Colexio da Nosa Señora da Antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°31′5″N 7°31′W / 42.51806°N 7.51667°W / 42.51806; -7.51667

Situado na cidade de Monforte de Lemos, na Ribeira Sacra e construído en estilo herreriano a finais do século XVI, o colexio da Nosa Señora da Antiga é coñecido a miúdo como o Escorial galego, por ser unha das poucas manifestacións deste estilo nesta comunidade, caracterizado pola regularidade das súas formas e a sobriedade nos detalles.

Imaxe xeral do colexio

Índice

[editar] Historia

Está para sempre enlazado á figura do Cardeal Rodrigo de Castro, quizais o último gran príncipe eclesiástico do Renacemento, arcebispo de Sevilla e gran benfeitor de Monforte, a mais de mecenas e personaxe impoñente.

Cara ao ano 1598 o escultor Gregorio Español foi contratado para traballar nas obras do colexio.

O colexio foi Real Seminario de Estudos ata o ano 1773 e xermolo da universidade, ostentando ata sete cátedras nun momento no que esta non estaba aínda implantada na provincia. Orixinariamente foi rexentado polos xesuítas, mais a orde de expulsión de España mandou borrar todo símbolo existente que recordase a súa estancia no país, extremo que se pode constatar observando o espazo en branco que deixou o seu escudo tras ser retirado do retablo de Francisco de Moure. É rexentado na actualidade polos pais escolapios

[editar] Descrición

A partir de 1590 introdúcese en Galicia o coñecido como estilo Herreriano, escola valisoletana liderada polo arquitecto Herrera que difundiron unha visión particular do estilo clásico romano. A obra clave desta corrente renacentista en Galicia é este Colexio do Cardeal, do cal foron os seus autores os mestres arquitectos xesuítas Andrés Ruiz, Juan de Tolosa e Juan Bustamante, e coa intervención de Juan de Nates e Simón de Monasterio. Entre eles destacaron Tolosa e Nates, senlleiros discípulos de Herrera

O pai Andrés Ruiz foi o primeiro arquitecto da obra. Del só se sabe que fixo as trazas, que foron presentadas en 1592 para poxa-las contratas. Ao ano seguinte o substitúe Juan de Tolosa[1], ao que hai que atribuírlle o proxecto do templo, figura esencial do conxunto.

Para esta obra Juan de Tolosa cortou os patróns de cantaría e realizou os modelos dos elementos clásicos, segundo consta en documentos contemporáneos, correndo a realización material da construción aos mestres Diego de Isla, Juan de Cajigas ou Juan e Pedro de Sierra.

Coa igrexa no eixo de dous patios simétricos preséntase cunha fachada única para templo e edificio. Esta coa fachada da igrexa no medio ordénase en dous corpos superpostos. O corpo baixo é almofadado cunha composición decorativa en orde dórica de forte influencia italiana. No corpo superior coas súas pilastras xónicas ten unha orixe herreriana inequívoca. Quizais isto se debese á participación de dous mestres, Tolosa ou Bustamante na baixa e Nates na superior. Por último o remate superior exterior cunha galería afástase do estilo escurialense para achegarse a unha solución moi no estilo de Rodrigo Gil de Hontañón.

[editar] A Igrexa

Rodrigo de Castro, estatua orante

A igrexa do colexio é de planta de cruz típica das da Compañía, é dicir, cos brazos de cruceiro curtos, e co cruceiro coroado por unha gran cúpula de clásica beleza. A nave principal destaca polo seu tamaño, a ábsida rectangular e as capelas laterais unidas entre si compoñendo os seus muros interiores con grandes pilastras clásicas sobre as que corre un friso no que descansan as bóvedas de canón e de aresta das naves e as capelas. A orde utilizada foi a corintia.

Conta cun impresionante, en tamaño e beleza, retablo de madeira de nogueira sen pintar, esculpido por Francisco de Moure, o cal non puido acabar en vida e foi rematado polo seu fillo. Ao carón do retablo, podemos observar unha estatua orante do Cardeal Rodrigo de Castro, moi apreciada pola súa perfección e singularidade. A estatua, emprazada sobre os restos do Cardeal, ora enfrontada a un cadro que representa a Nosa Señora da Antiga; descubriuse que tralo cadro atopábase outra sepultura e diferentes estudos revelaron que se trataba da nai do Cardeal, Beatriz De Castro, "A Fermosa", III Condesa de Lemos.

[editar] O Colexio

O colexio conta con dous claustros, e parece estar inacabado na súa á oeste. Neles sitúanse os escudos dos condes de Lemos e dos Xesuítas. Só o apegado ao costado sur do templo é de estilo renacentista, e foi levantado en orde dórica por Simón de Monasterio xa no século XVII.

Debe destacarse tamén a escaleira monumental, construída entre 1594 e 1603. Atópase na á leste, e o seu deseño é particularmente interesante por estar construída sobre tres arcadas, sen apoios aparentes, que soportan trece, nove e trece chanzos cada unha. A escaleira, por dicilo así, esta "no aire", e sostense por mor dun coidadosamente calculado xogo de forzas. Os seus chanzos tamén son dignos de mención ao estar labrados nunha soa peza de granito de grande calidade. No chan pódese observar o debuxo da proxección da escaleira, trazado para a súa construción.

[editar] A pinacoteca ou Museo de Nosa Señora da Antiga

Patrimonio galego no exterior. A Adoración dos Magos, de Van der Goes.
San Francisco, obra do Greco.

Conta tamén cunha importante pinacoteca, na que destacan varias obras do Greco; un maxistral San Francisco, que semella preguntarse sobre a vida e a morte mentres sostén un cranio; segundo críticos e especialistas, estamos ante unha obra dunha grande calidade, que iguala ou ata supera a dos exemplares coñecidos do mesmo tema, constituíndo unha das obras cume do Greco. O San Lourenzo constitúe así mesmo unha obra moi apreciada, por ser un dos escasos cadros de devoción realizados polo pintor á súa chegada a Toledo, onde o adquiriu Don Rodrigo de Castro nos seus tempos de inquisidor.

Pódese contemplar tamén tres obras do pintor manierista italiano Andrea del Sarto. Do cadro da "Adoración dos Reis" de Van der Goes só queda unha copia, xa que foi vendido en 1913 ao museo Kaiser Frederik de Berlín por un millón duascentas mil pesetas, que permitiron finalizar as obras do colexio.

O museo tamén inclúe varios incunables, entre os que está o Libro da caza de aves, tratado de cetrería escrito por Pero López de Ayala durante o seu cativerio en Portugal.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Notas

  1. Tamén parece ser o autor dos contemporáneos Mosteiro de San Juan de Corias en Asturias e o ourensán de Montederramo

[editar] Véxase tamén

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas