Claudio Abbado

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Claudio Abbado
Claudio Abbado en 2012.
Nome completoClaudio Abbado
Data nacemento26 de xuño de 1933
Nado enMilán, Reino de Italia
Falecemento20 de xaneiro de 2014
Boloña, Italia Italia (80 anos)
 Boloña
Causadoenza
CónxuxeGiovanna Cavazzoni
FillosDaniele Abbado
IrmánsMarcello Abbado
OcupaciónDirector de orquestra.
XéneroÓpera e música sinfónica.
Relacionado conBerliner Philharmoniker, Teatro alla Scala, London Symphony Orchestra, Wiener Staatsoper
Tempo en activo1960 - 2014.
Na rede
IMDB: nm0007798 Spotify: 6HclTVD03WSY6GUpN16BkP iTunes: 322685 Musicbrainz: 39e84597-3e0f-4ccc-89d2-6ee1dd6fb050 Songkick: 508590 Discogs: 368137 Allmusic: mn0000760782 WikiTree: Abbado-1 Find a Grave: 123787437 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Claudio Abbado, nado en Milán o 26 de xuño de 1933 e finado en Boloña o 20 de xaneiro de 2014,[1] foi un director de orquestra italiano. En 2013 foi nomeado senador vitalicio no Senado de Italia.[2] Abbado estivo á fronte de catro das institucións máis importantes da música europea, o Teatro alla Scala de Milán, a London Symphony Orchestra, a Wiener Staatsoper, e a Berliner Philharmoniker.[3] O seu interese por formar e achegar a música clásica á xente nova materializouse en proxectos como a European Union Youth Orchestra en 1978 ou a Gustav Mahler Jugendorchester en 1986.[4][5] Abbado destacou tamén pola difusión da música contemporánea, especialmente do compositor italiano Luigi Nono, de quen estreou varias obras.[6]

Abbado foi considerado por moitos, xunto con Riccardo Muti, un dos sucesores da tradición italiana encarnada por Arturo Toscanini e Victor de Sabata.[7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Claudio Abbado naceu en Milán en 1933 no seo dunha familia de músicos. Seu pai, Michelangelo Abbado, era mestre de violín no prestixioso Conservatorio "Giuseppe Verdi" da capital lombarda, e posteriormente director adxunto desta institución; súa nai, Maria Carmela Savagnone, era pianista e escritora infantil; seu irmán máis vello, Marcello Abbado, é pianista e compositor, e foi director do conservatorio milanés entre 1973 e 1996.[8] Abbado tiña outros dous irmáns: Luciana Abbado Pestalozza, fundadora do Festival MilanoMusica, e Gabriele Abbado, arquitecto.

A súa vocación musical chegou a unha idade moi curta, como lembraba nunha entrevista a La Symphonie des chefs:

Eu tiña sete anos; estabamos ás portas da guerra cando asistín, grazas a meu irmán, ao primeiro concerto da miña vida: foi dado en La Scala por un grande artista, Antonio Guarnieri, que dirixía os tres Nocturnes de Claude Debussy. Cando, en "Fêtes", o segundo movemento, escoitei as trompetas e as madeiras, sentín un golpe máxico, inesquecible. Coa miña inxenuidade infantil pensei: "Un día, ti tamén, serás capaz de crear esas fabulosas harmonías". Esta revelación convertérase nunha irresistible vocación. Hoxe aínda, adícolle a Debussy unha admiración sen límite: eu hoxe en día tal vez non chegaría a ser o que son sen "Fêtes".

— Entrevista de Claudio Abbado por Robert Parienté en 2002, en La Symphonie des chefs.[9]

De pequeno presenciou a moitos grandes músicos do seu tempo, e lembraba como odiaba ver a Toscanini nos ensaios: "Era horrible para as súas orquestras, todos eses berros".[3] Porén a súa infancia estivo marcada pola ditadura de Mussolini e a segunda guerra mundial no seo dunha familia antifascista que realizou actos de resistencia ao réxime. En 1944, durante a Guerra, súa nai foi prendida e torturada por axudar unha familia xudía a escapar da deportación, ademais seu pai, que tocaba na radio, foi acusado de colaboracionismo.[10][11] O propio Claudio escribiu nunha parede dun edificio público "Viva Bartók", o que motivou que a Gestapo fose na busca do "partidario de Bartók".[3]

Estudos e debut[editar | editar a fonte]

Fachada do Conservatorio Giuseppe Verdi de Milán.

Recibiu as súas primeiras leccións de música da man de seu pai, quen lle ensinou a el e a seu irmán. Aínda que seu pai esperaba que Claudio elixise unha carreira máis doada e lucrativa que a esixente, frustrante e frecuentemente mal pagada profesión de músico, grazas á axuda de súa nai, o xove Claudio conseguiu convencelo para que puidese estudar música, o que comportou grandes sacrificios económicos á familia.[11] Aos 16 anos ingresou no conservatorio milanés, onde estudou piano (a súa man abarcaba 14 notas),[11] composición e dirección orquestral con Carlo Maria Giulini.[12][13][14][15] Durante o tempo de estudos no conservatorio milanés, Abbado comezou a tocar o órgano en varias igrexas para gañar algúns cartos, como posteriormente lembraba:[11]

Sempre tocaba Bach, o compositor co que máis profundamente me identificaba na época. E como sabía moi pouco sobre a misa ou canto tempo tiña que tocar, tocaba e tocaba as miñas pezas favoritas, ata que un día a xente se enfadou porque estaba desexando irse á casa e me interrompeu na metade dun Sanctus.

Aos 18 anos tocou e dirixiu dende o teclado un concerto para piano de Bach na casa de Toscanini, e ao ano seguinte remataba a carreira de piano.[11] En 1955 graduouse no Conservatorio "Giuseppe Verdi" de Milán.[16] Posteriormente trasladouse a Siena, onde continuou a súa formación como director nos prestixiosos cursos de verán da Accademia Musicale Chigiana, onde coñecería ao director indio Zubin Mehta, que estudaba dirección en Viena e que se convertería nun grande amigo seu.[11] Mehta faloulle cun grande entusiasmo das clases de dirección e do seu mestre Swarowsky, o que animou a Abbado a trasladarse a Viena ao considerar que xa aprendera todo o que podía aprender en Italia, se ben xa recibira clases de piano en Salzburgo con Friedrich Gulda.[11] Finalmente, e grazas a dúas bolsas de estudos que gañou para dous anos consecutivos de 1956 a 1958, Abbado trasladouse a Viena, onde estudou co director austríaco Hans Swarowsky na Universität für Musik und darstellende Kunst Wien da capital austríaca.[17] Outra influencia moi destacable na formación de Abbado como director foi a asistencia aos ensaios dos grandes directores da época, nos que se coaba xunto con Mehta.[18]

Tras gañar a Serge Koussevitzky Competition no Tanglewood Music Festival (Estados Unidos) por diante de Zubin Mehta en 1958, xurdíronlle numerosos compromisos para dirixir óperas en Italia, debutando como director en Trieste.[19] Despois declararía:

Tiña medo de ser eliminado rapidamente; fronte ao xurado, estaba moi contraído; non me liberei ata que me puxen diante do público. Durante esta primeira visita aos Estados Unidos puiden, en Boston, ver a Pierre Monteux e Charles Munch, cuxa arte moi persoal me influíu: así eles interpretaron obras de Claude Debussy.[9]
Claudio Abbado en 1965.

Dende ese momento o éxito da súa carreira, tanto como director sinfónico como operístico, foise incrementando, se ben ao seu regreso a Europa ensinou música de cámara en Parma. Nestes inicios como director comezou dirixindo diversas orquestras na súa Italia natal, antes de aceptar invitacións de orquestras estranxeiras na segunda metade dos anos 60.[20][21] Non foi ata 1960 cando Abbado debutou na súa cidade natal, Milán, no emblemático Teatro alla Scala con motivo do tricentenario do nacemento de Alessandro Scarlatti.[13][22]

En 1963, despois de dous anos como profesor, gañou en Nova York o Dimitri Mitropoulos Prize para directores, o que lle permitiu traballar durante cinco meses como axudante de Leonard Bernstein na New York Philharmonic.[3][23][24] Porén, a oportunidade de Abbado non chegou ata 1965, cando tras escoitalo dirixir á Radio-Symphonie-Orchester Berlin, debutaba coa Wiener Philharmoniker nun concerto do Festival de Salzburgo por invitación de Herbert von Karajan.[20] Ese mesmo ano foi o seu debut británico coa Hallé Orchestra en Manchester.[17] O 20 de outubro de 1966 no Royal Festival Hall debutou coa London Symphony Orchestra (orquestra á que volvería en 1968 para participar no Proms nun programa con obras de Gustav Mahler, Maurice Ravel e Modest Mussorgsky),[3][25] e ao ano seguinte facíao á fronte da Berliner Philharmoniker.[26]

La Scala[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Teatro alla Scala.
O Teatro alla Scala de Milán.

En 1968, despois dunha nova aparición no Festival de Salzburgo dirixindo a produción de Jean-Pierre Ponelle de Il barbiere di Siviglia, Abbado era designado director permanente do Teatro alla Scala de Milán, un posto difícil e esgotador que poría de manifesto, non só o seu valor como director senón a súa capacidade para forxar orquestras de primeira categoría. Posteriormente ocuparía consecutivamente os cargos de director musical (1971), e director artístico e musical (entre 1977 e 1979).[27][28]

Chegou daquela, con 35 anos, o seu primeiro contrato como director permanente, antes de ser nomeado director musical en 1971. Os seus vínculos políticos e locais eran valiosos en Milán, onde os sindicatos eran omnipresentes e onde seu irmán Marcello dirixía o Conservatorio. A xubilación do antigo superintendente Antonio Ghiringhelli deixou o camiño aberto á toma de posesión con outros dous "radicais": Paolo Grassi (intendente) e Massimo Bogianckino (director artístico). Chegaba deste xeito o momento para o cambio: modificou profundamente a organización dos programas, ampliando o repertorio aos compositores do século XX (concertos Musica del nostro tempo), alongando a tempada, e baixando os prezos das entradas. Abriu o teatro durante as seis semanas de peche anual para presentar de xeito gratuíto óperas filmadas aos obreiros, estudantes, escolares que descubriron a ópera, e mesturando de forma natural a Beethoven coa música contemporánea, e permitindo o acceso ao teatro a un público totalmente novo, grazas tamén á adopción dunha política de entradas baratas.[29] Coa orquestra, ofreceu concertos en fábricas, universidades, escolas superiores, tanto en Milán como noutras cidades como Reggio Emilia (talleres Musica/realtà).[9][10][30]

En 1977, despois da marcha de Grassi á RAI, Abbado foi nomeado director artístico e musical, sendo Grassi substituído por Carlo Maria Badini.[28] Posteriormente, en 1979, Abbado deixou a dirección artística, mantendo a dirección musical. Permaneceu neste cargo ata 1986, ano no cal abandonou La Scala, en maio, cunha "Homenaxe a Debussy" xunto co coreógrafo Maurice Béjart,[31] deixando o seu posto ao napolitano Riccardo Muti. Deixaba deste xeito o teatro milanés logo de ter conseguido musicalmente a mellora da súa orquestra e a inclusión do repertorio sinfónico, así como a ampliación do repertorio operístico do teatro, engadindo aos títulos máis destacados do século XX obras contemporáneas como Le Grand Macabre de György Ligeti, Paradise Lost de Krzysztof Penderecki, Donnerstag aus Licht de Karlheinz Stockhausen, ou a ópera de Luigi Nono Al gran sole carico d'amore, encargada especialmente para La Scala.[28]

En 1982 fundou a Filarmonica della Scala, unha orquestra independente do teatro que se encarga da tempada sinfónica do mesmo.[27][32] Ademais, durante o seu período no coliseo milanés fundaría tres institucións para promover a música entre a xente nova e impulsar a súa formación: a European Community Youth Orchestra (1978), a Chamber Orchestra of Europe (1981) e a Gustav Mahler Jungendorchester (1986).

Milán, Londres e Viena[editar | editar a fonte]

En 1979 convertíase no 12º director principal da London Symphony Orchestra (LSO), sucedendo no cargo ao alemán André Previn, e compaxinando este posto co que xa tiña. Anteriormente Abbado xa estivera vinculado á orquestra británica, onde ostentou o cargo de Principal Director Convidado entre 1975 e 1979.[25]

Ao pouco tempo da súa chegada á LSO, a orquestra foi convidada a ser a orquestra residente do aínda por finalizar Barbican Centre de Londres, onde puido acadar a estabilidade que lle faltara nos seus 75 anos de historia e que crearía unha audiencia fiel. Coa orquestra londiniense realizou numerosas xiras arredor do Reino Unido, e unha xira mundial que a levou aos Estados Unidos, Australia ou Xapón. Entre as iniciativas que Abbado levou a cabo coa LSO salientan os festivais temáticos de concertos relacionados denominados Mahler, Vienna and the Twentieth Century (1985) que examinan a noción de Viena como impulsora do modernismo artístico e musical, organizando tamén en 1983 o Webern Festival, e ao ano seguinte un ciclo sobre Beethoven.[25] Estes festivais puxeron á LSO e ao Barbican Centre no centro da atención internacional polo comezo desta sociedade. Porén, a Xunta da orquestra expresou as súas inquedanzas polos custos, mais Abbado disipou os seus medos coa súa habitual serenidade: "Se vostede non asume riscos para acadar altos ideais artísticos, logo cal é o punto da orquestra?" preguntou, "Coa música non debera haber ningún compromiso". Finalmente os seus plans para o festival prosperaron e a súa actitude mudou o pensamento da LSO respecto da planificación artística. Dous anos despois, en 1987, Abbado deixaba o seu posto na orquestra londiniense, coa que realizou a estrea mundial da obra de Luigi Nono Intolleranza (en 1969, antes de ser nomeado director titular), a estrea británica de A Carlo Scarpa architetto (1985), tamén de Nono, e a estrea en Londres de La Terre est un home de Brian Ferneyhough (1979). Ao ano seguinte de deixar a orquestra ofreceu o seu último concerto coa LSO, concretamente o 27 de novembro de 1988 no Barbican Hall.[25] Durante todos os anos que estivo á fronte da orquestra británica compaxinou o posto co de Director Principal do Teatro alla Scala de Milán (agás en 1987) e coa Wiener Staatsoper (durante os anos 1986 e 1987).

En 1986 foi nomeado director musical da Wiener Staatsoper de Viena, cargo que ocupou ata o ano 1991. Durante o seu primeiro ano no cargo mantivo este posto xunto co de Director Principal do Teatro alla Scala de Milán, así como co cargo de Director Principal da London Symphony Orchestra. A súa etapa na ópera austríaca levouno a dirixir máis de 500 veces a Wiener Philharmoniker, incluíndo as 173 funcións na Staatsoper. Foi nesta etapa cando dirixiu por primeira vez o Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker, en 1988.[33] Do mesmo xeito que fixera no coliseo italiano, durante os anos que permaneceu no cargo de director musical da ópera vienesa, Abbado ampliou e deu un xiro ao repertorio, salientando a estrea tardía da ópera Fierrabras de Franz Scubert coa Chamber Orchestra of Europe, da cal era director artístico. Un ano despois de chegar a Viena foi nomeado director musical xeral da capital austríaca, o que o puxo non só á fronte da Wiener Staatsoper, senón tamén da Wiener Philharmoniker, e en 1988 puxo en marcha o Festival Wien Modern, adicado aos clásicos do século XX e a compositores contemporáneos.[34]

Durante o tempo no que Abbado estivo no cargo de director musical da Wiener Staatsoper coincidiu con Klaus Helmut Drese, dimitindo do cargo despois de que este fose substituído por Ioan Holländer en 1991. Aínda así, Abbado mantivo unha constante relación con Austria, e de feito en 1994 lle ofreceron o cargo de director artístico do Festival de Pascua de Salzburgo, fundado en 1967 por Herbert von Karajan, posto que aceptou.[34][35]

Etapa na Berliner Philharmoniker[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Berliner Philharmoniker.
O Berliner Philharmonie, casa da Berliner Philharmoniker.

O ano 1989 non comezou ben para Abbado ao sufrir un revés debido á conquista da sucesión de Georg Solti á fronte da Chicago Symphony Orchestra por parte de Daniel Barenboim.[36] Por outra banda, a renovación do seu contrato coa Wiener Staatsoper foi negociado nunhas condicións menos favorables que o anterior.[10]

A pesar destes problemas, a tarde do 8 de outubro de 1989 o violonchelista Klaus Haussler (portavoz da xunta da orquestra) anunciaba a elección de Claudio Abbado como sucesor do falecido Herbert von Karajan á fronte da Berliner Philharmoniker,[37] converténdose no segundo director non austríaco ou alemán despois do romanés Sergiu Celibidache (director da orquestra entre 1945 e 1952). A véspera da votación en Berlín, Abbado encontrábase no medio de negociacións coa New York Philharmonic. Antes dirixira a orquestra por primeira vez o 20 de decembro de 1966 e un total de 36 concertos.[38] Algo máis dun mes máis tarde chegaba o primeiro concerto de Abbado como director principal da orquestra berlinesa, foi o 16 de decembro dese mesmo ano, cun programa no que se interpretaron a Sinfonía Nº 8 en Si menor "Inacabada" de Franz Schubert, Dämmerung de Wolfgang Rihm, a Sinfonía nº 1 en Re Maior "Titan" de Gustav Mahler.[39]

Con Abbado á fronte celebrábase o 1 de maio de 1991, no Smetana Hall do Obecní dům de Praga, o primeiro Concerto Europeo para conmemorar a fundación da orquestra ese mesmo día no ano 1882. O concerto, que foi gravado pola televisión, foi retransmitido en directo para moitos países, e contou coa soprano estadounidense Cheryl Studer e o pianista italiano Bruno Canino.[40][41] Ao mes seguinte dirixía por primeira vez a orquestra berlinesa no Concerto de Waldbühne coa soprano galesa Margaret Price, nun programa no que se escoitaron a Sinfonía Nº 4 en Sol Maior de Gustav Mahler e a Suite de L'oiseau de feu de Igor Stravinskii.[42] Ese mesmo ano, o director italiano dirixía por segunda e última vez na súa vida o Concerto de Aninovo da Wiener Philharmoniker, logo de telo dirixido en 1988.[43]

O 26 de abril de 1992, Abbado dirixía a Berliner Philharmoniker na reapertura da súa casa, o Berliner Philharmonie, despois de máis dun ano pechado a causa dunha profunda remodelación.[44] Nesta gala a orquestra berlinesa interpretaría o Gurrelieder de Arnold Schönberg coa soprano Cheryl Studer, a mezzosoprano Marjana Lipovšek, os tenores Siegfried Jerusalem e Philip Langridge, o baixo Hartmut Welker, a actriz Barbara Sukowa na narración e xunto cos coros Ernst Senff, o Philharmonic e o Coro da Radio de Berlín.

Na Noitevella de 1996 a Berliner Philharmoniker celebraba un concerto con Abbado á fronte nun programa formado integramente por obras de Johannes Brahms, Hector Berlioz e Maurice Ravel xunto coa mezzosoprano Cecilia Bartoli, o violinista Maxim Vengerov, e o Coro da Radio de Suecia.[45][46] Meses máis tarde, o 3 de abril de 1997, Abbado dirixía á fronte da Berliner Philharmoniker o concerto homenaxe a Brahms co gallo do centenario da súa morte, interpretando Ein deutsches Requiem no Musikverein de Viena.[47][48]

Con motivo do 10º aniversario da morte de Herbert von Karajan, o 16 de xullo de 1999, a Berliner Philharmoniker ofrece un concerto homenaxe ao director austríaco baixo a batuta de Claudio Abbado no que se interpretou o Réquiem de Mozart na Catedral de Salzburgo (cidade natal de Karajan) coa soprano Karita Mattila, a mezzosoprano Sara Mingardo, o tenor Michael Schade, o baixo-barítono Bryn Terfel, e o coro da Radio de Suecia.[49][50]

No ano 2000 diagnosticóuselle un cancro de estómago, o que o obrigou a someterse a unha operación na que se lle estirpou a metade do seu sistema dixestivo,[51] dende aquela os seus problemas de saúde tornáronse máis frecuentes e tivo que manter un estrito réxime vital e alimenticio.[52][53]

O 3 de marzo de 2002, dous días despois de dirixir o 12º Concerto Europeo en Palermo,[54] a Berliner Philharmoniker e Claudio Abbado embarcábanse nunha xira de despedida do director italiano que duraría dez días e os levaría a Nápoles, Florencia, Ferrara, Brescia, Turín e Viena.[55] Logo desta xira, Abbado finalizaba o seu contrato e deixaba a orquestra despois de tras case 13 anos, sendo substituído polo británico Simon Rattle, quen xa fora nomeado como o seu substituto o 23 de xuño de 1999.[56] Abbado abandonaba deste xeito a orquestra berlinesa despois de ter realizado nela unha renovación que a levou a visitar por primeira vez na súa historia Israel (en 1990), os escenarios de Suramérica e a tocar coa banda rock alemá Scorpions na Exposición Universal de Hannover (estes dous últimos acontecementos no ano 2000).[57][58]

Lucerna e Boloña[editar | editar a fonte]

Abbado en Waldbühne (Berlín) en 2008.

En 2003, tras recuperarse do cáncer, Abbado refundou a Lucerne Festival Orchestra,[51] cuxos concertos foron altamente aclamados.[59] Se ben a refundación da orquestra tivo lugar en 2003, a relación de Abbado co festival suízo remóntase ata 1966, cando o director italiano debutou en Lucerna coa Swiss Festival Orchestra. Porén foi a refundación da orquestra do festival o punto de inflexión que levou o festival suízo a un nivel artístico que poucos festivais puideron experimentar. Á fronte deste proxecto, Abbado mostrou a súa comprensión distintiva da música de cámara como o aspecto da creación musical, o seu amor polo conxunto, de xeito que en lugar dunha gran masa musical, a orquestra era un colectivo que comprendía grupos máis pequenos que tocaban xuntos, este era un dos ideais nos que máis firmemente cría Abbado, de feito el mesmo comezara a súa carreira musical na música de cámara.[60]

Foi tamén director musical e artístico da Orchestra Mozart de Boloña (Italia) dende a súa fundación en 2004 ata a súa morte.[26]

En 2005 comezou a colaborar coa Orquestra Sinfónica Simón Bolívar do Sistema de Orquestas de Venezuela en Caracas (Venezuela) e A Habana (Cuba).[61]

En setembro de 2007, Abbado anunciaba que cancelaría os seus compromisos futuros como director por consello dos seus médicos,[62] mais dous meses despois retomou a súa axenda cun compromiso en Boloña.[63] En xullo de 2011 manifestou que se encontraba nun bo estado de saúde.[64] Foi un dos promotores do proxecto anunciado ese mesmo ano para a construción dun grande Auditorio en Boloña deseñado por Renzo Piano na área da Manifattura delle Arti; o complexo de cerca de 1.800 asentos converteríase na sede estable da Orchestra Mozart, cunha acústica "próxima á perfección", estudada polo grande acústico xaponés Yasuhisa Toyota[65].

O 30 de agosto de 2013 era nomeado senador vitalicio polo Senado de Italia polo presidente Giorgio Napolitano, ao mesmo tempo que Carlo Rubbia, Renzo Piano e Elena Cattaneo.[66] Catro días antes, o 26 de agosto de 2013, Abbado concluía o seu traballo artístico en Lucerna nun concerto no que se puideron escoitar as notas da Novena Sinfonía de Anton Bruckner, nun concerto que se sentiu como o que posiblemente fora o seu último concerto.[60]

Morte[editar | editar a fonte]

A mañá 20 de xaneiro de 2014, Raffaella Grimaudo, portavoz da oficina do alcalde de Boloña, anunciaba a morte do director italiano logo dunha longa enfermidade aos 80 anos de idade na súa casa próxima á Piazza Santo Stefano de Boloña.[22][67] A capela ardente, situada na Basílica de Santo Stefano de Boloña, abriuse na tarde do 21 de xaneiro e pechou na medianoite do día seguinte. Centenares de boloñeses e admiradores acudiron a darlle a súa despedida ao maestro durante eses dous días. Despois da medianoite, celebrouse unha cerimonia privada para bendicir o seu corpo, que durante esa noite foi incinerado nas proximidades de Boloña.

O 27 de xaneiro de 2014, ás 18 horas, o Teatro alla Scala lembrouno coa interpretación, dirixida por Daniel Barenboim, da Marcia funebre (Adagio assai) da terceira Sinfonía ("Eroica") de Ludwig van Beethoven. Nun teatro simbolicamente baleiro e coa porta aberta, a Sinfonía fluíu cara á praza ateigada con 8.000 persoas e pechada ao tráfico para a ocasión.[68][69] O evento foi retransmitido en directo para todo o mundo por Rai 5, e sen xeoprotección polo sitio web do Teatro, na páxina de YouTube e no sitio da RAI.[70][71] Ese mesmo día, a modo de reivindicación, o sindicato do Teatro alla Scala levou á Piazza della Scala unha pequena oliveira en recordo á demanda de 90.000 árbores que o director italiano fixera para volver dirixir no teatro lombardo. Nese acto o sindicato fixo a seguinte petición:[72]

Pedimos ao Concello plantar na Praza da Scala esta oliveira para que se converta na primeira árbore do centro histórico. Deste xeito honrariamos verdadeiramente a súa memoria.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O fillo do primeiro matrimonio de Claudio Abbado coa cantante Giovanna Cavazzoni, é o director operístico Daniele Abbado. Os dous tiveron tamén unha filla, Alessandra. Do seu segundo matrimonio con Gabriella Cantalupi naceu o seu fillo Sebastiano. Abbado tamén mantivo unha relación coa violinista rusa Viktoria Mullova, e foi o pai do seu fillo máis vello, Misha.[73][74][75] O seu sobriño, Roberto Abbado (o fillo do seu irmán Marcello, nado en 1926, que é compositor e pianista), é tamén director de orquestra.

Labor social[editar | editar a fonte]

Claudio Abbado foi un ávido defensor dos novos talentos. Froito deste interese polos novos músicos europeos fundou en 1978 a European Community Youth Orchestra, en 1981 a Chamber Orchestra of Europe, e en 1986 en Viena a Gustav Mahler Jungendorchester, tres orquestras que reuniron a músicos de toda Europa e das que posteriormente xurdiu a Mahler Chamber Orchestra.[61] Tamén foi un dos primeiros en apoiar o Sistema de Orquestas de Venezuela fundado por José Antonio Abreu en 1975, e apadriñou ao xove director venezolano Gustavo Dudamel.[19][76]

Abbado foi chamado "revolucionario" na súa Italia natal por levar a cabo iniciativas de difusión da música clásica para que esta puidese chegar a todo o mundo, levándoa aos cárceres e ás seccións de pediatría dos hospitais, ao considerar que "a educación musical é, en realidade, a educación do home".[76]

A finais de 2008, nunha entrevista no Corriere della Sera declarou que só volvería dirixir no Teatro alla Scala a cambio de 90.000 árbores, e en novembro de 2010, lía un manifesto en Rai 3 xunto a Roberto Saviano e Fabio Fazio, con dez razóns polas que non se debía facer recortes en cultura.[77]

En 2013, logo de ser nomeado senador vitalicio, decidiu doar o seu soldo como senador á escola de música de Fiesole, unha pequena localidade italiana situada na Toscana.[76]

Características[editar | editar a fonte]

A técnica de batuta de Claudio Abbado foi considerada por músicos e cantantes como unha das mellores do mundo musical, a pesar da relativa pouca importancia que tiña a técnica para o director italiano, chegando a ser considerado como un director frío e distante dende o punto de vista expresivo, como el mesmo declarou sobre os seus inicios:[18]

... controlábame moito e pensaba demasiado na técnica porque non estaba seguro de min mesmo e tamén porque non quería dirixir de xeito moi chamativo.

Porén, posteriormente as súas interpretacións caracterizáronse pola súa enerxía e emoción, que acompañaron á súa técnica. Tamén destacou por ser un bo director, tanto nas pasaxes en staccato como nas pasaxes en espressivo e cantabile, un fenómeno que segundo o produtor de Deutsche Grammophon e antigo compañeiro de Abbado en Viena Rainer Brock, é pouco común. Tamén Plácido Domingo compartía esta opinión e destacaba o seu xeito único de indicar o legato á orquestra, posiblemente porque os movementos dos seus brazos eran moi bos e daban a impresión de fundirse o un no outro.[18]

Abbado destacou pola súa gran versatilidade, reflectida no seu coñecemento do repertorio, tanto orquestral como operístico.[6] Se ben, foi especialmente coñecido polas súas interpretacións do repertorio sinfónico alemán, e posteriormente polo seu grande interese na obra de Gioachino Rossini e Giuseppe Verdi.[17]

O traballo de Abbado durante os ensaios caracterizábase pola calma e a concisión, con mínimas explicacións verbais, o que se explica coa crenza de Abbado en que as orquestras tiñan que aprender a comprender as súas intencións só con mirar os seus ollos e as súas mans, que eran as súas únicas ferramentas de comunicación cos músicos durante o concerto, considerando a capacidade para comunicar cos ollos e os xestos como algo fundamental nun director.[78] Para Abbado os principais atributos dun director debían ser:

  • Coñecer realmente ben a obra interpretada (incluíndo a vida e obra do compositor).
  • Tocar un instrumento, estudado composición e ter un bo sentido do ritmo e bo oído.
  • Saber tratar coa xente, entender e respectar a outros músicos.

Abbado confería unha especial importancia ao trato cos solistas, o que seguramente explique o feito de que conseguira establecer longas e gratificantes relacións con solistas de alto nivel como o pianista italiano Maurizio Pollini, a quen coñeceu durante a súa época de estudante e co que traballou dende 1961 e con quen interpretou boa parte dos concertos do repertorio pianístico.[78] Sobre a relación cos solistas, Alfred Brendel indicaba que Abbado era un director no que se producían ao mesmo tempo o intento de cambiar a idea do solista por parte do director para axustala á súa, e o deixar facer a propia versión dun concerto aínda que a orquestra non soe como el cre que debera, a parte disto, Brendel afirmaba que Abbado facía que a orquestra tocara dun xeito transparente, ensinándolle a producir un son fermoso ao tocar os pianissimi e dando relevo ás voces do fondo que se adoitan perder entre o ruído xeral.[79]

Discografía[editar | editar a fonte]

O traballo discográfico de Abbado abrangue todo o gran repertorio, tanto sinfónico como operístico, dos séculos XIX e XX.[13] Realizou gravacións dos ciclos sinfónicos máis importantes: sinfonías e música coral de Johannes Brahms, sinfonías de Gustav Mahler, Petr Ilich Chaikovskii, Sergei Prokofev, Modest Musorgskii, Antonín Dvořák e Wolfgang Amadeus Mozart.[12] No que respecta ao repertorio operístico, Abbado realizou gravacións de grande éxito, especialmente das óperas de Rossini La Cenerentola e Le nozze di Figaro, e sobre todo a súa gravación de Carmen protagonizada por Teresa Berganza e Plácido Domingo.[13] Ademais das súas numerosas gravacións en CD, realizou outros rexistros en DVD/Blu-ray, en especial dos concertos do Festival de Lucerna.

A raíz da súa morte, o selo discográfico Sony Classical anunciou o lanzamento cara ao verán de 2014 de 37 CDs coas gravacións completas realizadas polo director transalpino para RCA e CBS/Sony.[7]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

O seu labor foi recoñecido con numerosos premios ao longo da súa vida, entre eles:

O mundo da música recoñece unanimemente a Claudio Abbado como un dos máis grandes directores do seu tempo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Muere el director de orquesta Claudio Abbado". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  2. "El último silencio de Claudio Abbado". El País (en castelán). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Claudio Abbado - obituary". The Telegraph (en inglés). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  4. "EUYO HISTORY". EUYO (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  5. "Gustav Mahler Jugendorchester Biography". GMJO (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  6. 6,0 6,1 Claudio Abbado, Microsoft Encarta 2009 [DVD]. Microsoft Corporation 2008 (en castelán)
  7. 7,0 7,1 "Sony Classical recopilará las principales grabaciones de Claudio Abbado" (en castelán). 31 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  8. "Cronologia dei direttori e presidenti del Conservatorio di Milano" (en italiano). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Parienté, Robert (2004). La symphonie des chefs (en francés). París: Éditions de La Martinière. pp. 249–259. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Lebrecht, Norman (1991). Maestro. Mythes et réalités des grands chefs d'orchestre (en francés). Éditions Jean-Claude Lattès. pp. 247–258. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 (Matheopoulos, pp. 61-62)
  12. 12,0 12,1 "Claudio Abbado". biografiasyvidas.com (en castelán). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "Abbado, Claudio (1933- )", Enciclopedia Universal Micronet 2006 en DVD, en castelán. Micronet, San Sebastián de los Reyes
  14. Randel, Don Michael (1996). "Claudio Abbado". The Harvard biographical dictionary of music (en inglés). Cambridge, Mass.: Belknap Press of Harvard Univ. Press. p. 1. ISBN 0-674-37299-9. 
  15. (Matheopoulos) cita como profesor de Abbado a Bruno Bettinelli.
  16. Joseph Stevenson. "Artist Biography by Joseph Stevenson". AllMusic (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  17. 17,0 17,1 17,2 *"Abbado, Claudio", Encyclopædia Britannica Student and Home Edition 2009 en DVD, en inglés. Encyclopædia Britannica, Chicago
  18. 18,0 18,1 18,2 (Matheopoulos, pp. 64-65)
  19. 19,0 19,1 "Fallece el director de orquesta Claudio Abbado". ABC (xornal) (en castelán). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  20. 20,0 20,1 "Abbadio, Claudio". Encyclopedia Britannica. I: A-Ak - Bayes (15th ed.). Chicago, IL: Encyclopedia Britannica, Inc. 2010. p. 8. ISBN 978-1-59339-837-8
  21. Graybill, Guy (2008). Bravo! Greatness of italian music. Boston: Dante University Press. p. 179. ISBN 978-0-937832-49-3. 
  22. 22,0 22,1 "Claudio Abbado, renowned Italian conductor, dies at 80". BBC (en inglés). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  23. (Matheopoulos, p. 69)
  24. Naquela época nas grandes orquestras, os axudantes raras veces conseguían ter a oportunidade de dirixir concertos importantes a non ser que un director cancelase algunha actuación a última hora, como ocorreu no caso do propio Bernstein que o levaría á fama.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 "Claudio Abbado 1933-2014". LSO (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  26. 26,0 26,1 "Claudio Abbado". Orchestra Mozart (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  27. 27,0 27,1 Pascual, Josep (2006). Prokofiev - Shostakovich. RBA Coleccionables, S.A. p. 44. ISBN 84-473-4599-8. 
  28. 28,0 28,1 28,2 (Matheopoulos, pp. 71-73)
  29. "Claudio Abbado recibirá este viernes el Premio Don Juan de Borbón de la Música". RTVE (en castelán). 6 de xuño de 2011. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  30. "Claudio Abbado: Der Fluss des Ganzen". Die Zeit (en alemán). 20 de xuño de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. 
  31. "Il lungo addio di Abbado sotto una pioggia di fiori". La Repubblica (en italiano). 11 de xuño de 1986. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  32. "Orchestra Biografia". Filarmonica della Scala (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  33. "In Memory of Claudio Abbado". Wiener Philharmoniker (en inglés). 21 de xaneiro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  34. 34,0 34,1 (Matheopoulos, pp. 78-79)
  35. "Philosophy of the Salzburg Easter Festival". Osterfestspiele Salzburg (en inglés). Consultado o 17 de xuño de 2014. 
  36. "Barenboim Backlash". Chicago Tribune (en inglés). 14 de maio de 1989. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  37. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Chief conductor Claudio Abbado". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  38. Kleinert, Annemarie (2009). Music at Its Best: The Berlin Philharmonic: From Karajan to Rattle. Books on Demand. pp. 45-59. 
  39. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Claudio Abbado’s first concert as chief conductor". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  40. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". First European Concert: Prague". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  41. Concerto Europeo 1991 Fragmento da Sinfonía nº 29 de Mozart (en YouTube).
  42. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". 8th Waldbühne concert". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  43. "The History of the New Year's Concert". Wiener Philharmoniker (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  44. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Closure of the Philharmonie". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  45. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". New Year’s Eve with Brahms, Berlioz and Ravel". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  46. Concerto de fin de ano Danza húngara Nº 5 de Brahms (en YouTube).
  47. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". 100th anniversary of Brahms’ death in Vienna". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  48. Fragmento de Ein deustches Requiem no concerto do centenario da morte de Brahms (en YouTube).
  49. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Requiem for Herbert von Karajan". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  50. Fragmento do Réquiem de Mozart no Concerto homenaxe a Karajan (en YouTube).
  51. 51,0 51,1 "The maestro". The Guardian (en inglés). 22 de agosto de 2007. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  52. Lepoint.fr, ed. (20 de xaneiro de 2014). "Le grand chef d'orchestre Claudio Abbado décédé d'une longue maladie" (en francés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  53. ""Me llamo Claudio, no maestro"". El País (en castelán). 27 de abril de 2008. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  54. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". 12th European Concert: Palermo". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  55. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Farewell tour with Abbado". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  56. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Simon Rattle elected as successor to Claudio Abbado". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  57. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". First performances in South America". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  58. ""History of the Berliner Philharmoniker, The Era of Claudio Abbado". Expo 2000 with the “Scorpions”". Berliner Philharmoniker (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  59. Andrew Clements (24 de agosto de 2007). "Lucerne Festival Orchestra/Abbado (review of Prom 51, 2007)" (en inglés). The Guardian. Consultado o 30 de agosto de 2007. 
  60. 60,0 60,1 "Farewell to Claudio Abbado". lucernefestival.ch (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2013. Consultado o 3 de marzo de 2014. 
  61. 61,0 61,1 61,2 "Claudio Abbado". GMJO (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  62. Daniel J. Wakin (7 de setembro 2007). "Abbado, Ill, Cancels Appearances". New York Times (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  63. Matthew Westphal (9 de novembro de 2007). "Claudio Abbado Returns to Podium Following Illness". Playbill Arts (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  64. "Abbado, cautiously, gives himself clean bill of health" (en inglés). 10 de xullo de 2011. Archived from the original on 12 de xullo de 2011. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  65. "Renzo Piano progetta l’Auditorium di Bologna" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2013. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  66. "« Nominati Abbado, Cattaneo, Piano e Rubbia senatori a vita »" (en italiano). 
  67. Corriere.it, ed. (20 de xaneiro de 2014). "Addio al grande maestro Claudio Abbado Il direttore d’orchestra è morto a 80 anni" (en italiano). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  68. "Milano saluta Abbado con Beethoven: ottomila applaudono fuori dalla Scala". Republica (en italiano). 27 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  69. "Tutti insieme per Abbado". Teatro alla Scala (en italiano). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  70. "Il concerto per Abbado al Teatro della Scala su YouTube, Squer.it" (en italiano). 27 de xaneiro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  71. "Barenboim, omaggio ad Abbado in diretta mondiale su Rai5". RAI (en italiano). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  72. "La Scala de Milán abre puertas y ventanas para homenajear a Claudio Abbado". ABC (en castelán). 27 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xullo de 2014. 
  73. Tim Ashley (2 de febreiro de 2001). "And this one's by the Bee Gees" (en inglés). The Guardian. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  74. Nice, David (20 de xaneiro de 2014). "Claudio Abbado obituary". The Guardian (en inglés). Consultado o 20 de xaneiro de 2014. 
  75. Di Stefano, Paolo (9 de maio de 2011). "Giovanna Cavazzoni". Corriere della Serra (en italiano). Consultado o 31 de xaneiro de 2014. 
  76. 76,0 76,1 76,2 76,3 76,4 "Murió Claudio Abbado, el "revolucionario" director de orquesta". El Comercio (en castelán). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  77. "Claudio Abbado: la vida es bella". El País (en castelán). 21 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  78. 78,0 78,1 (Matheopoulos, pp. 56-57)
  79. (Matheopoulos, p. 58)
  80. 80,0 80,1 80,2 80,3 80,4 80,5 80,6 "Muere el director de orquesta Claudio Abbado". RTVE (en castelán). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  81. 81,0 81,1 "ABBADO Claudio". Quirinale: dettaglio decorato (Presidenza della Repubblica) (en italiano). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  82. 82,0 82,1 "Past Winners Search". Grammy (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2014. 
  83. "Wolf Prize". Wolf Foundation (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Guido Cantelli
 Director musical, Teatro alla Scala, Milán 
1968 - 1986
Sucesor:
Riccardo Muti
Predecesor:
André Previn
 Director principal, London Symphony Orchestra 
1979 - 1987
Sucesor:
Michael Tilson Thomas
Predecesor:
Lorin Maazel
 Director musical, Wiener Staatsoper, Viena 
1986 - 1991
(Claus Helmut Drese, director)
Sucesor:
Eberhard Waechter
Predecesor:
Herbert von Karajan
 Director principal, Berliner Philharmoniker 
1989 - 2002
Sucesor:
Simon Rattle