Clachan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un clachan ou clach'an é unha configuración poboacional característica de Irlanda e Escocia, do ámbito rural. Equivalería aos nosos lugares. Loxicamente, coa urbanización actual dos distintos condados, moitos destes clachans quedaron absorbidos polas novas vilas e cidades.

Son pequenos asentamentos de casas agrupadas que normalmente non teñen nin igrexa, nin tenda nin escola, é dicir, que non son o centro social ou comercial dunha comunidade. Normalmente existían fortes relacións de parentesco entre os habitantes dun mesmo clachan.

A propiedade das terras ao redor repartíase cun sistema de tenzas semellante ao rundale (runrig en Escocia), polo cal a cada un dos integrantes do clachan lles correspondían leiras boas, non tan boas e cativas. Normalmente as mellores terras estaban máis próximas das casas, e as peores máis afastadas. Ademais, había terreos en mancomún, coma os montes ou os que arrodeaban o grupo das casas. O monte repartíaselle aos granxeiros en función das agras cultivábeis que lle correspondesen, e daba dereito a alindar as vacas ou ovellas.