Combatente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Combatente
Machos
Machos

Femia
Femia

Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: ''Philomachus''
Merrem, 1804
Especie: ''P. pugnax''
Nome binomial
''Philomachus pugnax''
(Linnaeus, 1758)
      Verán       Residente todo o ano       Non cría

      Verán
      Residente todo o ano
      Non cría

O combatente (Philomachus pugnax) é unha ave migratoria da familia Scolopacidae que cría na tundra e en zonas de terras baixas e pantanos da rexión euroasiática. Aliméntase basicamente de insectos e miñocas, que capturan en prados mollados e na lama branda, buscándoos co bico ou pola vista.

É unha das especies incluídas dentro do Acordo para a protección das aves acuaticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Descrición[editar | editar a fonte]

Combatente coa plumaxe da época invernal.

Teñen a cabeza pequena, o bico de lonxitude media e o pescozo longo. As patas son longas e amareladas, e amosan óvalos brancos nos lados cando voan. O dimorfismo sexual é marcado: os machos, que son meirandes cás femias, miden entre 29 e 32 cm de lonxitude e teñen de 54 a 60 cm de envergadura de alas. Na época reprodutora a plumaxe dos machos amosa diferenzas individuais notables, que permite recoñecelos individualmente. Teñen colar e crista de plumas negras, castañas ou brancas e compostas por plumas de cor uniforme, barradas ou de coloración irregular. O lombo é castaño agrisado, o peito negro e o resto da parte inferior branca. As femias miden entre 22 e 26 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de entre 46 e 49 cm. Son marróns agrisadas por riba e brancas por debaixo. No inverno os dous sexos amosan unha parte superior gris pálida e unha inferior branca e diferéncianse exclusivamente pola talla. Os exemplares novos son acastañados coa área ventral da cor do ante.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Crían en zonas húmidas e pantanosas con vexetación baixa do norte de Europa e Rusia. Pasan o inverno no sur e oeste de Europa, África e a India. As aves da Europa noroccidental emigran principalmente ó oeste de África. En Norteamérica aparece ocasionalmente e fixeron niños (pero non se sabe chegaron a chocar) en Alasca. Son aves moi gregarias que forman grandes bandos no inverno.

A perda de hábitats a consecuencia da agricultura intensiva fíxoos desaparecer practicamente como reprodutores en Alemaña e os Países Baixos.

Cortexo e extratexias reprodutoras[editar | editar a fonte]

Combatente con colar branco

O sistema de emparellamento dos combatentes é moi complexo, e está marcado pola utilización de pequenas áreas (de 1 metro por 1 metro aproximadamente) en solos lamacentos, que os machos utilizan para as súas demostracións. Estas superficies están habitualmente preto da auga e nas proximidades da área de cría e son reutilizadas cada ano.

Os machos utilizan para conseguir copular coas femias tres tipos de estratexias, das que polo menos dúas están marcadas xeneticamente. Os machos que usan cada unha das estratexias amosan diferenzas de plumaxe, tamaño e comportamento. O tipo de macho máis habitual é o "macho residente" (un 84% de tódolos machos), que na época reprodutora teñen colares negros ou de cores que van do acastañado ó vermello alaranxado. Este tipo de machos defenden cadanseu pequeno territorio de exhibición no que desenvolven activas cerimonias de cortexo fronte ás femias que acuden a escoller un compañeiro entre os machos que se exhiben. Os machos residentes comportanse agresivamente contra outros machos residentes. Os "machos satélite", menos comúns (ó redor dun 16%), son algo menores e con colares brancos ou moi claros. Non teñen terreo de exhibición propio e permanecen nos límites do dun macho residente, situación que lles permite conseguir emparellarse con femias atraidas por este. As femias teñen tendencia a emparellarse cos machos residentes, mesmo en presenza de satélites, polo que os primeiros amosan certa tolerancia polos segundos. Estas dúas tendencias reprodutoras son herdadas [1].

Hai unha terceira estratexia, descuberta por un anelador de aves de Frisia, que, a partir de diferenzas na lonxitude das alas, detectou a presenza dun grupo de individuos, máis raro (menos do 1%), que, malia seren machos, teñen aspecto de femia. Estes machos non fan á muda das plumas da época reprodutora, e manteñen todo o ano unha plumaxe semellante á das femias. Suponse que estes machos evitan as agresións dos machos residentes gracias á súa plumaxe, e consiguen emparellarse ó poderen estar na proximidade das femias e aproveitar os momentos en que estas se anasan para solicitar a cópula a outros machos. Non se sabe se esta estratexia é tamén hereditaria.

As danzas de cortexo dos machos residentes consisten en estricarse, anasarse e nunha variedade ampla de posturas coas plumas do colar tesas. Poden, en ocasións, choutar no aire. Despois do emparellamento as femias poñen tres ou catro ovos nun niño no chan, ben agachado, que chocan elas soas. Tamén son elas as que se ocupan da cría dos polos, que abandonan o niño ó pouco de naceren.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "D B Lank", C M Smith, O Hanotte, T Burke & F Cooke (1995): "Genetic polymorphism for alternative mating behaviour in lekking male ruff Philomachus pugnax" en Nature 378, p. 59-62.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D B Lank, C M Smith, O Hanotte, T Burke & F Cooke: "Genetic polymorphism for alternative mating behaviour in lekking male ruff Philomachus pugnax", en Nature 1995, 378, p. 59-62.
  • J Jukema & T Piersma: Permanent female mimics in a lekking shorebird. Biology Letters doi:10.1098/rsbl.2005.0416.
  • Thomas, Gavin H.; Wills, Matthew A. & Székely, Tamás (2004): "A supertree approach to shorebird phylogeny" en BMC Evol. Biol. 4: 28.
  • A. J. Beintema, O. Moedt & D. Ellinger: Ecologische Atlas van de Nederlandse weidevogels. Schuyt & Co, Haarlem 1995, ISBN 90-6097-391-7.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Combatente