Colonización viquinga en América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poboado viquingo de L´Anse-aux-Meadows (Terranova, Canadá), declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, descuberto en 1960

Os viquingos exploraron e colonizaron diferentes áreas do Atlántico Norte, que incluían a illa de Groenlandia e as costas de Canadá e posibelmente Estados Unidos, a partir do século X. A colonización viquinga non tivo o efecto perdurábel das posteriores colonizacións europeas en América, pero pode ser vista como un preludio á colonización a grande escala emprendida tralo primeiro viaxe de Cristovo Colón[1][2].

A chegada dos viquingos a América é habitualmente considerada como unha afirmación provocativa que cuestiona a tradicional atribución a Cristovo Colón de ser o primeiro europeo en chegar a terras americanas. Actualmente está fóra de toda dubida o feito de que os viquingos efectivamente chegaron a América[3][4] e estabeleceron algúns asentamentos nas illas de Groenlandia e Terranova (actual Canadá), onde se atopa o poboado viquingo de L´Anse-aux-Meadows, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[5]

O obxectivo dos viquingos ao chegar a América foi sobre todo o dominio das rutas de navegación e o cobro de dereitos para a venda en Europa de animais e outros bens.

As sagas nórdicas dos textos viquingos do século XIII, son a primeira fonte escrita europea na que se fai referencia a América. Alí se mencionan catro rexións americanas ás que os viquingos puxeron nome: Groenland (Terra Verde), Helluland (Terra de Regatos), Markland (Terra de Bosques) e Vinlandia (Terra de Viñedos).[1][2][6][7]

As sagas nórdicas ou islandesas[editar | editar a fonte]

As viaxes, descubrimentos e asentamentos viquingos en América foron escritos por primeira vez en dúas sagas: a Saga dos groenlandeses escrita no ano 1200, e a Saga de Erik o Vermello, escrita no ano 1260.[7]

Trátase de relatos de autor anónimo nos que se mestura ficción e realidade sobre feitos sucedidos dou séculos antes transmitidos oralmente, polo que os estudosos tiveron que empregar datos científicos complementarios para estabelecer a maior ou menor certeza do seu contido.[7][6]

Groenlandia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Groenlandia.

Segundo contan as sagas islandesas, os viquingos de Islandia chegaron por primeira vez a América por Groenlandia no ano 982. Naquel momento, a colonia consistía en dous asentamentos, cunha poboación total de entre 3.000 e 5.000 habitantes, e polo menos 400 granxas que poden datar desa época foron identificadas no sitio polos arqueólogos.

Na súa cúspide, a colonia viquinga en Groenlandia tivo unha diocese en Gardar e exportaba marfil, cordas e produtos agropecuarios. En 1261, a poboación aceptou o goberno do rei de Noruega, aínda que continuou aplicando as súas leis locais. En 1380 este reino uniuse ao de Dinamarca.[7][6]

A colonia empezou a declinar no século XIV e os asentamentos empezaron a ser abandonados cara a 1350.[7][6] En 1378 xa non existía a diocese de Gardar, e o último rexistro escrito da colonia é un matrimonio ocorrido en 1408. O máis probable é que no século XV xa non existisen asentamentos viquingos en América, aínda que non existe unha data plenamente establecida. Os estudos con radiocarbono sitúan os últimos rastros de asentamentos cara a 1430, cunha variación de 15 anos. Propuxéronse varias teorías que poderían explicar as razóns da decadencia e desaparición destes asentamentos.[7][6]A Pequena Idade do Xeo que ocorreu durante esta época puido endurecer as condicións de vida das poboacións locais e dificultar o transporte entre América e Europa. Adicionalmente, o marfil de Groenlandia puido ser substituído no mercado europeo polo máis económico marfil procedente de África.

A pesar da perda de contacto cos asentamentos de Groenlandia, o goberno danés continuou considerando Groenlandia como unha posesión, e a existencia da illa nunca foi esquecida polos xeógrafos europeos.[7][6] Os baleeiros europeos realizaron paradas ocasionais na illa durante o século XVII e en 1721, realizouse unha expedición mercantil e misioneira liderada por Hans Egede cara a Groenlandia, baixo os argumentos que, de haber aínda habitantes viquingos en Groenlandia, estes continuarían sendo católicos e debían ser reformados, tal e como o foron os cristiáns do norte de Europa. Esta expedición non atopou poboacións de orixe europea que sobrevivisen, pero iniciou a colonización danesa en América, cunha colonia estable na illa que afirmou as pretensións de soberanía de Dinamarca sobre a illa.[8][9]

Vinlandia[editar | editar a fonte]

Asentamento viquingo en L'Anse aux Meadows, Terranova.

Segundo contan as sagas islandesas (A "Saga de Erik o Vermello" e a "Saga dos groenlandeses", capítulos do Hauksbók do Libro de Flatey), os viquingos iniciaron a exploración ao oeste de Groenlandia aos poucos anos de establecerse os asentamentos na illa. Bjarni Herjólfsson, un mercador que navegaba entre Islandia e Groenlandia, perdeu o rumbo, chegando a un territorio moito máis ao oeste. Herjólfsson describiu o territorio a Leif Eriksson, quen explorou a área con maior detalle e fundou un pequeno asentamento, chamado Leifbundir.[10]

As sagas describen tres áreas separadas descubertas durante esta exploración: Helluland, que significa "Terra da pedras planas"; Markland, territorio cuberto por bosques (algo que claramente interesaba aos colonos de Groenlandia, rexión escasa de árbores); e Vinlandia, que estaba algo máis ao sur de Markland. Foi en Vinlandia onde se estableceu o asentamento descrito nas sagas.[10]

Os asentamentos de Leif non prosperaron e os poboadores pelexábanse debido á escasa poboación feminina que participou na expedición; tamén se conta que tiveron conflitos coa poboación local aborixe (que os viquingos chamaban Skraelings), que posiblemente fosen algonquinos. O asentamento foi abandonado tras poucos anos. Os viquingos de Groenlandia recordaron a existencia de terra ao oeste, e continuaron abastecéndose de madeira desde Markland. A última viaxe debeu ocorrer cara ao século XIV.

Durante moitos anos, dubidouse da autenticidade das sagas, ata que en 1837, o arqueólogo danés Carl Christian Rafn describiu os indicios de asentamentos viquingos en América do Norte. Na década de 1960 comprobouse a base histórica das sagas ao escavarse un asentamento viquingo en Leifbundir (L'Anse aux Meadows) en Terranova. Con todo, a localización exacta das terras descritas nas sagas aínda non está clara. Moitos historiadores identifican a Helluland coa illa de Baffin e a Markland coas costas do Labrador. A localización de Vinlandia é moito menos clara. Algúns pensan que os asentamentos de L'Anse aux Meadows son o asentamento de Vinlandia descrito nas sagas; outros, baseados en descricións nas sagas, consideran que Vinland debía ser un territorio moito máis cálido que Terranova, e sitúana máis ao sur. Aínda quedan incógnitas sobre a colonización viquinga en América que só serán resultas definitivamente de atoparse novas evidencias arqueolóxicas.[1][2]

Suposicións[editar | editar a fonte]

Algúns estudosos cren que os petróglifos de América do Sur son símbolos de escritura ao estilo da runas (por exemplo en Naza en Perú, Brasil, Paraguai e Córdoba (Arxentina) que mostran que os viquingos tiveron contacto coas poboacións locais. Tamén se considerou que outras runas atopadas en América do Norte (por exemplo as runas de Kensington, a Torre de Newport e os runas de Oklahoma) foron feitas por poboacións descendentes dos viquingos. Os runólogos de Escandinavia e outros países xeralmente non aceptan esta hipótese como proba da colonización de Escandinavia en América, senón que son máis ben unha proba da calidade e diversidade da arte prehistórica de América.

Existe un mapa viquingo de América do Norte, coñecido como o mapa de Vinlandia, cuxa idade é tema de debate. Considérase que foi elaborado a partir das exploracións e mostra posiblemente partes da costa de Groenlandia que estiveron cubertas de xeo durante os últimos 700 anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Discovering Vikings at L'anse aux Meadows, Centre for Distance Learning and Innovation, Newfoundland and Labrador, Canadá.
  2. 2,0 2,1 2,2 Wahlgren, Erik. Los Vikingos y América. 84-233-1915-6.
  3. Obxectos de manufactura viquinga achados en Anse-aux-Meadows[1]
  4. Artigo de Reidar Nydal, título: "A critical review of radiocarbon dating of a Norse settlement at L'Anse aux Meadows, Newfoundland, Canada", ano 1989, publicación: Radiocarbon, vol. 31, páxinas 976-985 [2]
  5. Descrición do lugar histórico de L’Anse aux Meadows (asentamento viquingo) na web da Unesco [3]
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Casariego Córdoba, Antón y Casariego Córdoba, Pedro (editores) (1988). La saga de los groenlandeses, Madrid: Ediciones Siruela, S.A.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Jones, Gwyn (1992). La saga del Atlántico Norte: establecimiento de los vikingos en Islandia, Groenlandia y América. Barcelona: Oikos-Tau, S.A. Ediciones.
  8. Hans Egede, Classic Encyclopedia
  9. Bobé, Louis (1952). Hans Egede: Colonizer and Missionary of Greenland. Copenhagen: Rosenkilde and Bagger.
  10. 10,0 10,1 Texto completo da saga de Erik o Vermello en Islandés e Inglés [4]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Wahlgren, Erik. Los Vikingos y América. 84-233-1915-6.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]