Chlamydophila psittaci

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chlamydophila psittaci
Marcaxe con anticorpo fluorescente directo dun frotis de cerebro de rato no que se mostra C. psittaci.
Marcaxe con anticorpo fluorescente directo dun frotis de cerebro de rato no que se mostra C. psittaci.
Clasificación científica
Reino: Bacteria
Filo: Chlamydiae
Orde: Chlamydiales
Familia: Chlamydiaceae
Xénero: 'Chlamydophila'
Especie: ''C. psittaci''
Nome binomial
''Chlamydophila psittaci[1]

Chlamydophila psittaci (antes chamada Chlamydia psitacci) é unha especie bacteriana intracelular que pode causar a psittacose respiratoria en humanos, a clamidíase aviaria endémica, e estalidos infecciosos epizoóticos en mamíferos. Entre os hóspedes potenciais están as aves silvestres e domésticas e o gando vacún, porcos, ovellas e cabalos. Chlamydophila psittaci transmítese por inhalación, contacto ou inxestión entre as aves e a mamíferos. A psittacose en aves e humanos adoita comezar con síntomas semellantes aos dun arrefriado e despois convértese nunha pneumonía que pode ser mortal. Moitas cepas permanecen quiescentes en aves ata que se activan polo estrés. As aves son excelentes vectores, pola súa grande mobilidade, para a distribución das infeccións clamidiais, e porque se alimentan ou teñen acceso a detritos de animais infectados de todas clases.

Chlamydophila psittaci clasificábase anteriormente como Chlamydia psittaci. As antigas cepas aborto, felina e de cobaias de Chlamydia psittaci "de mamíferos" foron reclasificadas en tres novas especies, que son: Chlamydophila abortus, Chlamydophila felis, e Chlamydophila caviae.

C. psittaci en aves pode ser sistémica con infeccións non aparentes, grave, aguda ou crónica con intermitencia.[2][3][4][5] As cepas de C. psittaci de aves infectan a células epiteliais mucosas e a macrófagos do tracto respiratorio. Xeralmente acaba por desenvolverse unha septicemia e a bacteria queda localizada nas células epiteliais e macrófagos da maioría dos órganos, conxuntiva, e tracto gastrointestinal. Pode tamén transmitirse aos ovos. O estrés pode activar o comezo dos síntomas graves, que dan lugar a unha deterioración rápida e á morte. As cepas de C. psittaci son similares en virulencia, crecen rapidamente en cultivo celular, os seus xenes do ARNr de 16S difiren <0,8%, e pertencen a oito serovares. Todas se consideran doadamente transmisibles aos humanos.

C. psittaci serovar A é endémico entre as aves psittacinas (papagaios) e ten causado doenzas zoonóticas esporádicas en humanos, outros mamíferos e tartarugas. O serovar B é endémico entre os pombos, e foi illado dos pavos, e identificado como causa de abortos en vacas leiteiras. Os serovares C e D poden causar enfermidades profesionais aos traballadores de matadoiros e ás persoas que están en contacto con aves. Os illados do serovar E (chamados Cal-10, MP ou MN) obtivéronse de diversos hóspedes aviares en todo o mundo e, aínda que foron asociados cun estalido infeccioso en humanos nas décadas de 1920–1930, non se identificou un resevorio específico para o serovar E. Os serovares M56 e WC foron illados durante estalidos infecciosos en mamíferos. Moitas capas de C. psittaci son susceptibles aos virus bacteriófagos.

Ciclo de vida e método de infección[editar | editar a fonte]

Ciclo de vida de Chlamydophila psittaci.

Chlamydophila psittaci é unha pequena bacteria de 0,5 micrómetros, que sofre varias transformacións durante o seu ciclo de vida. Está en forma de corpo elemental fóra dos hóspedes, o cal non é biolóxicamente activo, pero é moi resistente aos estreses do ambiente natural e así pode sobrevivir fóra do hóspede. O corpo elemental viaxa desde unha ave infectada aos pulmóns dunha ave ou persoa non infectadas en pequenas gotas, e é responsable da infección. Unha vez nos pulmóns, o corpo elemental é captado pola célula nunha vesícula chamada endosoma por un proceso chamado fagocitose. Porén, o corpo elemental non se destrúe pola fusión de lisosomas, como é típico noutros materiais fagocitados, senón que se transforma nun corpo reticulado e empeza a replicarse dentro do endosoma. Os corpos reticulados deben utilizar parte da maqueinaria celular do hóspede para completaren a súa replicación. Os corpos reticulados despois volven a converterse en corpos elementais, e son liberados nos pulmóns, xeralmente despois de causar a morte da célula hóspede. Os corpos elementais poden así infectar novas células, no mesmo organismo ou nun hóspede novo. Deste xeito, o ciclo de vida de C. psittaci está dividido entre a fase de corpo elemental, que pode infectar a novos hóspedes pero non se pode replicar, e o corpo reticulado, que se replica pero non pode causar novas infeccións.

Historia[editar | editar a fonte]

A enfermidade causada por C. psittaci, chamada psittacose, identificouse por primeira vez en 1879 cando sete persoas en Suíza contraeron pneumonía despois de ter estado expostas a aves tropicais que tiñan como mascotas. No inverno de 1929-1930, espallouse por Europa e Estados Unidos unha psitacose pandémica. A súa taxa de mortalidade foi do 20% e chegou ao 80% nas mulleres preñadas. O espallamento da enfermidade foi atribuída á exposición a papagaios do Amazonas importados de Arxentina. Aínda que C. psittaci foi identificada en 1930 como o axente responsable da psittacose, non se descubriu que era unha bacteria ata que se examinou con microscopio electrónico na década de 1960 (antes moitas clamídias considerábanse virus).[6]

Confirmación do diagnóstico e tratamento[editar | editar a fonte]

Ademais dos síntomas, poden utilizarse para confirmar o diagnóstico probas de fixación do complemento, de microinmunofluorescencia e PCR.

Para o tratamento desta condición poden utilizarse a tetraciclina ou os macrólidos. Estes fármacos adminístranse por vía intravenosa ou oral durante 10–14 días ata que a febre cede. En nenos e mulleres preñadas, non se debería usar a tetraciclina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Everett, K. D. E.; Bush, R. M.; Andersen, A. A. (1999). "Emended description of the order Chlamydiales, proposal of Parachlamydiaceae fam. nov. and Simkaniaceae fam. nov., each containing one monotypic genus, revised taxonomy of the family Chlamydiaceae, including a new genus and five new species, and standards for the identification of organisms". International Journal of Systematic Bacteriology 49 (2): 415–440. DOI:10.1099/00207713-49-2-415. ISSN 0020-7713. PMID 10319462.
  2. http://www.chlamydiae.com/docs/Chlamydiales/genus_chlamydophila.asp
  3. Andersen AA (September 2005). "Serotyping of US isolates of Chlamydophila psittaci from domestic and wild birds". J. Vet. Diagn. Invest. 17 (5): 479–82. DOI:10.1177/104063870501700514. PMID 16312243. http://www.jvdi.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=16312243.
  4. Dorrestein GM, Wiegman LJ (December 1989). "[Inventory of the shedding of Chlamydia psittaci by parakeets in the Utrecht area using ELISA]" (en Dutch; Flemish). Tijdschr Diergeneeskd 114 (24): 1227–36. PMID 2617495.
  5. Sareyyupoglu B, Cantekin Z, Bas B (2007). "Chlamydophila psittaci DNA detection in the faeces of cage birds". Zoonoses Public Health 54 (6–7): 237–42. DOI:10.1111/j.1863-2378.2007.01060.x. PMID 17803512. http://onlinelibrary.wiley.com/resolve/openurl?genre=article&sid=nlm:pubmed&issn=1863-1959&date=2007&volume=54&issue=6-7&spage=237.
  6. Harkinezhad, Taher; Geens, Tom; Vanrompay, Daisy (1 March 2009). "Chlamydophila psittaci infections in birds: A review with emphasis on zoonotic consequences". Veterinary Microbiology 135 (1-2): 68–77. DOI:10.1016/j.vetmic.2008.09.046.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outras lecturas[editar | editar a fonte]

  • Brock Biology of Microorganisms (10th ed.). Upper Saddle River, NJ: Prentice Hall. 2003. ISBN 0-13-049147-0.