Compañía Británica das Indias Orientais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira da Compañía desde 1707 ata 1801

A Compañía Británica das Indias Orientais (en inglés, East India Trading Company, English East India Company e as veces British East India Company) foi unha compañía de inversores que obtivo o 31 de decembro de 1600 a Carta Real de mans da raíña Isabel I de Inglaterra coa intención de garantirlle os privilexios do comercio na India. A carta real deu a nova compañía o monopolio artificial de todo o comercio nas Indias Orientais. A Compañía transformouse, pasando dunha simple unión comercial, ata converterse na empresa que gobernou de xeito virtual a India ata a disolución da compañía en 1858 pasando India a estar gobernada polo Raj Británico. Tiña a súa sede en Londres.

Consolidación[editar | editar a fonte]

A East India House, sede da compañía, nun debuxo de 1817

A compañía pronto eclipsou ós portugueses que estableceran as súas bases en Goa e Bombai (que posteriormente foi cedida ós británicos). En 1647, a compañía británica tiña 23 fábricas e 90 empregados na India. En 1634, o emperador mogol ampliou a súa hospitalidade e permitiu ós británicos comerciar na rexión de Bengala.

O negocios da compañía centrábanse no algodón, a seda, o índigo e o . Ademais, iniciaron algunhas incursións no negocio das especias, ata entón monopolizado polos holandeses. En 1711 estableceron un punto de comercio en Cantón, China, para comerciar con té e prata.

En 1670, o rei Carlos II concedeulle o dereito de capitanear os exércitos e formar alianzas, declarar a guerra ou establecer a paz e exercer a xurisdición tanto civil como criminal nas zonas nas que operaba. A Compañía tiña como principais militares ós «Casacas vermellas». Ao sufrir constantes ataques por parte dos nativos e doutros competidores comerciais, desenvolveu un importante despregue militar. En 1689, a Compañía era case un «estado» dentro da India continental, que administraba de forma independente as zonas de Bombai, Madrás e Bengala e que posuía unha forza militar tremendamente intimidatoria.

A Guerra dos Sete Anos marcou o comezo da fin da presenza colonial francesa na India. A desaparición deste potente rival comercial permitiu á Compañía Británica das Indias Orientais consolidar o monopolio do comercio na zona. O emperador mogol concedeulles o comercio na zona de Bengala, a provincia máis poboada e máis rendible de todo o pais. Porén a Compañía tivo problemas coa resistencia local. Os esforzos da Compañía para administrar a India convertéronse nun modelo de sistema de servizos civís en Gran Bretaña, especialmente durante o século XIX.

Fin da compañía[editar | editar a fonte]

A mediados do século XIX, o control da Compañía estendíase pola maior parte da India, Birmania, Singapur e Hong Kong; unha quinta parte da poboación mundial estaba baixo a súa autoridade. A Compañía ocupou as Filipinas e conquistou Xava. Solucionou algúns problemas de liquidez para mercar o té en China, exportando o opio indio.

En 1813 quedou privada do monopolio comercial e en 1833 quedouse sen o comercio do té en China. Finalmente, en 1858, a compañía perdeu as súas funcións administrativas, que lle foron retiradas polo goberno despois da Revolta dos sipaios en 1857; a India converteuse formalmente nunha colonia británica. A principios de 1860, todas as posesións da Compañía pasaron a mans da coroa. A Compañía seguiu controlando o comercio do té. Finalmente, disolveuse 1 de xaneiro de 1874.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Compañía Británica das Indias Orientais