Charles Stuart

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sir Charles Stuart.

Charles Stuart, primeiro barón Stuart de Rothesay, nado o 2 de xaneiro de 1779 e finado o 6 de novembro de 1845, foi un aristócrata e diplomático británico, que exerceu como representante do seu goberno perante a Soberana Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, foi dúas veces embaixador na Francia postnapoleónia e tamén serviu como embaixador en Rusia entre 1841 e 1844.

Primeiros pasos[editar | editar a fonte]

Stuart era fillo do Tenente Xeneral sir Charles Crichton-Stuart, fillo menor do primeiro ministro John Stuart, terceiro conde de Bute, e de Louisa, filla de Lord Vere Bertie, que era o fillo menor de Robert Bertie, primeiro duque de Ancaster e Kesteven. Foi educado no prestixioso Colexio Eton no Christ Church da Universidade de Oxford.[1]

Carreira diplomática[editar | editar a fonte]

Comezo[editar | editar a fonte]

Ingresou no servizo diplomático en 1801, sendo inmediatamente nomeado Secretario da Legación en Viena, posto que ocupou até 1804. Despois foi enviado a San Petersburgo e, en 1808, destinado á Coruña, ante a Xunta Suprema do Reino de Galicia, na parte de España lbre, de momento, da ocupación francesa.[1]

Diplomático en Galicia[editar | editar a fonte]

O 16 de xuño de 1808 a Xunta Suprema do Reino de Galicia que, ante o cativerio de Fernando VII en Francia, se autoproclamara Soberana o anterior 31 de maio,[2] designou como representantes ou embaixadores perante a corte de San Xaime a Xoaquín Freire de Andrade e Francisco Bermúdez de Castro e Sangro:

"El Reyno de Galicia congregado en la ciudad de La Coruña por medio de sus representantes ha reasumido en sí la Soberanía y toda la Autoridad Suprema de su Rey el Sr. D. Fernando VII, por su ausencia y detención en Francia, habiéndose declarado independiente del acual Gobierno de Madrid. Quedan con las armas en la mano sus hijos y envía al caballero D. Francisco Sangro como su enviado para los objetos de que V.E. quedará insturuido".[3]

As peticións que o reino de Galicia transmitía por medio dos seus delegados ao Reino Unido eran as seguintes:

  • Apoio militar a Portugal.
  • Auxilios de municións, víveres e diñeiro.
  • Liberdade de comercio desde Galicia a América do Sur, xa que a cuasa da ocupación de España por Francia, Iglaterra puxera cerco ao comercio que saíra dos portos españois ou entrara por eles.
  • Liberdade para os pesos españois en Inglaterra.
  • Posibilidade de que retornara a Galicia o exército que ao mando do Marqués de la Romana estaba en Dinamarca.

A resposta do goberno inglés foi plenamente satisfactoria, xa que se comprometeu a enviar a Portugal un exército ao mando do xeneral Wellesley, obrigouse a transportar o exército de Dinamarca, liberou aos prisioneiros, asegurou a libre navegación e comezou a enviar municións e diñeiro e, ademais, o goberno británico desprazou a Galicia a sir Charles Stuart con carácter oficial de embaixador, que foi comisionado para apoiar á Xunta sublevada contra a invasión napoleónica.

Porén, os envíos de diñeiro tiñan, naturalmente, varias contrapartidas. Ademais da liberdade de comercio que conseguiu Inglaterra a partir dese momento, que facilitou a entrada masiva de lenzos ingleses con notábel prexuízo para a burguesía galega, as remesas de diñeiro, sen xuros, estaban ben aseguradas.[4] Nun documento datado o 29 de xullo de 1808 e transcrito por Díaz Otero podemos ler as condicións do empréstito:

"El Reyno de Galicia, Potestad Suprema y Soberana de él, en nombre de S.M. el Sr. D. Fernando VII, su rey legítimo (...) preso y detenido en Francia (...) declara: Haber recibido de S.M. el Sr. D. Jorge III, rey del Reyno Unido de la Gran Bretaña, Escocia e Irlanda, por entrega de su enviado Extraordinario el Caballero Don Carlos Stuart arribado a ete puerto en la fragata Algimene, la cantidad de ochocientos treinta y oho mil ochocientos ochenta y tres y tres cuartos peos fuertes, moneda de cuño español (...) que ha tenido la generosidad de prestarle sion interés y con calidad de reintegro (...) constuituye todos los Estados de esta Monarquía, su Patrimonio Real y Rentas por garantía, obligación e hipoteca general (...) y señaladamente las de este Reyno de Galicia, y por hipoteca especial asigna las rentas del tabaco y la sal de este mismo Reyno y las contribuciones impuestas o que se impongan en lo sucesivo".

Do éxito da embaixada galega faise eco o historiador conde de Toreno:

"De Inglaterra llegaron también a Galicia prontos y cuantiosos auxilios. Su diputado D. Francisco Sangro fue honrado y obsequido por aquel Gobierno, y se remitieron libres a La Coruña los prisioneros españoles que gemían hacía años en los pontones británicos. Arribó al mismo puerto Sir Charles Sutart, primer diplomático inglés que en calidad de tal pisó el suelo español. La Junta (de Galicia) se esmeró en agasajarle y darle pruebas de su constante anhelo por estrechar los vínculos de alinza y amistad con S.M.B".[5]

Ao desembarcar na Coruña sir Charles Stuart levou a noticia de que foran postos en liberdade e que serían conducidos a España todos os prisioneiros capturados no sitio de Buenos Aires, que xemían nos pontóns anclados no Támesis. Precedido da fama de aquelas probas da alianza e xenerosidade británicas, o comisionado foi recibido en triunfo polos habitantes da Coruña, ávidos de mostrarlle á súa gratitude e a súa alegría.[6]

Durante o seu destino como embaixador en España (realmente en Galicia) a súa actuación foi indispenásbel para o duque de Wellington.[7]

Embaixador nas cortes europeas[editar | editar a fonte]

Stuart serviu como embaixador extraordinario e ministro plenipotenciario en Portugal e Brasil entre 1810 e 1814. Despois da caída de Napoleón en 1815, foi brevemente embaixador nos Países Baixos entre febreiro e maio dese ano. A petición do xeneral Wellington foi nomeado embaixador británico en Francia. Durante os Cen Días abandonou París cara a Bruxelas, onde se encontraba ao inicio da batalla de Waterloo; durante a súa estadía na capital belga asistiu ao Baile da duquesa de Richmond.[7] Despois da definitiva caída de Napoleón, acompañou ao exiliado rei francés Luís XVIII de volta a París e converteuse de novo en embaixador británico alí, até 1824. Desde 1825 a 1826 foi unha vez máis nomeado embaixador en Portugal e Brasil. En 1825 foi creado conde de Machico por Xoán VI de Portugal e, en 1826, marqués de Angra en Brasil por María II de Portugal. Así mesmo, foi cabaleiro da Orde da Torre e a Espada.[1]

En 1825 o rei Xoán VI nomeou a Stuart o seu plenipotenciario con poderes para negociar e asinar un tratado sobre o recoñecemento da independencia de Brasil con respecto ao Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve. Investido dos poderes, Stuart asinou o tratado recoñecendo a independencia brasileira o 29 de agosto de 1825, e o 15 de novembro do mesmo ano o rei de Portugal ratificou o tratado.

O 22 de xaneiro de 1828 foi novamente nomeado embaixador en París e, o mesmo día, elevado ao título nobiliario de barón Stuart de Rothesay, da illa de Bute (Escocia).[8] Continuou como embaixador en Francia até 1831, data en que deixou o servizo diplomático.

Porén, en 1841 foi nomeado embaixador en Rusia, posto que ocupou até 1844, en que a abandoou a cuasa dunha enfermidade.

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Elizabeth, a esposa de Charles Stuart, e as súas fillas Charlotte e Louisa.
Cadro pintado en París por George Hayter, 1830.
Castelo de Highcliffe.

O 6 de febreiro de 1818 Stuart casou con Elizabeth Margaret Yorke, filla de Philip Yorke, terceiro conde de Hardwicke, coa que tivo dúas fillas:

  • Charlotte Stuart (1817–1861), que foi esposa de Charles Canning, primeiro conde Canning.
  • Louisa Stuart (1818 - 1891), que foi esposa de Henry Beresford, terceiro marqués de Waterford.

Xubilado antecipadamrnte do servizo diplomático en 1831, Stuart mandou construír unha nova casa familiar. En 1830 comprara unha finca en Highcliffe, Dorset, que previamente fora dos seus antepasados e que vendera o seu pai. Entre 1831 e 1835 construiuse o castelo de Highcliffe,[9] unha masión de estilo neogótico.

En 1844, debido a problemas de saúde, regresou a Inglaterra, deixando a embaixada de San Petersburgo e retirándose ao seu castelo de Highcliffe, no que morreu o 6 de novembro de 1845, aos 66 anos de idade.[9] Ao non ter ningún herdeiro masculino, o título de barón Stuart de Rothesay extinguiuse coa súa morte. Foi enterrado na igrexa de St Mark, Highcliffe, e o seu monumento mortuorio aínda pode verse hoxe alí.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 thepeerage.com Charles Stuart, 1st and last Baron Stuart de Rothesay (Charles Stuart, 1º e último barón Stuart de Rothesay en The Peerage.com (en inglés)
  2. Díaz Otero, Antón (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia, 1808-1813. Memoria de Licenciatura. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Xeografía e Historia, pro ms., pp. 45-46.
  3. Díaz, Op. cit. p. 162.
  4. Barreiro (1982), p. 59.
  5. Conde de Toreno: Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808), pp. 61-62.
  6. Gómez de Arteche, José (1868): Guerra de la Independencia: Historia militar de España de 1808 á 1814, Volumen 1, p. 384.
  7. 7,0 7,1 De Ros, Georgiana, Dowager Lady (xullo de 2005): "Personal Recollections of the Duke of Wellington" en The Regency Library. (en inglés)
  8. The London Gazette: nº 18433. p. 122. 18 January 1828.
  9. 9,0 9,1 Lord Stuart de Rothesay en Highcliffe Castle. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Charles Stuart

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Artola, Miguel (1977): La guerra de la indpendencia. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 9788467026245.
  • Artola, Miguel (2008): La España de Fernando VII. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 9788467029185.
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma. ISBN 84-300-6423-0.
  • Conde de Toreno (2008): Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808). Ed. de J. M. Martínez Valdueza. Astorga, León: Editorial Akrón. ISBN 978-84-936293-4-2.
  • González López, Emilio (1975): El águila gala y el búho gallego. La insurrección gallega contra los franceses. Buenos Aires: Ediciones Galicia.
  • Moliner Prada, Antonio (2008): "De las Juntas a la Regencia. La difícil articulación del poder en la España de 1808", Historia Mexicana, vol. LVII, nº 1 (xullo-setembro). Artigo completo en PDF Inclúe un capítulo sobre "Las Juntas gallegas como ejemplo".