Colexiata de Santa María de Vilafranca do Bierzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Colexiata de Santa María de Vilafranca do Bierzo
PaísEspaña
Coordenadas42°36′34″N 6°48′34″O / 42.609502777778, -6.8093944444444Coordenadas: 42°36′34″N 6°48′34″O / 42.609502777778, -6.8093944444444
DioceseDiocese de Astorga
Estiloarquitectura barroca
editar datos en Wikidata ]

A Colexiata de Santa María del Cluniaco, Coruniego ou Cruñego é un templo relixioso do concello de Vilafranca do Bierzo, na bisbarra do Bierzo (provincia de León). Ten a súa orixe nun mosteiro beneditino erixido no século XII, con hospedaxe anexa para atender aos peregrinos franceses que facían o camiño de Santiago. Os restos desta antiga abadía perdéronse, ocultos pola Colexiata moderna.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente tratábase dun mosteiro da orde de Cluny, doado (entre outros) pola raíña Urraca de León á devandita orde en 1110. Consérvase o documento no que o abade Hugo de Cluny lle agradece a Dona Urraca estas doazóns en nome da casa borgoñoa. Os cluniacenses impulsaron o rito romano. Durante o pontificado de Gregorio VII, o reino de León relacionouse coa Santa Sé a través dos legados, principalmente o Cardeal legado de Marsella, quen representaba o Papa no reino de León.

Dona Urraca recibiu axuda militar de Borgoña nas súas campañas. Os monxes de Cluny daban acollida aos peregrinos que facían o Camiño de Santiago, mentres que a partir de 1118 os cabaleiros da orde dos Templarios de Hugo de Payens e Godofredo de Saint-Adhemar lles ofrecían protección no seu camiñar.

A decadencia do mosteiro comeza a principios do século XIV unida ao declive das peregrinacións, e a principios do século XVI, se ben o mosteiro segue en pé, perdeu todo o seu esplendor material e espiritual. Por todo iso, en 1529, a instancias do entón vicerrei de Nápoles, don Pedro Álvarez de Toledo e Zúñiga, a abadía de monxes convértese en Colexiata de cóengos, procedéndose á súa reedificación con pretensións monumentais ao xeito das grandes basílicas romanas do Renacemento.

A Colexiata estivo gobernada por un Abade mitrado e 24 cóengos, cunhas 60 parroquias baixo a súa xurisdición. A finais do século XIX converteuse en parroquia da Asunción, dentro do bispado de Astorga; funcións parroquiais e dependencias que persisten na actualidade.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A Colexiata constitúe unha interesante mostra da arquitectura berciana do século XVI, aínda que a súa terminación se produza douscentos anos despois. O templo ten planta de salón, con tres naves e cabeceira poligonal de cinco lados iguais. O primeiro tramo é o cruceiro, que non sobresae en planta, pero si en altura; o segundo con dúas capelas laterais, que sobresaen en planta pero en alzada quedan a metade de altura das naves laterais, no centro do segundo tramo encadrado por catro grandes piares, encóntrase o coro capitular. O primitivo proxecto consideraba cinco tramos, pero os dous últimos non chegaron a construírse, quedando deste xeito un templo desproporcionado.

No seu interior, o templo destaca pola gran variedade de cubertas que van dende a bóveda poligonal con nervios da capela maior, ata as bóvedas de aresta estreladas máis ou menos complicadas que cobren a sancristía, e capelas, a cúpula sobre pendentes coroada por lanterna e nervación radial, na parte central do cruceiro, e a do coro radial con circunferencia no medio.

A torre ten varios corpos cúbicos con óculos no centro, o superior octogonal con catro ocos de arco de medio punto entre pilastras para as campás, por enriba do cal se levanta un pequeno templete con oito ocos, rematando o conxunto agulla e pequena esfera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bishko, Charles. «The Cluniac priories of Galicia and Portugal: Their Acquisition and Administration. 1075-ca.1230» Spanish and Portuguese Monastic History. 600-1300. pp. 305–357.
  • Lobato, Elena. «La religiosidad de una Reina: Doña Urraca»
  • Muñoz Fernández, Ángela «Las Mujeres en el Cristianismo Medieval. Imágenes teóricas y cauces de Actuación religiosa». Al-Mudayna, Madrid, 1989. p. 389 (pp. 378–393)
  • Falque, Emma. «Historia Compostellana»