Christopher McCandless

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaChristopher McCandless
Nome orixinal(en) Christopher Johnson McCandless Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento12 de febreiro de 1968 Editar o valor em Wikidata
El Segundo, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte18 de agosto de 1993 (<6 de setembro de 1992) Editar o valor em Wikidata (25 anos)
Trilha Stampede, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte accidental Editar o valor em Wikidata (Inanición e envelenamento Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
Outros nomesAlexander Supertramp Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Emory (pt) Traducir
Wilbert Tucker Woodson High School (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónexplorador , autor de diarios , viaxeiro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

WikiTree: McCandless-260 Find a Grave: 23573485 Editar o valor em Wikidata
Reconstrución do bus escolar no que viviu McCandless.

Christopher Johnson McCandless, tamén coñecido como Alexander Supertramp, nado en El Segundo (California) o 12 de febreiro de 1968 e finado en Stampede Trail (Alasca) a mediados de agosto de 1992, foi un excursionista estadounidense que faleceu preto do Parque Nacional Denali logo de camiñar en solitario en medio dos montes de Alasca con escasa comida e equipo. A súa vida acadou sona logo da publicación en 1996 do libro de Jon Krakauer Into the Wild, baseado na súa vida, que á súa vez foi levado ao cine en 2007 na película Into the Wild, dirixida por Sean Penn e protagonizada por Emile Hirsch.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

McCandless criouse en Annandale (Virxinia). O seu pai, Walt McCandless, traballou para a NASA como especialista en antenas, e a súa nai, Wilhelmina ‘Billie’ Johnson, era a secretaria do seu pai, co que máis tarde fundou unha compañía consultora.

Xa de cativo os seus mestres notaron que Chris tiña unha vontade infrecuentemente férrea, á que sumou co tempo un intenso idealismo e gran resistencia física. Na escola secundaria foi capitán no equipo de atletismo, onde instou aos seus compañeiros a correr coma se se tratase dun exercicio espiritual, no que estaban correndo "contra as forzas da escuridade (...), contra todo o mal no mundo, todo o odio".

Graduouse na escola secundaria W.T. Woodson en 1986 e na Universidade de Emory en 1990, especializándose en Historia e Antropoloxía. O seu rendemento superior á media e o seu éxito académico enmascararon un desprezo crecente cara ao que el percibía coma o materialismo baleiro da sociedade norteamericana. Rexeitou pertencer á fraternidade Phi Beta Kappa ao considerar irrelevantes as honras e os títulos. As obras de Jack London, Lev Tolstoi e Henry David Thoreau tiveron unha forte influencia en McCandless, e soñou con abandonar a sociedade, ao estilo de Thoreau, por un período de solitaria contemplación, buscándose a si mesmo.

Viaxes[editar | editar a fonte]

Logo de graduarse en Emory en 1990, doou os seus aforros de 24 000 dólares á caridade e comezou a viaxar polo país, baixo o alcume de Alexander Supertramp. McCandless viaxou a través de Arizona, California, e Dakota do Sur, onde traballou en labores agrícolas. Alternou entre períodos de traballo relativamente estables e con gran contacto coa xente, con períodos en que estivo sen cartos e sen ningún contacto humano, ao punto de chegar a ter que loitar pola comida. Sobreviviu varios perigos durante eses períodos de vida salvaxe, como cando perdeu o seu automóbil nun diluvio, ou cando baixou en canoa polo río Colorado cara ao golfo de California. McCandless presumía de sobrevivir cun mínimo de elementos e cunha preparación bastante básica.

Durante anos, McCandless soñara cunha "Odisea de Alasca": vivir da terra, lonxe da civilización, e mantendo un diario de vida que describise o seu progreso físico e espiritual, enfrontando as forzas da natureza. En abril de 1992 fixo autostop a Fairbanks. Foi visto con vida por última vez por James Gallien, quen o levou de Fairbanks a Stampede Trail. Gallien preocupouse por Alex, pois tiña poucos medios materiais e ningunha experiencia para saber desenvolverse ben no medio natural de Alasca. Gallien intentou persuadilo para que modificase a viaxe, e mesmo se ofreceu para levalo a Anchorage para comprar equipamento adecuado. McCandless negouse a recibir máis ca un par de botas de caucho, dúas latas de atún e unha bolsa de millo.

Logo de facer unha camiñada a Stampede Trail, McCandless atopou un autobús abandonado como lugar para asentarse. Levaba unha bolsa de arroz, un rifle Remington semiautomático con munición, un libro sobre as plantas locais, varios outros libros, e un pouco de equipo de campamento. Asumiu que debía cazar para poder vivir: malia a súa inexperiencia coma cazador, capturou con éxito animais pequenos coma ourizos e paxaros. Chegou a matar un alce, pero non logrou conservar toda a carne sobrante, malia intentar afumala sobre os arbustos como lle recomendaran os cazadores cos que se encontrara en Dakota do Sur.

O seu diario de vida contén entradas de 113 días, nos que relata a súa mudante fortuna. Logo de vivir con éxito no autobús durante varios meses, Chris decidiu saír en xullo, pero atopou o sendeiro bloqueado polo río Teklanika, que daquela estaba considerablemente máis crecido que cando o cruzara en abril.

O 6 de setembro de 1992, dous excursionistas e un grupo de cazadores de alces atopou unha nota na porta do autobús co seguinte texto:

Attention possible visitors. S.O.S. I need your help. I am injured, near death, and too weak to hike out of here. I am All Alone, this is no joke. In the name of God, please remain to save me. I am out collecting berries close by and shall return this evening. Thank you, Chris McCandless. August?

"Atención aos posibles visitantes: Socorro, necesito a súa axuda. Estou ferido, a piques de morrer, e demasiado débil para marchar camiñando. Estou completamente só, non é brincadeira. No nome de Deus, por favor agarden para salvarme. Estou recollendo moras preto de aquí e volverei esta tarde. Graciñas, Chris McCandless. Agosto?".

Era o 12 de agosto, día que escribiu o que seguramente foron as súas palabras finais no seu diario. Arrancou a páxina final do libro de memorias de Louis L’Amour, Education of a Wandering Man, que contiña un extracto do poema de Robinson Jeffers "Wise Men in Their Bad Hours". Do outro lado da páxina agregou o texto I HAVE HAD A HAPPY LIFE AND THANK THE LORD. GOODBYE AND MAY GOD BLESS ALL! ("tiven unha vida feliz e dou grazas ao Señor. Adeus, beizóns a todos").

O seu corpo foi atopado no seu saco de durmir dentro do autobús, con apenas 30 quilos de peso. Levaba morto máis de dúas semanas. A causa oficial da súa morte foi inanición.

O seu biógrafo, Jon Krakauer, sostivo que dous factores puideron contribuír á morte de McCandless en agosto de 1992. Primeiro, que estaba en risco de inanición debido á súa crecente actividade, en comparación coa escasa comida que consumía polo que cazaba. Porén, Krakauer insiste en que a inanición non foi, tal como indican os certificados de defunción de McCandless, a causa primaria da súa morte. Inicialmente, Krakauer suxeriu que McCandless puidera inxerir sementes tóxicas de Hedysarum alpinum. Non obstante, as probas de laboratorio demostraron de forma concluínte que non había rastro ningún de toxina presente nas subministracións de comida de McCandless. Nas edicións posteriores do seu libro, Krakauer sostivo que foi o fungo Rhizoctonia leguminicola o que creceu nas sementes que McCandless comeu, e que provocou a súa morte. Malia todo, non queda ningunha evidencia para apoiar esta teoría agás un escrito que fixo McCandless o 30 de xullo.

Legado cultural[editar | editar a fonte]

O libro de Krakauer fixo de McCandless unha figura heroica para moita xente. En 2002, o autobús abandonado onde McCandless acampou converteuse nun destino turístico. A película Into de Wild, baseada no libro de Jon Krakauer, foi lanzada en setembro de 2007 con boa acollida da crítica. En outubro de 2007 lanzouse unha película-documental sobre a viaxe, The Call of the Wild, realizada polo director independente Ron Lamothe. A historia de McCandless tamén inspirou un episodio da serie de televisión Millennium, o disco Cirque do grupo Biosphere, e unha serie de cancións populares.

Neglixencia citadina[editar | editar a fonte]

Aínda que Krakauer e os seus lectores teñen unha visión simpatizante con McCandless, algúns habitantes de Alasca manteñen unha visión máis ben negativa de McCandless e daqueles que tinguen a súa vida coma "romántica". Debido ao feito de non ter ningún mapa, McCandless estaba desinformado da existencia dun vagón colgante a 400 metros de onde non puido cruzar o río Teklanika (dispositivo colgante dun cable de aceiro para cruzar o río usando poleas), e tamén da existencia de cabanas abastecidas con subministracións de emerxencia a uns 10 km ao sur do autobús, se ben estes últimos estaban destruídos e as subministracións estragadas, probablemente por obra do propio McCandless, como se detalla no documental de Lamothe.

O garda forestal Peter Christian, do Alaskan Park, escribiu: Estou decote exposto ao que chamo o "Fenómeno McCandless". Son case sempre homes novos os que veñen a Alasca para desafiarse a si mesmos contra unha paisaxe deserta, onde o acceso é difícil e as posibilidades de rescate son practicamente inexistentes. […] Cando vostede considera o que fixo McCandless, desde a miña perspectiva, vese axiña que foi simplemente parvo, tráxico, e desconsiderado. Primeiro, empregou moi pouco tempo na aprendizaxe de como era realmente a vida salvaxe. Chegou ao Stampede Trail incluso sen un mapa da área. Se tivese un mapa podería saír sen dificultades. […] Esencialmente, Chris McCandless suicidouse.

Judith Kleinfeld escribiu no Anchorage Daily News que moitos habitantes de Alasca reaccionaron con rabia fronte á súa estupidez. Tería que ser un completo idiota, afirman, para morrer de inanición en pleno verán a 20 millas da estrada.

A súa vida e figura son paralelas á de Everett Ruess, que viviu en circunstancias parecidas pero que desapareceu misteriosamente no deserto de Utah.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]