Club Bizcaya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Equipo do Bizcaya que se proclamou campión da Copa Coroación en 1902.

O Club Bizcaya é o nome dun equipo de fútbol combinado entre o Athletic Club e outros clubs de Bilbao (Biscaia) que se uniron en 1902 e 1907 para tomar parte na Copa do Rei de fútbol.

Ambos eran combinados de diferentes clubs de fútbol bilbaínos e tiveron significativas participacións na Copa do Rei:

  • Bizcaya de 1902. Combinado entre o Athletic Club e o Bilbao Football Club. Proclamaríase campión da Copa da Coroación. Ao ano seguinte o Athletic Club absorbería ao Bilbao FC.

Historia[editar | editar a fonte]

Bizcaya de 1902[editar | editar a fonte]

A principios do século XX había dous clubs de fútbol na cidade de Bilbao, o Bilbao Football Club que fora fundado en 1900 e o Athletic Club nacido en 1898. Ambos os clubs mantiñan boas relacións e dedicábanse a xogar amigables entre si, durante 1901 e 1902.

Para afrontar o seu primeiro desafío ante un equipo estranxeiro, o Athletic e o Bilbao FC decidiron formar un combinado de xogadores de ambos os equipos. O combinado foi chamado Bizcaya e enfrontouse o 9 de marzo de 1902 ante o Burdigala en Bordeos, derrotando aos locais por 2-0. O 31 de marzo os franceses devolveron a visita aos bilbaínos e o Bizcaya impúxose por 7-0.

En maio organizouse en Madrid a Copa da Coroación, un torneo a nivel nacional para celebrar a maioría de idade e a coroación do rei Afonso XIII. Dado o éxito que supuxera a colaboración entre Athletic Club e Bilbao FC, durante os amigables ante o Burdigala, os dous clubs decidiron acudir ao torneo de Madrid repetindo o combinado.

Así foi como o Bizcaya, xunto ao FC Barcelona, o Español de Barcelona, o New-Football de Madrid e o Madrid FC, tomou parte neste torneo de 1902. Non puido ser máis exitosa a participación dos biscaíños no torneo, xa que golearon por 5-1 ao Español, 8-1 ao New-Football e 2-1 ao Barcelona adxudicándose o Trofeo. Era o 15 de maio de 1902. A aliñación do Bizcaya estaba formada por L.Arana, Careaga, Larrañaga, L.Silva, Goiri, Arana, Cazeaux, Astorquia, Dyer, R.Silva e Evans. Astorquia e Cazeaux marcaron os goles dos biscaíños na final.

A Copa da Coroación foi o primeiro torneo de fútbol a nivel nacional disputado en España. En principio non tiña vocación de perdurar, xa que se consideraba un festexo conmemorativo puntual. O éxito que supuxo, fixo que ao ano seguinte organizásese a Copa do Rei, xa con carácter periódico anual e vocación de perdurar no tempo. Debido a este feito xeralmente considérase á Copa da Coroación como a primeira edición da Copa do Rei, aínda que a Federación Española de Fútbol non a ten recoñecida como tal. O Bizcaya adxudicouse o trofeo en propiedade.

A comezos de 1903 tanto o Bilbao FC, como o Athletic Club pasaban por dificultades económicas. O 29 de marzo celebrouse unha asemblea conxunta de ambos os clubs, na que se decidiu fusionalos. O Bilbao FC foi absorbido polo Athletic Club, a partir de entón comezóuselle a chamar popularmente Athletic Club de Bilbao, aínda que o nome oficial seguiu sendo Athletic Club.

Pódese considerar polo tanto ao Bizcaya como o precursor histórico do Athletic Club. A Copa da Coroación está gardada na sala de trofeos do Athletic e este conta esa Copa como parte do seu palmarés.

Bizcaya de 1907[editar | editar a fonte]

En 1907, para participar na Copa do Rei, o Athletic Club decide reeditar a fórmula de 1902 e forma un combinado con outro equipo bilbaíno, o Unión Vizcaíno. O combinado entre Athletic Club e Unión Vizcaíno resucita o nome de Bizcaya.

O torneo disputouse en formato de liguiña clasificándose os dous primeiros para a final. Na liguiña o Bizcaya venceu ao Madrid (3-2), Salamanca TFB (5-0), e Recreativo de Huelva (4-0), perdendo ante o Vigo FC por 2-1. Clasificouse para a final ante o Madrid FC, pero o Bizcaya foi derrotado por 1-0.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]