Colodión húmido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Colodión húmido é un procedemento fotográfico creado no ano 1851 por Frederick Scott Archer que supuxo un gran avance no desenvolvemento da fotografía. O método supón a utilización do colodión, unha especie de verniz que se aplica ás placas, sobre o cal se entende a emulsión química, así como unha placa de cristal transparente e pulida que permite a obtención de imaxes nítidas en negativo ou, incluso, positivo.

Chámase colodión húmido porque a placa ha de permanecer húmida durante todo o procedemento de toma e revelado das imaxes. Isto supuña que os fotógrafos tiñan que levar consigo o laboratorio fotográfico a fin de preparar a placa antes da toma e proceder a revelala inmediatamente. Xeneralizouse así o uso de tendas de campaña e carromatos reconvertidos en laboratorios para os fotógrafos que traballaban no exterior.

Outro dos grandes inconvenientes deste método era o da fraxilidade das placas de cristal empregadas como soporte, que en multitude de ocasións acababan raiadas ou rotas.

Co emprego deste procedemento conseguiuse reducir o tempo de exposición a un máximo de trece segundos e un mínimo dun segundo, o cal provocou unha diminución dos custos. Outra das grandes vantaxes era a estabilidade da emulsión empregada.

A súa xeneralización motivou o abandono do emprego doutros procedementos como o daguerrotipo ou o calotipo, á vez que supuxo a popularización do acceso ó mercado de imaxes de famosos por parte das clases obreiras.

Na década de 1870 o seu uso acabou sendo desprazado pola aparición da instantánea fotográfica e o carrete fotográfico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]