Coco (drupa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cocos en Quintana Roo, México

O coco ou noz de coco é unha froita tropical obtida do coco ou coqueiro (Cocos nucifera), a palmeira máis cultivada a nivel mundial. As flores do Coco Nucifera son poligamomonoicas.[1] Ten unha casca exterior grosa (exocarpo) e un mesocarpo fibroso e outra interior dura, vilosa e marrón (endocarpo) que ten adherida a polpa (endospermo), que é abrancazada e recendente. Mide de 20 a 30 cm e chega a pesar 2,5 kg.

O principal produto exportado desde as distintas zonas de cultivo é a copra sen procesar, seguida do coco desecado. En certos países europeos, atopa a súa mellor saída o coco fresco. O mercado máis interesante tanto en Asia como en Europa e América do Norte é o da auga de coco envasada; de grande aceptación. Cómpre non confundir a auga de coco co leite de coco, xa que o leite de coco se obtén espremendo a polpa e a auga de coco se atopa naturalmente na súa cavidade interior.

O nome coco provén da era dos descubrimentos, pois os exploradores portugueses trouxérono a Europa e a súa superficie marrón e peluda lembráballes as historias sobre o Coco que se lles conta aos cativos para asustalos.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

O lugar de orixe do coco é un tema discutido, mentres moitos consideran que provén de Asia do Sur, concretamente do delta do Ganxes, disque provén do noroeste de América do Sur. Rexistros fósiles de Nova Zelandia indican que plantas semellantes máis miúdas medraron aló hai uns 15 millóns de anos. Tamén existen fósiles máis antigos descubertos en Kerala, Raiastán, Thennai en Tamil Nadu na tibeiras do Palar, Then-pennai, Thamirabharani, Río Kaveri e abas na fronteira de Kerala, Konaseema-Andharapradesh, Maharashtra (todo isto na India) aínda que os máis antigos coñecidos proveñen de Khulna, en Bangladesh.

Os cocos son mencionados no poema Mahawamsa de Sri Lanka do século II ao I a. C. O posterior Culawamasa di que o rei Aggabodhi I (575608) plantou un xardín de coqueiros de tres ioxanas de longo, probabelmente a primeira plantación de cocos rexistrada.

Variedades[editar | editar a fonte]

Propio das illas de clima tropical e subtropical do océano Pacífico, a cultura espallouse por América Central, o Caribe e a África tropical. Os tipos de coqueiros clasifícanse en xigantes, ananos e híbridos e, dentro de cada grupo, existe un gran número de variedades.

  • Xigantes: empréganse para a produción de aceite e os froitos para consumo fresco. O seu contido en auga é elevado e o seu sabor pouco doce. Salienta o tamaño do froito e o contido elevado de copra. As variedades xigantes máis cultivadas son: Xigante de Malaisia (GML), Xigante de Renell (GRL) de Tahití, Xigante do Oeste Africano (GOA) de Costa do Marfil, Alto de Xamaica, Alto do Panamá, Indio de Ceilán, Xava Alta, Lagoa, Alto do Sudán etc.
  • Ananos: as variedades máis cultivadas son Amarelo de Malaisia (AAM), Verde do Brasil (AVEB) de Río Grande do Norte, Laranxa Anana da India. Debido ao bo sabor da auga e o pequeno tamaño destes cocos, empréganse fundamentalmente para a produción de bebidas envasadas. A copra é de má calidade.
  • Híbridos: produto do cruzamento entre as anteriores variedades. Son froitos de tamaño mediano ou grande, bo sabor e bo rendemento de copra. O híbrido máis cultivado é MAPAN VIC 14; un cruzamento entre Anano de Malaisia e Alto de Panamá ye Colombia, especificamente Sabaneta.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Colleita[editar | editar a fonte]

A colleita do coco varía segundo o tipo de produción, sobre todo de febreiro a xullo. Se se comercializa como froita fresca ou se destina á industria con fins de envasar auga, a colleita efectúase cando o coco ten entre 5 e 6 meses. Nesta época o contido de azucre e auga é moi elevado e o sabor é máis intenso. De todos os xeitos, sexa coco seco ou coco maduro ten unha capacidade de gran duración maior sen necesidade de ningún tipo de refrixeración, a diferenza dos cocos frescos, que duran varios días (ou un mes), antes de madurecer (ou facerse secos).

Se se destina á produción de coco relado, deshidratado ou copra para a extracción de aceite, a colla realízase cando os cocos caen no chan ou cando un dos cocos dun acio está secos. O coco relado é utilizado como cobertor ou ingrediente para pasteis ou tortas. Estes cocos secos permanecen na planta durante 12 meses.

Produción mundial[editar | editar a fonte]

Indonesia lidera a produción mundial de cocos no ano 2012, seguida de Filipinas e a India.

Listaxe dos 12 principais produtores de coco o ano 2012
País Toneladas Nota ao pé
Indonesia 18 000 000 F
Filipinas 15 862 386 P
India India 10 560 000 P
Brasil 2 888 532 P
Sri Lanka 2 000 000 F
Vietnam 1 250 000 F
Tailandia 1 100 000 F
México 1 050 000 F
Papúa Nova Guinea Papúa Nova Guinea 900 000 F
Malaisia 585 000 F
Tanzania Tanzania 580 000 F
Myanmar 430 000 F
Mundo' 59 983 908 A
Sen letra = dato oficial, P = dato ofical, F = estimación FAO, * = Inoficial, semioficial, C = dato calculado, A = Agregatdo (pode incluír oficiais, semi-oficiais ou aproximacións),

Fonte: Food And Agricultural Organization of United Nations: Economic And Social Department: The Statistical Devision Cocoteros S.A

Alimentación[editar | editar a fonte]

Un coco usado como recipiente para bebidas.

Debe ser caracteríisticamente aromático coma o melón, aínda que menos forte que este. Se non se escoita a auga no seu interior ao axitalo, é porque o coco está máis que seco, pasado de maduro ou seco, pouco útil, só quizabes coma semente de coqueiro. En ditas condicións a polpa adoita estar rancia. O coco consérvase por dous meses. Despois de aberto, tense que consumir o mesmo día ou gardarse nun recipiente tapado con auga, non máis de cinco días. O coco relado cónservase dous días nunha saqueta de plástico fechada.

Preparación[editar | editar a fonte]

O coco acostuma venderse en Galiza nas froitarías enteiro. Nalgúns lugares de España véndese pelado nas feiras. Para tirar a auga cómpre furar un dos tres "ollos" que ten nun dos extremos coa punta dun coitelo ou un desaparafusador, baléirase a auga nun recipiente, é potábel e moi saborosa. Para tirar a polpa un método sinxelo é envolver o coco nun pano groso e batelo no chan até crebar. Se o coco é moi tenro, añgunhas persoas recomendan metelo no forno por uns 15 minutos a 200 Celsius, até que se escoite un ruído, como un método para que se desprenda con facilidade a polpa. Se non está moi seco o coco, a pela marrón que recobre a polpa é suave e se pode comer.

O coco contén graxa que resulta algo indixesta se se abusa, tanto da polpa, o leite e a auga de coco.

Polpa madura
Pódese consumir crúa, enteira ou relada; ou ben asada, formando parte de diversas preparacións culinarias.

Polpa xelatinosa: obtense dos cocos aínda verdes. Cómse cunha culler, unha vez aberto o coco. Contén os mesmos nutrientes que o coco maduro mais en menor concentración.

Auga de coco
A auga de coco atópase na cavidade central e posúe un sabor máis peculiar e único que o leite de coco.
Leite de coco
O leite obtense espremendo a polpa do coco unha vez esmagada. Pódeselle engadir auga ou leite e se toma coma refrixerante ou se engade a batidos de froitas ou outros pratos. O coco constitúe un ingrediente básico na cociña exótica e no curry asiático, suaviza o sabor das pementos picantes.
Manteiga de coco
Moi apreciado nas cociñas orientais, coñécese tamén coma santen ou santan.
Aceite de coco
Extráese da copra ou polpa seca de coco, utilízase na elaboración dalgúns produtos de repostaría industrial envasada e petiscos polo seu baixo custo e bo resultado.
Arroz con coco
Tuba (bebida)
Bebida alcólica
Coco relado
Sécase, rélase e espállase por riba de pasteis e tortas.

Propiedades nutritivas[editar | editar a fonte]

Composición por 100 g
de porción comestible
Calorías 351
Graxas (g) 36
Glícidos (g) 3,7
Fibra (g) 10,5
Potasio (mg) 405
Magnesio (mg) 52
Vitamina E (mg) 0,7
Vitamina C (mg) 2
Ácido fólico (mcg) 26
mcg = microgramos

A composición do coco varía a medida que este madurece. A graxa constitúe o principal compoñente trala auga e é rica en ácidos graxos saturados (88,6% do total), polo que o seu valor calórico é o maior de todas as froitas. Aporta unha baixa cantidade de glícidos e menor aínda de proteínas. Así mesmo, o coco é rico en sales minerais que participan na mineralización dos ósos (magnesio, fósforo, calcio) e en potasio. En canto a outros nutrientes, salienta a súa achega de fibra, que mellora o tránsito intestinal e contribúe a reducir o risco de certas alteracións e doenzas. O magnesio relaciónase co funcionamento de intestino, nervios e músculos, forma parte de ósos e dentes, mellora a inmunidade e posúe un suave efecto laxante. O fósforo participa no metabolismo enerxético. O potasio é necesario para a transmisión e xeración do impulso nervioso, para a actividade muscular normal e intervén no equilibrio de auga dentro e fóra da célula. Salienta ademais o seu contido de vitamina E, de acción antioxidante e de certas vitaminas hidrosolúbeis do grupo B, necesarias para o bo funcionamento do organismo. Ten ademais alto contido en fibra, que mellora o estrinximento e contribúe a reducir as taxas de colesterol en sangue e ao bo control da gliucemia (niveis de azucre no sangue) na persoa que ten diabetes. Polo seu alto valor enerxético, deben moderar o seu consumo as persoas que teñen exceso de peso e pola súa elevada achega de potasio, non se aconsella a quen ten insuficiencia renal e require dunha dieta controlada en dito mineral.

O coco é un froito moi recendente e de sabor intenso e agrádabel. Tendo en conta as súas propiedades nutritivas, o seu consumo ocasional e en cantidades moderadas, considérase axeitado para todos os segmentos da poboación sa: nenos, mozos, adultos, deportistas, mulleres grávidas, nais lactantes e persoas maiores.

A auga de coco, canto menos maduro estea o froito máis abundante será e tamén máis rica en nutrientes. Considérase unha bebida isotónica natural, sendo moi apreciada nos países tropicais onde se toma directamente do froito cunha palla.

A copra dá unha graxa cun 65% de aceite. Por saponificación e hidroxenación obtense manteiga e aceite de coco (graxas hidroxenadas e saturadas).

Outros usos[editar | editar a fonte]

Sección dun coco maduro.

Aplicacións do coco:

  • Industria: a copra úsase como materia prima para a extracción de aceite de uso alimenticio e en produtos de hixiene corporal e cosmética. O óso que cobre a copra emprégase para producir carbón e carbón activado ou como combustíbel para caldeiras.
  • Gandaría: a fariña de coco é un subproduto da extracción do aceite e se usa como alimento para o gando. As follas empréganse coma forraxe para o gando vacún en épocas de escaseza.
  • Agricultura: o po da estopa úsase en solos areentos xa que mellora a retención de auga e a textura do solo. Ademais, os produtos residuais da extracción do aceite utilízanse para preparar fertilizantes orgánicos. A fibra de coco pode usarse coma substrato hortícola alternativo na hidroponía (cultivo sen solo).
  • Construción: a madeira do coqueiro emprégase para a fabricación de casas, pontes e granxas e as palmas, en teitos. Coa casca do toro tamén se elaboran mobles.
  • Artesanía: as palmas úsase facer cestas, sombreiros, alfombras etc. A cuncha emprégase para fabricar botóns, culleres, enfeites etc. A fibra, resistente á auga de mar, utilíza para cables e aparellos de naves, facer cobertores e bolsos ou incluso vasoiras e cepillos.
  • Medicina: pola súa potencial acción antiséptica e diurética, en moitos países tropicais emprégase coma menciña contra a asma, a bronquite, contusións, queimaduras, estrinximento, disentería, tose, febre, gripe etc. O coco posúe todos os minerais esenciais e posúe tamén moitos oligoelementos polo que é vital para a axuda a restablecer a saúde ou axudar a mantela[3]
  • Ecoloxía: a presenza destas árbores contribúe á regulación do microclima e á protección dos solos nos seus hábitats.
  • Paisaxismo: os coqueiros constitúen as paisaxes costeiras tropicais e embelecen as praias.
  • Xardinaxe: nas rúas ou coma plantas de interior; tamén coa madeira do tronco fanse testos e vasos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 21ajoy. "Origination of Coconut Tree- AdarshTrader" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2021. Consultado o 2021-12-05. 
  2. pg481
  3. [Diccionario de plantas medicinales. ISBN 978-84-941386-1-4. Autor: José Antonio Sánchez. Editorial [1]Arquivado 07 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Ta-BooK]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]