Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Comisións Labregas»)
Sindicato Labrego Galego (SLG)
Sindicato de Galiza
Dirixentes e organización
LíderIsabel Vilalba Seivane
Filiación internacionalVía Campesina
Historia
Fundación1971
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo galego
Esquerda
Agrarismo
Ecoloxismo
Outros datos
PublicaciónFouce
Na rede
http://www.sindicatolabrego.com

O Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas (SLG - CC.LL) é un sindicato nacionalista galego de agricultores/as e gandeiros/as. A súa sede central está en Santiago de Compostela e, tras a dimisión de Carme Freire na Dirección Nacional do 14 de xuño de 2012, a súa secretaria xeral é Isabel Vilalba Seivane.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

O SLG é un sindicato de ideoloxía nacionalista galega de esquerda. Entre os seus principios están o cooperativismo, axuda mutua, a soberanía alimentaria, feminismo, altermundismo, ecoloxismo e a autoxestión.

Historia[editar | editar a fonte]

Era clandestina (1971-1977)[editar | editar a fonte]

A súa orixe está nos Comités de Axuda á Loita Labrega creados en 1971 por iniciativa da Unión do Povo Galego[1] (UPG) que deron orixe ás Comisións Labregas[a], que a partir de 1973 cobrará protagonismo na loita contra os encoros. Esta organización formaba parte da estrutura frontista da UPG, na mesma liña có Sindicato Obreiro Galego (SOG) ou ADEGA. No inverno de 1973 aparece o xornal da organización, Fouce. Durante estes anos CCLL participa nas loitas pola recuperación dos montes en mancomún, contra as cotas abusivas da seguridade social e contra a construción de encoros nos ríos galegos. En 1975 un sector do sindicato, próximo ao Partido Socialista Galego (PSG), escíndese e crea o Sindicato Agrario Galego[2].

En 1976 CCLL crea a Asociación Agraria Galega como brazo legal, grazas a unha nova lei de asociacións máis permisiva. A pesar disto, a primeira Asemblea Xeral foi prohibida polas autoridades. O mesmo ano un grupo disidente, oposto ás políticas da UPG, abandona CCLL e forma Comisiós Labregas-Terra. Ese mesmo ano, CCLL cambia o seu nome a Comisiós Labregas-Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL).

Legalización e crecemento (1977–1986)[editar | editar a fonte]

En primavera de 1977 por fin foi legalizado o sindicato. Este mesmo ano a organización participou nalgunhas mobilizacións sociais claves da transición en Galiza, en concreto o conflito das As Encrobas, entre os veciños de dita parroquia e FENOSA, que quería expropiar as terras dos veciños para extraer lignito[3]. O problema pasou de ser un conflito local a unha "cause celébre" en toda Galiza debido ás mobilizacións do SLG e do nacionalismo galego en xeral[4]. Os labregos locais estaban dirixidos por Moncho Valcarce, o cura da parroquia e militante da UPG[5]. Esta loita rematou coa derrota dos labregos e a vitoria de FENOSA, que poido comezar a extracción do lignito en 1978. Outro evento de grande importancia en 1977 foi a loita contra o proxecto de facer unha central nuclear en Xove. Tanto o SLG coma a organización ecoloxista ADEGA tiveron un papel clave nas mobilizacións sociais contra a central. O 10 de abril de 1977, 8.000 persoas marcharon entre Viveiro e Xove contra dito proxecto[6]. Esta loita continuou até 1979, cando os plans para a construción da central foron finalmente cancelados. A mobilización social foi clave, destacando unha manifestación de 20.000 persoas en 1978.

Lidia Senra, secretaria de relacións exteriores e secretaria xeral entre 1989 e 2007

Ese mesmo ano foron as primeiras eleccións ás cámaras agrarias nas que o SLG puido participar de maneira legal, obtendo 545 representantes. Tamén en 1978 o sindicato lanzou unha campaña contra a "cota empresarial", unha cantidade de diñeiro que os agricultores galegos tiñan que pagar á seguridade social, considerada abusiva polo sindicato[7]. Os principais métodos de protesta contra dita cota foron o boicot e a desobediencia civil, que continuaron até que o foi abolida en 1994.

Desde 1986: Loita contra a PAC e aumento da independencia da organización (1986-2020)[editar | editar a fonte]

O SLG posicionouse, como a maioría do nacionalismo galego, contra a entrada de Galiza no Mercado Común en 1986. Esta entrada supuxo a aplicación da Política agrícola común da UE e o desmantelamento de boa parte dos sectores produtivos agrícolas galegos. A loita contra as cotas lácteas e os novos impostos foron o novo foco de atención do SLG.

En 1989 o sindicato volveu cambiar o seu nome, desta vez a Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Ese mesmo ano a histórica activista Lidia Senra foi escollida secretaria xeral, cargo que ocupou até 2007. Durante esa época a organización foi gañando autonomía, desvinculándose da UPG e do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Durante os 90 o SLG uniuse a Via Campesina e acercouse ao movemento altermundista, adoptando novas políticas coma a defensa da soberanía alimentaria. No actual século o SLG participou en mobilizacións contra os proxectos macro-mineiros, coma o de Corcoesto[8][9].

En 2009 sufriu unha escisión coa creación da Federación Rural Galega, liderada por Xurxo Álvarez[10], entidade máis vinculada a UPG[11].

Secretarias xerais[editar | editar a fonte]

O primeiro secretario xeral foi Bernardo Fernández Requeixo. A este seguírono Emilio López Pérez, Lidia Senra Rodríguez (1989-2007), Carme Freire Cruces (2007-2012) e Isabel Vilalba Seivane, actual secretaria desde o 14 de xuño de 2012.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O nome máis utilizado era Comisiós Labregas, en galego central.
Referencias
  1. "Lidia Senra, o rural galego e os novos camiños", artigo de Xoán Carlos Carreira. Vieiros, 27 de novembro de 2007.
  2. Geada, A. D., & Casteleiro, A. T. (2014). Sindicalismo nacionalista en el rural gallego del tardofranquismo y la transición (1973-1978): discurso y práctica para la democracia desde el campo. Historia, trabajo y sociedad, (5), 101-117.
  3. "Vieiros: Galiza Hoxe - Bocixa: "O conflito das Encrobas ou foi mitificado ou esquecido"". www.vieiros.com. Consultado o 2020-05-01. 
  4. "Video íntegro | As Encrobas - A ceo aberto | AVG | AudioVisual Galego". culturagalega.gal. Consultado o 2020-05-01. 
  5. Herrero Pérez, Nieves (2008). El conflicto de As Encrobas (1976-1979). La prensa gallega y la representación de la identidad campesina. Universidad de Sevilla. OCLC 1134837497. 
  6. "Avantar - CIG: Confederación Intersindical Galega". www.cig.gal. Consultado o 2020-05-01. 
  7. Geada, A. D., & Casteleiro, A. T. (2014). Sindicalismo nacionalista en el rural gallego del tardofranquismo y la transición (1973-1978): discurso y práctica para la democracia desde el campo. Historia, trabajo y sociedad, (5), 101-117.
  8. "Una manifestación multitudinaria dice no a la mina de Corcoesto". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-04-14. Consultado o 2020-05-01. 
  9. Fouce 298 - Setembro/outubro 2013
  10. "Vieiros: Galiza Hoxe - Constitúese a Federación Rural Galega baixo a presidencia de Xurxo Álvarez". www.vieiros.com. Consultado o 2020-05-01. 
  11. Gallego, Grupo El Correo. "Nace a Federación Rural Galega como alternativa ó SLG". www.galiciahoxe.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2016. Consultado o 2020-05-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]