Cleptoparasitismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Larus occidentalis perseguindo a un Thalasseus elegans para quitarlle a súa presa

O cleptoparasitismo (literalmente, parasitismo por roubo) é unha forma de alimentación onde un animal se aproveita de presas ou alimentos que outro animal capturou, apañou ou matou, incluíndo os alimentos almacenados (como no caso das abellas cuco, as cales poñen os seus ovos nas masas de pole feitas por outras abellas). O cleptoparasitismo é tamén o "roubo" de materiais do niño ou outros obxectos inanimados dun animal por outro.

O cleptoparasito gaña tanto por obter a presa ou outro obxecto que non pode obter, ou por aforro do tempo e o esforzo requirido para obtelo.

O cleptoparasitismo pode ser intraespecífico, onde o parasito é da mesma especie cá súa vítima, ou interespecífico, onde o parasito é de diferente especie. No derradeiro caso os parasitos son comunmente de parentesco próximo co organismo ao que parasitan ("regra de Emery").

Os animais que teñen métodos de alimentación extraordinariamente especializados a miúdo son afectados por cleptoparasitismo. Por exemplo, as gabitas son capaces de algo infrecuente: abrir as cunchas de ameixas; as gabitas adultas sofren cleptoparasitismo intraespecífico de parte dos xuvenís que aínda non son sufucientemente fortes ou hábiles como para abrir ameixas de xeito doado. As aves mergulladoras que traen á superficie as súas presas sofren cleptoparasitismo interespecífico de parte de gaivotas, as cales son incapaces de atrapar por si mesmas peixes do fondo mariño.