Clitelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O clitelo é unha estrutura tegumentaria glandular característica dos anélidos Clitelados. É un área glandular máis ou menos ampla en forma de anel completo (case sempre) que abarca un número determinado de segmentos contiguos (de dous a varias decenas). Esta área glandular non é visíbel durante toda a vida do animal, xa que logo se desenvolve cando o verme acada a madurez sexual ou nos períodos reprodutivos.

O seu espesor varía dunhas especies a outras e a súa posición no corpo do animal é tamén variábel aínda que se sitúa na zona dos poros xenitais femininos ou máis atrás.

A súa función está relacionada coa reprodución e intervén tanto na unión dos individuos durante o emparellamento (mediante a secreción de moco), como na formación do casulo e a elaboración dos fluídos que van nutrir á posta do seu interior. Esta substancia alimentadora da posta é albumina e se forma na capa máis fonda do clitelo, a capa albuminóxena.

O casulo, unha vez formado, sairá pola parte anterior do animal que provocará grandes ondas de contracción muscular para tal fin. Os óvulos e os espermatozoides son descargados no interior dos casulos ao seu paso por cadanseu poro xenital (xa gonoporos femininos, xa poros espermatecais) no caso dos oligoquetos. No caso dos hirudíneos, o que se deposita no interior do casulo son os cigotos.