Competencia dixital

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nenos usando ordenadores nunha clase en Taiwán.

A competencia dixital é a capacidade de poñer en práctica -en diversos contextos e situacións- coñecementos, habilidades e actitudes á hora de acceder á información, construír con ela coñecementos propios, expresala e difundila producindo documentos persoais e empregala eticamente, utilizando para iso medios dixitais.

Adquirir e posuír esta competencia implica ser unha persoa que sabe acceder e traballar coa información que achegan os medios dixitais de xeito autónomo, eficaz e responsable, reflexionando criticamente sobre a mesma, traballando de igual modo no que se refire ó tratamento das propias ferramentas tecnolóxicas.[1][2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

OCDE e o Proxecto de Definición e Selección de Competencias[editar | editar a fonte]

En 1997, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) iniciou o denominado Proxecto de Definición e Selección de Competencias (DeSeCo)[3], co obxectivo de analizar as competencias que se consideraban necesarias para os cidadáns do mundo moderno, é dicir, os pre-requisitos psicosociais para un bo funcionamento da sociedade. A ampla participación de expertos académicos e institucións permitiu a identificación dun grupo pequeno de competencias clave clasificadas en tres amplas categorías: usar ferramentas de xeito interactivo, interactuar en grupos heteroxéneos e actuar de forma autónoma. Co informe final deste proxecto, publicado en 2003, creouse un marco relevante para as políticas e a articulación das necesidades e prioridades da educación nacional.[4]

No ano 2005 a Comisión Europea, presenta unha serie de recomendacións sobre a aprendizaxe permanente, propoñendo oito competencias clave entre as que inclúe a competencia dixital, definida como o "uso seguro e crítico das Tecnoloxías da Sociedade da Información (TSI) para o traballo, o ocio e a comunicación. Susténtase nas competencias básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet".[5]

Anteriormente, en decembro de 2003, o Parlamento Europeo e o Consello adoptaron, definitivamente, un programa plurianual (2004–2006) para a integración efectiva das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación en Europa. A esta iniciativa chamóuselle Programa eLearning e o seu orzamento andou polos 44 millóns de euros.[6] Os obxectivos deste programa, recollidos no Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente (2007-2013), son, entre outros, os seguintes:

-Facilitar os intercambios, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas educativos e de formación europeos para que se convertan nunha referencia de calidade mundial.

- A creación de contidos, servizos, métodos pedagóxicos e prácticas innovadoras baseadas nas TIC.

A necesidade de delimitar, definir e explicitar as competencias necesarias para os cidadáns, entre elas a competencia dixital, pode enmarcarse nun contexto europeo. Dito contexto busca garantir o desenvolvemento e o crecemento futuro destas competencias. Para iso, contempla a inclusión das TIC en tódolos ámbitos.

Previamente, nun contexto máis internacional, coincidiron en sinalar a Sociedade da Información como un dos piares básicos do desenvolvemento dos países do mundo e insistíase en declarar a educación como a ferramenta fundamental para desenvolver esta tarefa. A declaración de principios "Construír a Sociedade da Información: un desafío global para o novo milenio" do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información celebrado en Xenebra en 2003, sinalaba:

" A educación, o coñecemento, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos. É máis, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) teñen inmensas repercusións en practicamente todos os aspectos das nosas vidas. O rápido progreso destas tecnoloxías brinda oportunidades sen precedentes para acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. A capacidade das TIC para reducir moitos obstáculos tradicionais, especialmente en tempo e distancia posibilitan, por primeira vez na historia, o uso do potencial destas tecnoloxías en beneficio de millóns de persoas en todo o mundo" (CMSI, 2003, apartado 8)[7].

Competencia dixital en España[editar | editar a fonte]

En España, o Tratamento da Información e Competencia Dixital pasa a formar parte do currículo prescritivo no ano 2006, coa Lei Orgánica de Educación (LOE), definida como "Dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información e para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información até a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización de tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse. O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información dispoñible, contrastándoa cando é necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes"[8]. Esta Lei indica, así mesmo, a necesidade de crear en cada centro un plan de introdución ás tecnoloxías da información e comunicación, influíndo no desenvolvemento da competencia dixital.

A incorporación das competencias ós currículos galegos pódense atopar no Decreto 130/2007, de 28 de xuño, polo que se establece o currículo da Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[9] e o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia[10][11].

Educación e competencia dixital[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento de prácticas estratéxicas, de competencias transversais, é hoxe máis que nunca necesario para o avance das políticas educativas e para unha vida activa como cidadán (Bolívar, 2008), xa que posibilita o dominio de ferramentas para a aprendizaxe e a formación, o dominio de capacidades que permitan unha boa relación social, así como a xestión da totalidade da actuación (liderado, creatividade, xestión de proxectos). A Unión Europea formulou oito competencias clave (EurydiceArquivado 16 de abril de 2016 en Wayback Machine.[12], 2002), baseadas na idea de aprender, e sinalou o dominio da capacidade de lectura, escritura, cálculo e dominio das TIC como elementos esenciais para a aprendizaxe.

O proxecto DeSeCo (Definition and Selection of Competencies) categoriza as competencias clave dende unha tripla vertente: competencias que permiten dominar os instrumentos socioculturais necesarios para interactuar co coñecemento, tales como; linguaxe, símbolos e números, información e coñecemento previo, así como instrumentos físicos como os ordenadores; competencias que permiten actuar en grupos heteroxéneos e autonomamente (comprender o contexto, relacionarse con outros, cooperar, traballar en equipo).[13][14]

Escola 2.0[editar | editar a fonte]

A escola 2.0 ten como obxectivo introducir as TIC no sistema educativo e que todos os alumnos conten cunha computadora para realizar un uso personalizado. Trataríase de crear así aulas dixitais do século XXI, baseadas nos servizos da Web 2.0. A posta en funcionamento deste tipo de aulas levouse a cabo en dúas fases: a primeira nos cursos de 5º e 6º de primaria (curso 2009-2010) e a segunda nos cursos 1º e 2º da E.S.O (curso 2010-2011). "Distintos gobernos das comunidades autónomas (Asturias, Andalucía, Castela -León, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Cataluña,...) asinaron convenios de participación no programa Escuela 2.0 de tal maneira que o Ministerio proporcionaría o 50% e o goberno rexional e o outro 50% dos custos." (Muñoz, 2011)[15]

Axentes da escola 2.0:

A escola 2.0 pretende dotar as aulas cunhas boas infraestruturas, fomentar o uso de Internet nas aulas, traballar cos recursos didácticos dixitais, formar o profesorado e introducirse no mundo das redes sociais. Os familiares directos dos alumnos posúen un importante papel xa que deben estar vinculados a esta nova forma de aula e familiarizados coas TIC.[16]

Na actualidade xa se acuñou o termo escola 3.0, partindo do concepto da Web 3.0, que é aquela que posibilita a interacción entre persoas e cuxo espazo máis destacado son as redes sociais [17]. Neste novo contexto os estudantes deben desenvolver a competencia investigadora autónoma e a participación conxunta na elaboración de contidos, actuando os docentes coma facilitadores das estratexias de aprendizaxe que aplicarán os estudantes[18].

Competencia dixital no sistema educativo[editar | editar a fonte]

Neste contexto, apareceron as novas formas de alfabetización na sociedade chamadas tamén “alfabetización múltiple” ou “multialfabetizacións”. Falamos así de alfabetizacións musicais, dixitais, informacionais, etc; xa que as canles e formas de comunicación que nos atopamos hoxe en día son diversas, o que implica formar os individuos e as comunidades na interpretación destas formas de comunicación, así como a utilización de tecnoloxías e linguaxes específicas.

A alfabetización na cultura dixital implica aprender a manexar os aparatos, o software, e o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración de información e coa comunicación e interacción sociais a través das tecnoloxías[19].

Erstad[20] expón a existencia de catro ámbitos clave dunha nova alfabetización:

  • Unha cultura da participación: novas formas de participar e compartir, con gran relevancia nisto as redes e medios sociais.
  • O acceso á información: achegando infinidade de posibilidades e marcando dun xeito significativo dúas épocas diferentes.
  • As posibilidades de comunicación: novas condicións para comunicarse e desenvolver habilidades comunicativas, a través de novos formatos e procesos de mensaxería instantánea.
  • A produción de contidos: aspecto fundamental da alfabetización, tendo a posibilidade de que un usuario poida ser produtor de contidos por medio da utilización de novas ferramentas dixitais.

Gilster[21] foi un dos primeiros autores en definir o concepto de alfabetización dixital xunto con Bawden[22], quen lle relaciona unha serie de habilidades, competencias e actitudes:

  • A construción do coñecemento por medio de diversas fontes.
  • Análise crítica e válida da información extraída.
  • Lectura e entendemento de material dinámico.
  • Valorar as ferramentas tradicionais.
  • Coñecer a importancia das redes de persoas para o asesoramento e a axuda.
  • Xestionar a información por medio da utilización de filtros.
  • Publicación e comunicación de información sinxela e habitual.

Unha persoa alfabetizada nos medios tecnolóxicos e multimedia ten as habilidades de descodificar, avaliar, analizar e producir medios impresos e tecnolóxicos debido á súa capacidade de entender, producir e negociar a significación da información.

Lara Trilla[23] destacou diferentes criterios nos que debe estar baseada a alfabetización dixital:

  • Reutilizar a información: localizar, filtrar e sintetizar coñecemento xa producido e distribuído na rede.
  • Reinterpretar a información: reconstruír, renovar, reciclar, recuperar, discursos propios a partir do coñecemento distribuído pola rede.
  • Devolver e compartir a información: publicar e divulgar os pensamentos e obras propias.

Competencia dixital segundo a LOMCE[editar | editar a fonte]

Dentro das sete competencias básicas[24] que recolle a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa, LOMCE[25], atopámonos coa competencia dixitalArquivado 19 de abril de 2016 en Wayback Machine.[26]. Defínea como a utilización segura e crítica das tecnoloxías da sociedade da información para o traballo, o lecer e a comunicación valéndose das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet.[27] Para isto a competencia dixital precisa de coñecementos, capacidades e actitudes esenciais relacionados coa mesma: coñecer as principais aplicacións informáticas[28]; coñecer as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade da información ofrecen como ferramenta favorecedora da innovación e creatividade; o coñecemento das cuestións relacionadas coa validez e fiabilidade da información dispoñible e dos principios legais e éticos polos que se debe rexer a utilización interactiva das TIC. A competencia dixital forma parte pois da alfabetización na cultura dixital, a cal supón aprender a manexar os aparatos, o software vinculado cos mesmos, o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración da información e coa comunicación e interacción social a través das tecnoloxías.[29]

Despois da aprobación da LOMCE, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[30] e mais o Proxecto de decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia[31] pasaron a recoller a Competencia Dixital entre as competencias clave, aínda que sen especificar as habilidades e coñecementos a acadar para o seu desenvolvemento.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Monereo. C. (2013). Competencia digital: Para qué, quién, dónde y cómo debe enseñarse. Revista aula de innovación educativa. 181. Recuperado desde: http://www.researchgate.net/publication/257944704_Competencia_digital_para_qu_quin_dnde_y_cmo_debe_ensearse
  2. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=V_HOIsP-Ix8
  3. http://www.deseco.admin.ch/bfs/deseco/en/index/03/02.parsys.78532.downloadList.94248.DownloadFile.tmp/2005.dscexecutivesummary.sp.pdf
  4. Instituto de Tecnologías Educativas- Departamento de Proyectos Europeos (211) Competencia digital. Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, Ministerio de Educación.
  5. Comisión Europea (2007). Competencias clave para el aprendizaje permanente. Un Marco de Referencia Europeo. http://www.mecd.gob.es/dctm/ministerio/educacion/mecu/movilidad-europa/competenciasclave.pdf?documentId=0901e72b80685fb1
  6. Touriñán lópez, J.M. y Soto Carballo, J. (2007). La educación electrónica como objetivo de la educación en la sociedad del conocimiento. Aula abierta, (35) 1,2, 9-34.
  7. Íbiden
  8. Instituto de Tecnologías Educativas- Departamento de Proyectos Europeos (2011). Competencia digital. Madrid: Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, Ministerio de Educación.
  9. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (09 de xullo de 2007). "Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia". Diario Oficial de Galicia (132): 11666. 
  10. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. "Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15/11/2011. Consultado o 28/05/2015. 
  11. Alonso Ferreiro, Almudena (2011). "El desarrollo del concepto de competencia digital en el currículum de las enseñanzas obligatorias de Galicia". Innovación Educativa 21: 151–159. ISSN 1130-8656. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2019. Consultado o 25 de marzo de 2019. 
  12. "Eurydice". Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 12 de abril de 2016. 
  13. Adell, J. (2009). Políticas TIC en educación. ¿Un viaje a ninguna parte? Aula de Innovación Educativa, nº 185. Barcelona: Graó.
  14. Soto , J. (2010). Análisis de las competencias digitales y los nuevos retos educativos en la escuela.  Innovación Educativa, 20, 117-129.
  15. "La escuela 2.0 en las distintas comunidades autónomas". educacontic.es. Arquivado dende o orixinal o 21/06/2020. Consultado o 10/05/2016. 
  16. Revuelta. F.I. (2011). Competencia digital: desarrollo de aprendizajes con mundos virtuales en la escuela 2.0. Revista electrónica de Tecnología Educativa. 37. Recuperado desde: http://edutec.rediris.es/Revelec2/Revelec37/pdf/Edutec-e_n37_Revuelta.pdf Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  17. Ramírez León, Y. e Peña Arcila, J. B. (2011). La Web 3.0 como herramienta de apoyo para la educación a distancia. Etic@ Net (10). Recuperado o 28/04/2015 de: http://www.ugr.es/~sevimeco/revistaeticanet/numero10/Articulos/Formato/articulo3.pdf
  18. López García, C. (2011). Redes sociales y educación artística. En: Peña, R. (Coord.), Nuevas tecnologías en el aula, pp. 315-345. Tarragona: Altaria.
  19. Area Moreira, M. (2008). La innovación pedagógica con TIC y el desarrollo de las competencias informacionales y digitales. Investigación en la escuela, 64. Recuperado desde: http://www.investigacionenlaescuela.es/articulos/64/R64_1.pdf Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
  20. Erstad, O. (2010). Educating the digital generation. Exploring media literacy for the 21st century. Nordic Journal of Digital Literacy (1), 56-72.
  21. Gilster, P. (1997). Digital literacy. New York: Wiley Computer.
  22. Bawden, D. (2008). Origins and concepts of digital literacy. En Digital literacies: Concepts, policies and practices. (pp. 17-32). New York: Peter Lang.
  23. Lara T.(2009) Alfabetizar en la cultura digital. En: La competencia digital en el área de lengua. Barcelona: Octaedro.
  24. "Competencias clave - Ministerio de Educación, Cultura y Deporte". www.mecd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-12. 
  25. "LOMCE". Wikipedia, la enciclopedia libre (en castelán). 
  26. "Competencia digital-Ministerio de Educación, Cultura y Deporte". www.mecd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-12. 
  27. Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la Mejora de la Calida Educativa, LOMCE. Recuperado en: http://www.boe.es/boe/dias/2013/12/10/pdfs/BOE-A-2013-12886.pdf
  28. "Aplicacións informáticas". Wikipedia, la enciclopedia libre (en castelán). 
  29. RA, M. (2008). “La innovación pedagógica con TIC y el desarrollo de las competencias informacionales y digitales”. Universidad de La Laguna. Recuperado en: http://www.investigacionenlaescuela.es/articulos/64/R64_1.pdf Arquivado 06 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
  30. Consellería de Cultura, Educación e Ordeación Universitaria. "Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 25/08/2015. Consultado o 21/04/2015. 
  31. Consellería de Cultura, Educación e Ordeación Universitaria. "Proxecto de decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 01/09/2015. Consultado o 21/04/2015.