Ciclo económico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os ciclos económicos poden definirse como as oscilacións da expansión á contracción da Economía.

Dende o século XIX os estudosos dos negocios impresionáronse polas dramáticas caídas que cada 7 a 10 anos rexistraba a actividade económica. En 1863, o francés Clement Juglar demostrou con probas estatísticas, que as crises non eran fenómenos illados, senón parte dunha flutuación cíclica da actividade comercial, bolsista e industrial e que os períodos de prosperidade e crise seguíanse uns aos outros. Karl Marx avanzou sobre o estudo das causas estruturais do ciclo económico e as crises.

Fases[editar | editar a fonte]

Cada ciclo económico ten catro fases:

  • Ascenso: é a fase do ciclo económico onde toda a actividade económica se atopa nun período de prosperidade. O auxe pode ter unha duración variábel, xa sexa que dure moitos anos como só uns cantos meses, segundo as condicións económicas.
  • Descenso: é a fase do ciclo económico onde a actividade económica se atopa nun período de decadencia, pode ter unha duración variábel.
  • Recesión: é un período de crecemento negativo do PIB dunha economía de duración igual ou superior a un ano.
  • Reactivación: chamada tamén en ocasións Recuperación, é a fase do ciclo económico que se caracteriza pola reanimación das actividades económicas, aumenta o emprego, a produción, o investimento e as vendas.

O período máis alto do ascenso denomínase auxe. Todo ascenso culmina nun descenso. Unha crise prodúcese nalgún momento do descenso, posteriormente chega recesión, que finalmente é revertida pola reactivación. Non hai unha duración fixa para cada fase nin para o ciclo no seu conxunto, pero a investigación a longo prazo permitiu estabelecer duracións medias para os ciclos.

O ciclo económico está baseado en leis xerais que gobernan as economías capitalistas, máis que en factores políticos ou institucionais específicos de países ou períodos particulares; sen embargo, como explicou Joseph Schumpeter (1935), "cada flutuación económica constitúe unha unidade histórica que non se pode explicar senón mediante unha análise dos numerosos factores que concorren en cada caso".

Clases[editar | editar a fonte]

Coñécense tres tipos de ciclos económicos xerais e ciclos sectoriais. Os xerais son:

  • Curtos, pequenos ou de Kitchin, cunha duración por termo medio de 40 meses, non necesariamente rexistran unha crise no descenso.
  • Medios, ou de Juglar, 8 anos e medio por termo medio, distínguense pola presencia de auxes e crises.
  • Longos, ondas longas ou ciclos de Kondratieff, por termo medio de 54 anos de duración: durante a expansión os ascensos son prolongados e máis fortes, as crises son suaves e as recesións curtas; durante a depresión os ascensos son febles e curtos, as crises moi fortes e as recesións prolongadas ata acadar o grao de depresións económicas xerais.[1]

Entre os ciclos sectoriais máis importantes están o da industria da construción de 18 anos por termo medio; e o da agricultura de 10 anos de duración por termo medio. Por outra parte, Ralph Nelson Elliott, ao observar as flutuacións da Bolsa de valores, atopou dentro de cada ciclo (do máis longo ata o máis curto) oito "ondas": tres impulsos de ascenso con dous correccións e logo dous descensos cunha corrección.

Notas[editar | editar a fonte]