Cercozoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cercozoos
Cercomonas
Cercomonas
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Rhizaria
Filo: Cercozoa
Cavalier-Smith 1998[1]

Os cercozoos ou Cercozoa son un grupo de protistas. Forman parte do supergrupo Rhizaria, e normalmente son considerados un filo e noutras clasificacións un reino.

O grupo inclúe a maioría dos protistas ameboides e flaxelados que se alimentan por medio de pseudópodos filosos. Estes pseudópodos poden estar restrinxidos a unha parte da superficie celular, pero sen que haxa nunca un verdadeiro citostoma ou "boca" como a que se atopa noutros protozoos. Presentan formas moi variadas [2] e son difíciles de definir en termos de características estruturais, aínda que a súa unidade como grupo apóiase en fortes evidencias procedentes dos estudos xenéticos. Os Cercozoa están moi relacionados cos Foraminifera e Radiolaria, ameboides, que xeralmente teñen cunchas complexas, e os tres grupos xuntos forman o supergrupo Rhizaria.

Tipos[editar | editar a fonte]

Euglypha sp..
Chlorarachnion reptans.

Unha forma de agrupalos é nos grupos "filosa" e "reticulosa". [3]

Filosa (sufilo Filosa)[editar | editar a fonte]

Os cercozoos mellor coñecidos son os euglífiidos, que pertencen a este grupo. Son amebas filosas con cunchas formadas por escamas ou placas silíceas, que se atopan nos solos, augas ricas en nutrientes, e nas plantas acuáticas. Algunhas outras amebas filosas producen cunchas de material orgánico, como nos tectofilósidos e Gromia. Antes clasificábanse cos euglífidos como Testaceafilosia. Este grupo non é monofilético, pero case todos os seus membros estudados son ou están moi próximos aos Cercozoa, e están relacionados con flaxelados con cuncha similares. Outros notables cercozoos filosos son as cercomónadas, que son similares a flaxelados do solo.

Reticulosa (subfilo Endomyxa)[editar | editar a fonte]

Outro importante grupo son as cloraracniófitas, que son estrañas amebas que forman unha rede. Clasifícanse á parte pola presenza de cloroplastos, que aparentemente obteñen das algas verdes que inxiren (ver cleptoplastia), e que están rodeados de catro membranas e aínda posúen un núcleo vestixial, chamado nucleomorfo. Espertaron un grande interese entre os investigadores que estudan a orixe de certos orgánulos por endosimbiose.

As Chlorarachniophyta son ás veces clasificados dentro do grupo Filosa, en vez do Endomyxa (Reticulosa), entanto que grupos como Gromia son ás veces considerados Endomyxa. [4]

Non agrupados[editar | editar a fonte]

Ademais, existen tres grupos, que se consideraban tradicionalmente heliozoos, que pertencen aos cercozoos. Son os Heliomonadida, Desmothoracida, e Gymnosphaerida, que foron recentemente agrupados na clase de nova creación Granofilosea. [3]

Finalmente, os cercozoos inclúen aos Phaeodarea, protozoos mariños que antes eran considerados radiolarios.

Clasificación[editar | editar a fonte]

A clasificación e composición exacta dos grupos dos Cercozoa aínda está en elaboración. Un esquema xeral é o seguinte:

Clase Chlorarachnea Chlorarachniophyta
Clase Proteomyxidea Gymnophryida, Heliomonadida, Desmothoracida, Gymnosphaerida, etc.
Clase Sarcomonadea Cercomonadida
Clase Imbricatea / Silicofilosea Euglyphida e Thaumatomonadida
Clase Thecofilosea Tectofilosida e Cryomonadida
Clase Phaeodarea
Clase Ebridea Ebridea

Ademais hai dous grupos parasitos, os Phytomyxea e os Ascetosporea, e a ameba con cuncha Gromia pode ser un cercozoo basal, aínda que algunhas árbores sitúanos próximos aos foraminíferos.

As espongomónadas foron tamén incluídas aquí, pero máis recentemente algunhas clasificacións os sitúan dentro dos Amoebozoa.

Algúns outros pequenos grupos de protozoos considéranse cercozoos pero a súa situación dentro do grupo non está clara, e é probable que moitos xéneros de protozoos de difícil clasificación pasen a integrarse nos cercozoos en futuros estudos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cavalier-Smith, T. (1998). "A revised six-kingdom system of life". Biological Reviews of the Cambridge Philosophical Society 73 (3): 203–266. DOI:10.1111/j.1469-185X.1998.tb00030.x. PMID 9809012. 
  2. Cavalier-Smith T, Chao EE (October 2003). "Phylogeny and classification of phylum Cercozoa (Protozoa)". Protist 154 (3–4): 341–58. DOI:10.1078/143446103322454112. PMID 14658494. 
  3. 3,0 3,1 Bass D, Chao EE, Nikolaev S, et al. (February 2009). "Phylogeny of Novel Naked Filose and Reticulose Cercozoa: Granofilosea cl. n. and Proteomyxidea Revised". Protist 160 (1): 75–109. DOI:10.1016/j.protis.2008.07.002. PMID 18952499. http://linkinghub.elsevier.com/retrieve/pii/S1434-4610(08)00044-8. 
  4. "Cercozoa". http://tolweb.org/Cercozoa. Consultado o 2012-06-18. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]