Club Vigo Voleibol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


O Club Vigo Voleibol é un equipo profesional de voleibol da cidade de Vigo. Na actualidade compite na máxima categoría, a Superliga. Xoga os seus partidos no polideportivo de Coia de Coia. O seu adestrador é Flavio Calafell.

Historia[editar | editar a fonte]

O Club Vigo de Voleibol foi fundado en 1969 no seo do Colexio dos Hermanos Maristas de Vigo "EL Pilar", formado exclusivamente por alumnos do centro.

O primeiro ascenso da súa historia á División de Honra produciuse en 1971, situándose entre os mellores equipos do estado español durante a tempada 1971-1972. Na tempada seguinte viuse obrigado, por problemas económicos a renunciar á máxima categoría, mais ascendeu novamente en 1973. Finalizada a tempada, outra vez a falla de medios económicos leva ao club a renunciar á máxima categoría.

En 1975 acadou o ascenso outra vez á máxima categoría baixo o patrocinio da empresa M. RIEGO VIGO', que se mantén durante cinco tempadas. Ao longo desas cinco tempadas conseguiu moitos éxitos deportivos, cunha plantilla formada unicamente por xogadores viguesas, entre os que destacaron cinco de eles que serían internacionais: Emilio Vallina, José Miguel Fuentes, Camilo Rodríguez, Eduardo Fernández e Ricardo Collazo. Este equipo disputou por primeira vez a final da Copa do Rei en Burgos. Por outra banda, o equipo feminino proclamouse Campión da Copa da Raíña en Sevilla.

Pasadas esas cinco tempadas, novos problemas económicos levaron ao club a renunciar á súa participación na División de Honra, á vez que provocaban a desaparición do equipo feminino.

A pesar das dificultades, a xunta directiva seguiu traballando coa canteira, traballo que dou os seus froitos na tempada 1983-84, cando o equipo se proclamou Campión da Segunda División española sen ter perdido ningún encontro, o que fai que o equipo galego dispute a máxima categoría na tempada 1984-85.

Outra vez a falla de medios económicos obriga ao primeiro equipo a renunciar á súa participación na máxima categoría e ademais levan ao club a reestruturar as categorías inferiores das que se viña nutrindo.

En 1992 logrou un novo éxito deportivo ascendendo novamente á División de Honra na fase de ascenso disputada en Lleida.

A partir dese momento, e co patrocinio da empresa láctea LARSA, a entidade consigue os maiores éxitos da súa historia.

A tempada 1993-94 supuxo o relanzamento do club olívico e do seu primeiro equipo, que chega a disputar a final da Copa do Rei, clasificouse no cuarto lugar na Liga española, e clasificouse ademais para xogar nunha Competición Europea, fito que sucedía por primeira vez na historia do Voleibol Galego.

Durante este novo período de éxitos, algúns xogadores da plantilla viguesa son chamados para xogar coa selección española. Neste contexto destaca o Subcampionato de Europa Junior, no que participaron Jorge de la Fuente, Enrique de la Fuente e Luis Iglesias, tres xogadores que seguen sendo chamados a completar la plantilla das distintas seleccións españolas.

O primeiro equipo deixa de xogar no Pavillón de As Travesas para pasar ao Pavillón Municipal de Coia, onde disputa os seus encontros na actualidade.

Dende esa tempada ata a actualidade, o primeiro equipo logra novos éxitos, clasificándose para xogar as finais da Copa do Rei celebradas en As Palmas (dúas veces), Almería e Soria, ademais de acadar o cuarto posto na clasificación final das distintas ligas.

Na tempada 2003-04, os problemas económicos seguen sendo moi graves, ata que intervén a empresa viguesa Valery Karpin S.L. salvando ao equipo da súa posible desaparición. A partir dese momento a denominación de tódolos equipos do club pasa a ser Vigo Valery Karpin.

No 2008 acada o subcampionato da Copa do Príncipe e, no 2010 o campionato da mesma, mesmo ano no que recuperou a súa praza na máxima categoría[1].

Palmarés[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]