Chourizo (crustáceo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chourizo
Aristaeomorpha foliacea
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Dendrobranchiata
Superfamilia: Penaeoidea
Familia: Aristeidae
Xénero: Aristaeomorpha
Especie: A. foliacea
Nome binomial
Aristaeomorpha foliacea
(Risso, 1827)[1]
Sinonimia
Véxase o texto

O chourizo[2] (Aristaeomorpha foliacea (Risso, 1827)[1] é un crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos aristeidos.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1827 polo naturalista nizardo Giuseppe Antonio Risso, coñecido como Antoine Risso,[3] baixo o nome de Penaeus foliacea.[1]

Ao longo da historia coñeceuse polos seguintes sinónimos:[1]

  • Aristaeomorpha giglioliana Wood-Mason, 1892
  • Aristaeomorpha mediterranea Adensamer, 1898
  • Aristaeomorpha rostridentata (Spence Bate, 1888)
  • Aristeus japonicus Yokoya, 1933
  • Aristeus rostridentatus Spence Bate, 1881
  • Penaeus meridionalis Hope, 1851

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Para Aristaeomorpha foliacea rexístranse, na bibliografía galega, os seguintes nomes:

  • No seu Inventario, Ríos Panisse recolle chouriso en tres localidades, cos castelanismos chorizo en dúas, e chorizón noutra; e carabinero (un castelanismo) noutros tres portos.[2]
  • Pola súa parte, Rosa Ramonell, na súa Guía, dálle os nomes de gamba roxa e chourizo.[4]
  • Finalmente, Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario, adxudícanlle o de gamba vermella.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha gamba de dimensións medias, de entre 15 a 20 cm, pero que pode chegar a medir atá 22,5 cm.[6][7] Os machos son un pouco máis pequenos que as femias e non chegan aos 20 cm.

O seu rostro é moi curto[8] e, como en todos os crustáceos pertencentes ao xénero Aristaeomorpha, presenta máis de 4 dentes na parte dorsal.[9]. Nos exemplares feminimos o número de dentes é de 5 a 6.[8]

A casca do cefalotórax é robusta e está provista de espiñas, e é dunha cor vermella escura avelulada. O abdome é longo, cos segmantos terceiro a sexto aquillados dorsalmente e rematado por detrás nunha aguda e pequena espiña.[6] Presenta cinco apéndices natatorios e o último segmento abdominal termina nunha cola (telson) con forma de abano.[10] O telson é estreito, e está rematado en punta aguda. Os pleópodos teñen forma de látego groso e segmentado, e os uropodios son amplos e laminados.[6]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

É unha especie típica de fondos fangosos,[7] difundida por todos os océanos.[11]

Vive en grupos a profundidades superiores aos 200 m,[6] normalmente entre os 250 e os 1.300 m,[7] en augas con temperaturas ao redor dos 13,5 °C.[6]

No Atlántico oriental distribúese desde o golfo de Biscaia até as costas africanas desde Marrocos até Suráfrica.[6] É común no Mediterráneo, desde España até Grecia.[1] En España o maior volume de pesca acádase nas rexións pesqueiras suratlántica, levantina e tramontana.[12]

Tamén se pesca no golfo de México, en Australia, Nova Zelandia e tamén no Xapón e nas illas Canarias.[1]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Ten unha dieta composta principalmente de invertebrados mariños, especialmente dos que compoñen o krill.[13]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Reprodúcese en verán.

Pesca[editar | editar a fonte]

Esta especie péscase con artes de arrastre de profundidade; por iso, a súa presenza nos mercados aínda é recente. A maioría destas gambas que vemos nas lonxas galegas procede da rexión suratlántica e de Marrocos [Cómpre referencia], a onde van pescalas os barcos galegos. Comercialízase fresca e conxelada.[12]

Péscase frecuentemente no Mediterráneo, sobre todo en España e Italia.[8] Tamén se captura amplamente en Alxeria e Israel, así como en Nova Zelandia.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Aristaeomorpha foliacea (Risso, 1827) no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 20.
  3. Na obra: Risso, A. (1827): "Sur quelques nouveaux Crustacés observés dans la mer de Nice". Journal de Physique, de Chimie et d’Histoire Naturelle 95: 242-248.
  4. Ramonell, R. (1985), p. 206.
  5. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 227.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ramonell, R. (1985), p. 207.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Holthuis (1980), p. 8.
  8. 8,0 8,1 8,2 Luther & Fiedler (2012), p. 112.
  9. Fischer, W. & G. Bianchi (1984), p. 3.
  10. Fischer, W. & G. Bianchi (1984), p. 1.
  11. "Aristaeomorpha foliacea". Consultado o 17 de agosto de 2014. 
  12. 12,0 12,1 Ramonell, R. (1985), p. 208.
  13. Aristaeomorpha foliacea, giant red shrimp. SeaLifeBase Consultada o 17 de agosto de 2014.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]