Cinta de Galloway

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unhas vacas cintas de Galloway, preto de Stonehaven (Escocia)

A cinta de Galloway é unha infrecuente raza de gando vacún, orixinaria de Galloway, no sudoeste de Escocia. É inconfundible pola súa pelamia, negra agás por unha cinta ou fita branca que lle arrodea o tronco, envolvéndoa. É unha vaca de carne, adaptada aos pastos pouco produtivos da rexión onde pace, e que se supón que provén do cruce da raza galloway coa lakenvelder neerlandesa.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe da pelaxe non é certa, pero suponse que provén do cruce do gando tradicional da rexión de Galloway coa lakenvelder neerlandesa, da que tomaría o cinto[1]. O primeiro libro de rexistro remóntase a 1878, se ben daquela agrupaba as galloway e mais as aberdeen-angus, e non foi ata 1921 que se recolleu a raza en libro de seu e se acompañou da creación da primeira sociedade escocesa de gando cinto de Galloway, coñecida a partir de 1951 como a Belted Galloway Society.

A finais da década de 1940 esta raza foi importada aos Estados Unidos, onde se desenvolveu rapidamente, e xa nos anos cincuenta se creou a sociedade estadounidense de protección da cinta de Galloway.

Poboación e distribución[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos non se chega ás 10.000 cabezas de cinta de Galloway, mentres que no Reino Unido superan lixeiramente a cifra das 2.500 femias.

Nos Estados Unidos concéntrase sobre todo no leste, en Nova Inglaterra e no Medio Oeste, aínda que se vai estendendo cara ao oeste e xa hai exemplares en California, Oregón ou Texas. No Reino Unido, aínda que se coñece en todo o territorio, concéntranse loxicamente na súa zona de orixe, a rexión de Galloway e Dumfries. É aquí, na viliña de Castle Douglas, onde se celebra a poxa anual da raza. Tamén se crían algúns exemplares en Canadá, Nova Zelandia e Australia. É o animal símbolo de Fearrington Town, en Pittsboro (Carolina do Norte).

Características[editar | editar a fonte]

A vaca cinta de Galloway é unha vaca negra, mocha e pelosa, cunha fita branca que a arrodea por enteira e de maneira regular, do lombo ao ventre. Con todo, existen exemplares pardos e rubios, en vez de negros, admitidos polos libros de rexistro da raza. Mais non se admiten como cintas de Galloway aquelas femias que teñan pelo branco por riba da presunlla, fóra do propio cinto, mentres que para os bois a prohibición de branco comprende tamén a pata enteira. O pelo longo protéxea ben da choiva e permítelle estar ao aberto a maior parte do ano.

Un boi pode pesar entre 770 e 1.045 kg, cunha media de 820 kg. A vaca pesa algo máis da metade, cunha media de 565 kg e un abano de entre 450 e 675 kg. Os cuxos párenos con entre 15 e 25 kg.

A vaca é pousona e calma, pero conserva un forte instinto de protección sobre a cría. Pasta en eidos de herba brava, onde outras razas máis dedicadas non pacen, e poden conseguir unha carne de boa calidade alimentándose unicamente de herba.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cinta de Galloway