Centro Oncolóxico de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°20′13″N 08°23′26″O / 43.33694, -8.39056

Hospital Oncolóxico Rexional, Labaca.

O Centro Oncolóxico de Galiza é un centro hospitalario da Coruña inaugurado en 1972, que ten por obxectivo principalmente a prestación da asistencia sanitaria especializada en materia oncolóxica.

Funciona dende o ano 2008 como Consorcio, do que son partícipes a Fundación Centro Oncolóxico de Galiza, o concello da Coruña e o SERGAS.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1953 creouse a Asociación Española Contra o Cancro, que se dedicaba basicamente á atención dos enfermos de cancro, para a atención dos seus coidados xerais e tamén tratamentos específicos, para o que recadaba fondos mediante cuestacións e doazóns.

A finais de 1960 a AECC decidiu crear centros monográficos que trataran aos doentes de cancro. O Estado Español adquiriu 20 equipos de cobalto, que foron empregados pola AECC para dotar os centros que creara, un deles na Coruña, sendo presidente da Xunta Provincial da AECC José Antonio Quiroga y Piñeyro.

En 1970 chégase a un acordo co Concello, que autoriza a crear un edificio pegado ao Hospital de Beneficencia Municipal Labaca, no que se abre unha unidade de cobalto 60 que, xunto coa que había na USC e á que despois se instalou en Povisa, eran toda a dotación radioterápica que existía en Galiza.

Co Servizo Nacional de Saúde estableceuse o pago dos servizos que se lles daba aos doentes a través dunhas tarifas xerais que había para todo o estado. En 1972 inaugúrase o centro, sendo director Francisco Carro.

Os centros dependentes da AECC, foron os de Zaragoza, Sevilla, A Coruña, València, Donostia e Barcelona. Este último pasou ao SNS antes de ser rematado. Co tempo, dado o encarecemento das tecnoloxías, do persoal especializado e das novas menciñas, a AECC decidiu irse desprendendo dos restantes.

Valencia e A Coruña constitúense en Fundacións Benéficas sen ánimo de lucro a mediados dos 80. A Fundación Centro Oncolóxico de Galiza José Antonio Quiroga y Piñeyro, constituíuse en 1987, sendo inscrita no rexistro de fundacións galegas se participando no seu padroado a Xunta de Galiza e o concello da Coruña.

Así veu funcionando ata o 2008. Ese ano, o 28 de maio, asinouse o convenio entre a Fundación Centro Oncolóxico de Galiza, concello da Coruña e SERGAS, polo que crean o Consorcio Oncolóxico de Galiza, entidade xurídica pública, de natureza institucional e de base asociativa, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros, adscrito á Consellería de Sanidade, ao que a Fundación contribúe o coa totalidade da capacidade asistencial do Centro Oncolóxico.

O Servizo Galego de Saúde contribúe ao consorcio co financiamento necesario para a prestación da asistencia sanitaria e mediante o contrato-programa co consorcio, que permitirá vincular o seu financiamento cos criterios de planificación do Servizo Galego de Saúde e as necesidades dos usuarios.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]