Chaves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Chaves
Este artigo trata sobre a cidade portuguesa, para o signo tipográfico véxase chaves (tipografía).

Chaves é unha cidade portuguesa do Distrito de Vila Real, Rexión Norte e subrexión do Alto Tras-os-Montes, cunha poboación de cerca de 19.300 habitantes. É sede dun municipio con 590,42 km² de área e 44.186 habitantes (2006), subdividido en 51 freguesías.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Chaves está edificada sobre un outeiro de ladeira suave, que é bordeado polo río Támega, pero a tradicional prosperidade da cidade repousa sobre a extensa chaira que a rodea, popularmente denominada A Veiga, a ambas dúas beiras do río, que alcanza unha lonxitude de 9 km e unha largura de 3 km. Esta chaira, fértil, está irrigada por canles, dos que o máis importante é o que se inicia en Vila Verde da Raia, seguindo a marxe dereita do Támega ata Vilar de Nantes.

O municipio limita ao norte con Galiza, ao sueste con Valpaços, ao suroeste con Vila Pouca de Aguiar, ao leste con Vinhais e ao oeste polos termos municipais de Boticas e Montalegre. A cidade dista 12 km da fronteira con Galiza, e 22 km de Verín. Da capital do distrito, Vila Real, sepárana 60 km pola Autoestrada Nacional 02.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima de Chaves é de transición entre tipo oceánico e o continental. As montañas entre a rexión do Minho e a dos Tras-os-Montes, funcionan como unha barreira climática, caendo menos precipitacións segundo se avanza cara o Leste. Os invernos poden ser fríos, pois en xaneiro rara vez se acadan os 10 °C, descendendo as temperaturas con frecuencia por baixo de 0 ºC. Espesas néboas, pairadas sobre o val, son frecuentes nos días secos. O verán está caracterizados por días secos con temperaturas máximas de arredor de 30 °C e mínimas sobre uns 15 ºC. Os incendios poden facer desagradábel esta estación.

Historia[editar | editar a fonte]

Os achados obtidos na zona de Chaves, remontan ao Paleolítico. Restos provenientes do Neolítico, do Calcolítico en Mairos, Pastoria, S. Lourenço etc., e das culturas proto-históricas, especialmente nos múltiples castros, aparecen en todo o Alto Támega.

Logo da conquista, os romanos interesáranse sobre todo na explotación mineira dos actuais Tras-os-Montes, convertendo o núcleo orixinario nunha cidade segundo o modelo da súa civilización, dotándoa de termas, aproveitando os mananciais de augas quentes no propio lugar; alzaron a ponte de Traxano sobre o río Támega, trazaron verdadeiras rúas, e, por último, foi incluso cercada de murallas, etc. Nomeado como Aquae Flaviae, coidase que mesmo foi elevada á categoría municipal en época de Vespasiano, no ano 79

Calcúlase, polos vestixios encontrados, que o núcleo e centro cívico da cidade se situaba no alto envolvente da área hoxe ocupada pola Igrexa Matriz. Aínda hoxe lembra a traza romana, co Foro, o Capitolio e a Vía Decumana, que sería a actual rúa Direita. Foi nesta área que foran e aínda son (2006) encontrados os máis relevantes vestixios arqueolóxicos, expostos no Museo da Rexión Flaviense, como é o caso dunha lápida alusiva a un combate de gladiadores.

O auxe da dominación romana verificouse ata o inicio do século III. A chegada dos invasores xermanos, especialmente os Suevos e Alanos, provenientes do Leste europeo, puxo termo ao sistema político romano. Formado o reino suevo, as guerras entre Remismundo e Frumario, que disputaba o dereito ao trono, tiveran como consecuencia unha case total destrución da cidade, a vitoria de Frumario e a prisión do Idacio, notábel bispo de Chaves. O reino suevo, foi substituído, a fins do século VI, polo dominio visigodo, que durou ata que árabes e mouros, provenientes do Norte de África, invadiran a rexión, no inicio do século VIII.

Cos árabes, tamén o islamismo invadiu o espazo ocupado polo cristianismo, o que determinou unha aceda querela relixiosa e provocou a fuga das poboacións residentes para as montañas a Noroeste con inevitábeis destrucións. As escaramuzas entre mouros e cristiáns duraran ata o século XI. A cidade comezou por ser reconquistada aos mouros no século IX, por Afonso III, rei de León, quen cede terras (872) para que fosen repoboadas polo seu irmán Odoario. Porén, logo despois, no primeiro cuarto do século X, volveu caer no poder dos mouros, até que no século XI, Afonso III, rei de León, a rescatou, mandou reconstruír, poboar e cercar novamente de murallas.

Foi por volta de 1160 que Chaves integra o país que xa era entón Portugal, co a participación dos lendarios Ruy Lopes e Garcia Lopes, tan intimamente ligados á historia desta terra. Pola súa situación fronteiriza, Chaves era vulnerábel ao ataque de invasores e como medida de protección Don Dinis (1279-1325), mandou levantar o castelo e as murallas que aínda hoxe dominan grande parte da cidade e a súa periferia.

Escenario de varios episodios bélicos no século XIX, celebra a 20 de setembro de 1837, a Convención de Chaves, despois do combate de Ruivães, que puxo termo á revolta Cartista de 1837, ou revolta dos marechais.

A 8 de xullo de 1912 trabouse o combate entre as forzas realistas de Paiva Couceiro e as do goberno republicano, mandadas polo coronel Ribeiro de Carvalho, de que resultou o fin da 1ª incursión monárquica.

A 12 de marzo de 1929 Chaves foi elevada á categoría de cidade.

Freguesías[editar | editar a fonte]

As freguesías de Chaves son as seguintes:

Monumentos[editar | editar a fonte]

  • Ponte de Traxano e estelas alí levantadas.
  • Castelo.
  • Igrexa Matriz ou de Santa María.
  • Pelourinho ou rollo.
  • Padrón dos pobos.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Algúns dos pratos típicos de Chaves e Alto Támega son o presunto (xamón) de Chaves e Barroso, o salpicão - salchichón -, as lingüizas, as alleiras, a posta barrosá, o cabrito asado ou estufado, o cocido á transmontana, a feixoada á transmontana, os millos á romana, as trutas ou troias, recheas co famoso presunto de Chaves, os Pasteis de Chaves e o Folar, unha empanada a base de masa fofa rechea de carne de porco, presunto, salpicão e lingüiza.

Flavienses ilustres[editar | editar a fonte]