entre países, contribúe a ampliar e enriquecer a concepción e idea que ten cada un do seu sistema educativo.

Críticas ás competencias básicas[editar | editar a fonte]

As competencias básicas ou claves tamén reciben críticas por parte da comunidade educativa, xa que algúns expertos en Educación mostran o seu cuestionamento acerca do modelo educativo baseado no desenvolvemento das competencias clave. Algunhas destas críticas céntranse na cuestión da reprodución do modelo mercantilista e neoliberal que está instaurado na Comunidade Económica Europea e, por ende, no Estado Español.

A principal observación, na que coinciden os críticos, é como a estruturación e a organización das competencias básicas responden á adaptación ao ámbito laboral, con competencias específicas como o sentido da iniciativa e espírito emprendedor (SIE). Ademais, non se atopan contempladas competencias encaradas ao desenvolvemento artístico e creativo como tal, deixando este aspecto fóra do currículo das competencias clave.

Segundo Díez Gutiérrez[16], doutor en Ciencias da Educación e profesor da Universidade de León, o modelo económico actual repercute directamente no ámbito educativo, adaptando o segundo ás necesidades e esixencias do primeiro. Polo tanto, nos seus ensaios, reflexiona sobre as posibilidades e as alternativas dunha educación non baseada en competencias clave ou, pese a que se baseen nelas, nunhas competencias non orientadas unicamente a cumpriren os estándares do mercado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa." (PDF). www.boe.es (en castelán). Consultado o 6 de marzo de 2019. 
  2. "BOE.es - Documento BOE-A-2014-2222". www.boe.es. Consultado o 2019-03-06. 
  3. "La educación encierra un tesoro" (PDF). unesco.org. Consultado o 13 de abril de 2016. 
  4. Bolívar, A. (2010). Competencias básicas y currículo. Síntesis. 
  5. Jiménez, J.R. (2007). "Competencias Básicas". REDES 1 (1). 
  6. Perrenoud, P. (2003). Construir competencias desde la escuela. Comunicaciones Noreste. 
  7. Luengo, Luzón y Torres (2008). "Las reformas educativas basadas en el enfoque por competencias: una visión comparada" (PDF). Profesorado, revista de currículum y formación del profesorado 12 (3). 
  8. Tardif, J. (2008). "Desarrollo de un programa por competencias: De la intención a su implementación" (PDF). Profesorado, revista de currículum y formación del profesorado 12 (3). 
  9. "Agencia Estatal Boletín Oficial del Estado" (PDF). Consultado o 10/05/2016. 
  10. "Real Decreto 1631/2006, de 29 de diciembre, por el que se establecen las enseñanzas mínimas correspondientes a la Educación Secundaria Obligatoria.". Boletín Oficial del Estado (en castelán) (5): 677–773. 5 de xaneiro de 2007. Consultado o 13 de abril de 2019.  Ligazón ao texto consolidado, xa que a norma foi derrogada
  11. "La evaluación de competencias en educación". sinectica.iteso.mx. Consultado o 2016-04-20. 
  12. Braslavsky, C. (2001). Tendances mondiales et développement des curricula, communication au Colloque international, L’éducation dans tous ses états: influences européennes et internationales sur les politiques d’éducation et de formation. Association francophone d’éducation comparée (AFEC). 
  13. "Proyecto Atlántida". 
  14. Arias, A.; et al. (2009). O traballo por proxectos: en infantil, primaria y secundaria. Xunta de Galicia; Conselleria de Educación e Ordenación Universitaria. 
  15. Pellicer, A.; et al. (2009). La evaluación de las competencias básicas: Propuestas para evaluar el aprendizaje. Madrid: PPC. 
  16. "El mercado de las competencias [Artículo] - [Concejo Educativo de Castilla y León]". www.concejoeducativo.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2016. Consultado o 2016-04-21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bolívar, A. (2010). Competencias básicas y currículo. Madrid: Síntesis.
  • Consejería de Educación, Universidades, Cultura y Deportes, (2007). Competencias básicas.
  • Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Díez Gutiérrez, E. J. (2010). La globalización neoliberal y sus repercusiones en educación. Revista Electrónica Interuniversitaria de Formación del Profesorado, 13 (2), 23-38.